Xoves 12 Decembro 2024

Todo encaixa: o talento da UVigo que triunfou e creou riqueza no país

Alicia Ferreiro, enxeñeira industrial e directora de Loxística de Arnoia Distribución de libros; Jorge Vázquez, enxeñeiro informático e director da empresa de consultoría de sistemas e software a medida Redegal e Ismael Calvo e Luz Pérez, licenciados en Publicidade e Relacións Públicas e creativos de Ovo Publicidade son as e os protagonistas da nova campaña de imaxe da Universidade de Vigo. Co lema Todo encaixa, en referencia á unión entre a etapa como estudantes (pasado) e a profesional (presente), a campaña, deseñada e realizada por persoal e alumando da institución académica viguesa, céntrase en tres casos de éxito de egresadas e egresados da Universidade de Vigo, que foron quen de “cumprir os seus soños e crear riqueza no país”, asegurou o reitor, Salustiano Mato, no acto de presentación das novas pezas audiovisuais, celebrado este mediodía no Edificio Miralles do campus de Vigo.

A potenciación da imaxe de marca da Universidade é o obxectivo fundamental da campaña, que se suma, como lembrou o xefe de Gabinete do reitor, Ciprián Rivas, “ás impulsadas desde a chegada de Salustiano Mato á Reitoría e para as que sempre se contou co alumnado, para o que a Universidade de Vigo está sempre na súa cabeza e no seu corazón”. Ademais de amosar o éxito profesional de egresados e egresadas reais da institución, o que supón un paso máis aló respecto da campaña do ano pasado, protagonizada daquela por alumnas e alumnos, a nova imaxe da institución tamén pon o acento na transferencia de coñecemento que os titulados achegan á sociedade, que se pode ver representada en todas as pezas, nas que se amosan situacións da vida real e localizacións características do tres campus.

Publicidade

De esquerda a dereita: Alicia Ferreiro, de Arnoia, Jorge Vázquez, de Redegal, e Ismael Calvo e Luz Pérez, de Ovo Publicidade. Fotos: Duvi.
De esquerda a dereita: Alicia Ferreiro, de Arnoia, Jorge Vázquez, de Redegal, e Ismael Calvo e Luz Pérez, de Ovo Publicidade. Fotos: Duvi.

Tres spots curtos e tres pezas reportaxeadas nas que as e os protagonistas rememoran a súa etapa de estudantes nos campus de Vigo, Ourense e Pontevedra, así como os seus inicios profesionais; tres anuncios de radio e tres pezas gráficas adaptadas a diferentes soportes, conforman a esta nova campaña transmedia, na que as pezas máis breves, a través dun código QR, convidan a ver as reportaxes completas. Prensa escrita e dixital, emisoras de radio, redes sociais e autobuses, así como lonas e carteis, son os soportes a través dos que se lle dará difusión a unha campaña, que segundo o reitor “conecta coa sociedade, que ve como somos, un actor do desenvolvemento social, porque é a nosa obriga ser proactivos na creación de empresas e dar resposta ás demandas do sector socioeconómico”. A véspera da celebración da ABAU, a nova selectividade, Salustiano Mato manifestou as súas expectativas de que cara ao vindeiro curso 2017-2018 a Universidade manteña a porcentaxe do 96% de ocupación nos tres campus, “algo que non ocorre case que en ningún sito”, que acadou este curso que está a piques de rematar.

Na presentación de Todo encaixa, que tivo lugar nunha sala decorada para a ocasión con caixas de cartón e papel de embalar, que ocultaba os rollups coa nova imaxe, a actriz e xornalista Maika Aguado foi a encargada de conducir un acto, no que o grupo Mecanismo Ruso puxo a música. Pola súa banda, o docente da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Paulino Pérez achegou os detalles do traballo desenvolvido coas e cos protagonistas das pezas audiovisuais, aos que agradeceu a súa disposición para participar nesta iniciativa, ao tempo que lembrou que “aínda que temos xente na ESA ou na NASA, queríamos centrarnos en cousas que temos máis preto e poñelas en valor”.

Publicidade

A campaña pretende unir a etapa estudantil coa profesional

Alicia Ferreiro, directora de loxística de Arnoia, que non puido estar presente no acto de presentación da campaña, refírese a súa participación nela como “unha experiencia fantástica. Non só pola profesionalidade do equipo de produción e realización da Uvigo, senón tamén por saír do día a día e participar nesta campaña. Moi gratificante e enriquecedor”. Arnoia é neste intre a segunda distribuidora de libros de España. Cunha superficie de almacenamento de máis de 14.000 m2 no polígono do Campiño en Pontevedra, Arnoia ten presenza comercial en toda España e conta cun fondo de distribución que supera as 3500 editoriais e unha base de datos de case 700.000 títulos.

Pola súa banda, Jorge Vázquez, director de Redegal, que se atopaba en México no momento da presentación, asegura que “para una empresa como Redegal, cuxo equipo se nutre nun 90% de titulados da Universidade de Vigo, participar nesta campaña supón un recoñecemento xa non a súa traxectoria, senón a do equipo humano que traballa día a día para ser mellor e sen o que, o crecemento da empresa non sería posible”. Redegal, xurdida hai 13 anos ao abeiro dun grupo de investigación da Escola de Enxeñaría Informática, conta na actualidade con oficinas ademais de en Ourense, en Madrid, Miami e México, nas que desenvolven a súa actividade un cento de empregadas e empregados, na súa maior parte, saídos das aulas da Universidade de Vigo.

Mentres, Luz Pérez e Ismael Calvo, creativos de Ovo Publicidade, manifestaron ante as e os asistentes á presentación o orgullo de colaborar na campaña, “fardamos de ser desta universidade “, asegurou Calvo, que lembrou a utilidade do aprendido nas aulas á hora de poñer en marcha a súa empresa. Luz Pérez, pola súa banda, asegurou que Publicidade e Relacións Públicas foi para eles unha vocación, ao tempo que expresou a súa satisfacción por poder participar “nunha chulada de campaña”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Identificado o castelo medieval de Todea, en Allariz

Un documento de 1433 da nome a este fortificación, nun traballo desenvolvido por arqueólogos da Universidade de Vigo

Ourense bate o récord de temperatura en España no mes de outubro

Arnoia con 37,5 graos e Leiro con 37,3 marcan un fito histórico para o comezo do outono