Deborah García Bello.

Deborah García Bello.

“Os alimentos que consumimos nunca foron tan seguros”

A divulgadora Déborah García presenta en Santiago o seu novo libro, "Todo es cuestión de química"

Todo comezou grazas á paixón e o empeño dun profesor de ciencias na época do instituto. Aí foi cando Déborah García Bello (A Coruña, 1984) decidiu que quería estudar Química para ser profesora. Licenciouse na UDC e impartiu clase en centros de secundaria, bacharelato e FP, ademais de ofrecer cursos de formación en diferentes empresas e entidades. Tamén probou coa poesía, participando en diversas antoloxías e publicando o poemario Megalomanía. O seu blog, Dimetilsulfuro.es, recibiu en 2014 o Premio Bitácoras, apoiado por RTVE, ao mellor blog de Ciencia nacional. Actualmente está realizando a súa tese de doutoramento sobre a Divulgación científica a través da relación entre a ciencia e arte contemporánea, e aínda sacou tempo para publicar un novo libro, Todo es cuestión de química (Ed. Paidós). Esta semana presenta o seu libro no Museo de Historia Natural de Santiago de Compostela.

-Como é iso de que todo é cuestión de química?

-Pois que moitas situacións e tarefas diarias, casos que todos coñecemos, gardan relación cos procesos químicos. E se contamos estas vivencias en relación a algo que nos apaixona e nos atrae, a sensación é moi gratificante. No libro hai unha importante carga emocional, con vivencias persoais, da miña familia e do meu entorno, e iso nótase á hora de plasmalo no papel e transmitirllo á xente.

-Como por exemplo…                 

-Eu sempre falo da cociña. É un auténtico laboratorio que todos temos ao alcance da man na nosa casa. A orde na que cociñamos os ingredientes e os mesturamos, a temperatura á que cociñamos, etc. Todo son procesos químicos. Para iso, utilizo casos comprensibles para todos: a salsa boloñesa da miña avoa, o caldo ou o cocido galego, o proceso de preparación dos iogures artesanais, do queixo, dos lácteos en xeral. Pero hai máis exemplos: os cosméticos, o mecanismo de funcionamento dunha pila… Todo é química.

– ¿Que debe ter unha boa divulgadora científica?

-Para comezar, ten que saber moito de ciencia para saber de que se está falando. E respecto á comunicación, é necesario ter empatía. Hai que intentar que á xente lle interese o que estás contando. É conveniente apelar aos sentimentos e ás vivencias persoais para que a xente preste atención ao que contas.

– Está realizando a tese sobre a relación entre ciencia e arte contemporánea. Como casan estas dúas disciplinas?

-Eu estudo a ciencia como unha ferramenta do arte. Cada novo pigmento, cada novo material, cada nova técnica, repercute nas obras. Venme á cabeza a pintura acrílica. Cando se descubriu, empregábase só na industria. Pero cando se introduciu na arte, foi unha auténtica revolución. Hai unha retroalimentación continua entre ambas disciplinas. Cando un artista ten unha idea innovadora,recurre á ciencia para desenvolvela. Por exemplo, na creación do azul Klein: o artista quere crear unha pintura azul ultramar que conservase o brillo e a intensidade do pigmento seco. E conseguiuno grazas aos químicos.

“A relación entre ciencia e arte é evidente e necesaria”

Nas charlas que realizo, interpreto as obras a través da técnica que utilizan os artistas. Dependendo dos materiais que se empreguen, inténtase transmitir unha ou outra mensaxe. Nisto tamén ten que ver moito o meu irmán, que é escultor. Estamos continuamente intercambiando ideas. En definitiva, que para min é unha relación evidente e necesaria.

– Hai algún caso recente desta relación?

-Si, comentámolo de feito nunha das últimas edicións de “Efervesciencia”: o caso da cor negra absoluta, o Vantablack. Unha empresa británica desenvolveu un material desta cor con vistas a aplicalo na industria aeroespacial e militar. E un artista, Anish Kapoor, mercou os dereitos para empregala. O negro absoluto é unha fixación constante dos artistas de moitas disciplinas, sobre todo a partir do movemento do suprematismo e das obras de Malevich, a comezos do século XX. Seguramente a empresa británica non era consciente disto, pero é unha mostra máis desta relación.

 – Na actualidade tamén vivimos un constante dilema entre os beneficios e os prexuízos dalgúns alimentos e compostos químicos. Cómo podemos estar seguros co que comemos e en xeral, co que consumimos?

-Hai que ter algo moi claro. Os alimentos e outros produtos, coma os cosméticos, nunca foron tan seguros para os consumidores como os son hoxe en día, sempre que se merquen a través dos cauces legais. Todos teñen unha trazabilidade moi detallada e pasan un montón de filtros antes de chegar ao mercado. Todo o mundo pode estar tranquilo. Pero claro, iso non quere dicir que poidamos abusar do consumo de certos produtos. Iso é outra cousa. Por exemplo, se tomamos moitas latas de Coca-Cola todos os días, pode que a cantidade de azucre que esteamos consumindo non sexa moi boa para o noso corpo. E peor co caso do alcol ou o tabaco. Máis que preocuparnos da nosa seguridade alimentaria, deberiamos preocuparnos por desenvolver unha maior educación en hábitos alimenticios a todos os niveis.

Unha resposta a ““Os alimentos que consumimos nunca foron tan seguros””

  1. Xaquín López

    Con decenas de pesticidas en cada peza de fruta e os cosméticos cheos de disruptores endocrinos é alucinante que diga o que dí esta muller. Supoño q os anos son os responsabeis de tanta inxenuidade.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.