Arturo López-Quintela (centro) ao remate do acto de ingreso na RAGC.

Arturo López-Quintela (centro) ao remate do acto de ingreso na RAGC.

O químico Arturo López-Quintela ingresou na Real Academia Galega de Ciencias

O catedrático da Universidade de Santiago de Compostela e fundador de Nanogap destaca pola súa investigación en nanotecnoloxía

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou o 15 de febreiro no Pazo de San Roque (Santiago) o acto de ingreso de Arturo López-Quintela, catedrático no Departamento de Química Física da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e experto en nanotecnoloxía, que se integra na Sección de Química e Xeoloxía.

López-Quintela (Os Peares, Ourense) licenciouse e doutorouse en Ciencias Químicas na USC, onde exerceu como profesor titular ata acadar a súa praza de catedrático en 1990. Ao principio da súa traxectoria investigadora realizou estadías na Universidade de Bielefeld e no Instituto Max Planck, en Alemaña. A esta última institución voltou posteriormente tras conseguir a prestixiosa bolsa Alexander von Humboldt. Exerceu como profesor visitante en diversas universidades estadounidenses, italianas e xaponesas.

O discurso de ingreso do novo académico da RAGC titulouse “Clústeres cuánticos de átomos: o último reducto da química por descubrir nos límites da nanotecnoloxía”. Logo de pronuncialo, recibiu a medalla de mans do presidente da RAGC, Miguel Ángel Ríos, e o diploma polo reitor da USC, Juan Viaño.

Ao acto asistiron tamén, entre outros, o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde; a secretaria xeral da Universidade de Vigo, Gloria Pena; o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares; a directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey; o presidente do Colexio Oficial de Químicos de Galicia, Manuel Rodríguez; o secretario xeral de Anfaco-Cecopesca, Juan M. Vieitez; e a decana da Facultade de Químicas da USC, Pilar Bermejo.

López-Quintela é tamén o fundador de Nanogap, con sedes en Galicia e Estados Unidos

Ao longo dos últimos anos, López-Quintela compaxinou o seu labor docente e investigador co emprendemento innovador. Os seus amplos coñecementos en nanotecnoloxía animárono a participar como cofundador da empresa Nanogap, spin-off da USC, da que na actualidade exerce como conselleiro científico principal. A empresa, fundada en 2006, emprega a 15 persoas en España e a outras dúas na súa filial en San Francisco (EUA). Nestes dez anos, posicionouse como unha das compañías líderes no mundo na produción de nanofibras de prata a escala industrial para aplicacións en óptica e electrónica, ademais de ser a única a nivel mundial capaz de producir clústeres de metais subnanométricos para aplicacións en catálise, óptica, biosensores e medicina. A singular traxectoria de Nanogap viuse xa recoñecida con numerosos premios, como o Emprendedor XXI e ENISA.

López-Quintela ten publicado ao longo da súa carreira 279 artigos en revistas científicas e acredita o mérito de que lle foran concedidas todas as patentes que solicitou ata o momento, un total de 21, das que ten licenciadas 13 para a súa explotación comercial.

É coeditor do Journal of Colloids and Interface Sciencie desde 2005 e foi presidente e cofundador do Grupo Coloides e Interfases da Real Sociedad Española de Química entre 2002 e 2005.

No capítulo dos recoñecementos, logo de recibir o Premio Extraordinario de Doutoramento da USC e o premio á mellor tese doutoral na área das ciencias experimentais da Universidade Internacional Menéndez Pelayo, ambos os dous en 1981, recibiu varios galardóns polo seu labor investigador. Entre eles figuran o Premio Proxecto de Investigación Fundación Domingo Martínez, en 1994, e o Premio de Investigación Burdinola en 1998, este último compartido con José Rivas.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.