Innovación con ADN galego: así se usa o ozono para crear cosméticos máis eficaces

A empresa Keybiological fundouse en 2016 para deseñar produtos ozonizados, como cremas para a cara e cápsulas para doenzas intestinais

O uso do ozono nos sectores da cosmética e da farmacoloxía ten ADN galego. Dende hai sete anos, a empresa Keybiological leva a innovación por bandeira e deixa a súa pegada nos produtos ozonizados: dende pílulas para tratar doenzas gastrointestinais ata cremas para a cara máis lixeiras e eficaces. O ideólogo deste proxecto é o biólogo Juan Fernández, quen decidiu emprender xunto ao seu socio no ano 2016. “Tiñamos experiencia nos produtos ozonizados. Gustábanos o seu funcionamento e decidimos montar a nosa propia compañía, pensando sempre na base tecnolóxica“, declara o director da empresa.

“O ozono limpa a atmosfera, mantén controladas as bacterias e protéxenos dos raios ultravioletas para que non afecten a pel”, explica Fernández, falando das bondades deste gas na natureza. O ozono, que está formado por tres átomos de osíxeno, é fundamental para a vida na terra. Segundo o director de Kyebiological, o proceso polo que un gas se converte noutro “é unha reacción química moi interesante”. “Os ácidos graxos oxídanse co osíxeno, como ocorre no noso corpo. A cuestión está en que podemos facer este mesmo proceso no laboratorio”, salienta o experto. Porén, o proceso que eles realizan non é un calco exacto do que ocorre na natureza. Antes de que o osíxeno se converta en ozono, realizan un paso anterior. Iso favorece que o ozono se disolva mellor no aceite e as súas propiedades se transfiran.

Publicidade

É dicir, en Keybiological converten o osíxeno en ozono e, despois, aplícano ao aceite. “Neste proceso córtase o aceite en anacos moi pequenos, denominados peróxidos, e o ozono desaparece. Só queda osíxeno. Hai dous átomos que se unen e outro a maiores que se denominada radical libre“, continúa detallando Fernández. Ao parecer, “este radical libre de osíxeno hiper antioxidante ten un efecto moi limpador na pel, con propiedades antifúnxicas, antisépticas e antibacterianas”, engade o director de Keybiological. Insiste, ademais, en que os produtos resultandes desta técnica ozonizada “teñen múltiples propiedades”. Entre as que salienta, a cicatrizante, a antiséptica e a antioxidante.

O seu principal reto

O principal reto que atoparon dende Keybiological foi a regulación da temperatura á que se realiza este proceso. “Ao osixenar prodúcese unha temperatura de ata 100 graos. É dicir, o aceite ferve e ten un aroma moi malo, como a pataca fritida”, describe o biólogo galego. Dende a compañía lograron reverter este efecto hai cinco anos, ao realizar o mesmo proceso, pero en frío. “Temos unha patente en curso. Con este procedemento poténcianse máis as propiedades organolépticas”, indica o director. “O noso é un ingrediente completamente natural. Aplicámolos en diferentes produtos, usándoo como ingrediente para facer cremas para os ollos, cápsulas… O aceite o que consegue é que se cicatrice e rexenere calquera tecido”, sostén Fernández.

Publicidade

Entre os produtos que xa están comercilizados, dende Keybiological destacan o aceite de oliva virxe extra ecolóxico como ingrediente nos produtos de cosmética e farmacoloxía. Ademais, están a piques de lanzar o seu propio produto microencapsulado. Segundo describe Fernández, é un polvo de aceite que é fácil de aplicar na pel e é inodoro. “Temos un contraro cunha distribuidora española para venter ingredientes cosméticos pero, ademais, imos ter en breves un produto propio; unha marca propia. Prevemos que poida saír ao mercado despois do verán“, detalla o biólogo.

Pasos de futuro

De cara ao futuro, Keybiological pon os seus desexos en seguir aumentando rango de acción e, así, poder vender os seus ingredientes en todo o mundo. “Unha parte importante é a venda deste ingrediente innovador, pero tamén asesorar as empresas que queren facer produtos con el”, indica. Ademais, segundo enumera Fernández, xa teñen conquistada unha boa parte do mercado potencial. Ademais de en España, están presentes en Portugal, Estados Unidos, República Checa, Ecuador, Colombia e, sobre todo, unha parte importante provén de El Salvador, onde acolleron “moi ben” o produto ofertado por Keybiological.

De todos modos, os últimos sete anos foron unha montaña rusa para a empresa. Segundo lembra o seu director, o momento máis feliz foi a recollida do premio como empresa máis competitiva innovadora galega, e tamén como material máis innovador. Tamén, cando os seleccionaron nunha incubadora para crear un biocida para a limpeza de mans e actuar contra a covid. Porén, as sombras tamén se cerneron sobre Keybiological e en 2019 queimouse completamente a súa nave. “Foi a peor situación da compañía e estivemos a piques de pechar. Pero a través da forza de vontade, das ganas e da enerxía botamos a empresa para diante e saímos fortalecidos”, conclúe Fernández.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O futuro dos medios galegos, a debate: máis de 300 estudantes participan en encontros con profesionais

GCiencia toma parte no acto organizado pola AMEGA, que se celebrou na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Vigo

Galicia ampliará de xeito progresivo o cribado de cancro de mama a mulleres de entre 45 e 74 anos

Ao longo do ano 2027 serán invitadas por primeira vez a participar no programa as persoas usuarias nadas nos anos 1982 e 1977

A calor dispara a contaminación por ozono en Galicia ao seu nivel máis alto dende 2019

Un informe anual de Ecoloxistas en Acción alerta de episodios que superaron o limiar de información en Vigo e As Pontes

Unha intervención arqueolóxica na Illa de Ons revela novos restos castrexos

O descubrimento produciuse fóra da muralla do castro do Castelo dos Mouros, onde ata agora só se atoparan elementos romanos