“Non máis Matildas”: por todas as mulleres anónimas da historia da ciencia

A Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas (AMIT) impulsa unha campaña para amosar referentes femininas nas carreiras STEM

“Imaxinas o que pasaría se Einstein nacese muller? Pois que probablemente hoxe non saberiamos quen é Einstein”. Así comeza o vídeo da campaña “Non máis Matildas”, impulsada pola Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas (AMIT). Esta iniciativa ten por obxectivo recuperar as historias de mulleres científicas que ao longo da historia ficaron no anonimato, ou ocultadas polos méritos atribuídos aos seus compañeiros homes, para fomentar de cara ao futuro a aposta das nenas e mozas polas chamadas carreiras STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas, polas súas siglas en inglés).

A campaña “Non máis Matildas” xira arredor do coñecido como Efecto Matilda. Este fenómeno colle o nome de Matilda Joslyn Gage, unha activista estadounidense que describiu e identificou as situacións nas que as mulleres científicas reciben menos crédito e recoñecemento polo seu traballo científico que o que lles correspondería dun exame obxectivo do seu traballo.

Un dos exemplos máis habituais desta ocultación é o feito que se produce cando nas aulas, ou na sociedade en xeral, se pregunta por un nome de muller científica: a resposta adoita ser Marie Curie, a única persoa en recibir o premio Nobel en distintas categorías científicas (Física e Química). Esta situación garda directa relación coa desigualdade observada nos libros de texto sobre ciencias: só unha pequena parte dos nomes que aparecen son mulleres.

Anexos para libros de texto

No marco desta campaña, AMIT impulsou uns anexos para os libros de texto (tamén dispoñibles en galego) nos que se contan as historias de Barbara Mcclintock, Rosalind Franklin, Henrietta Swan Leavitt, Inge Lehmann, Mary Anning, Margarita Salas, Dorothy Crowfoot Hodgkin, Emmy Noether, Lise Meitner, Mary Leakey, Hildegarda de Bingen, Marie Anne Pierrette Paulze de Lavoisier, Marie Tharp, Hedy Lamarr, Ángela Ruiz Robles, Ada Lovelace, Grace Murray Hopper ou Katherine Johnson.

Todas elas foron figuras moi relevantes nos seus eidos de coñecemento, polo que esta iniciativa pretende incluílas nos materiais educativos e, deste xeito, “inspirar nenos e nenas para lembrarnos que a ciencia debería ser cousa de todas e todos”.

Ademais, o portal web da campaña recolle tres contos protagonizados por Matilda Einstein, Matilda Fleming e Matilda Schrödinge, e que fabula con como sería a vida de Albert, Alexander e Erwin se nacesen mulleres.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.