Estas tatuaxes avisan dunha enfermidade ao cambiar de cor

Científicos alemáns proban en pel de porcos un sistema que pode controlar en tempo real posibles alteracións e doenzas

Para persoas que padecen doenzas crónicas como a diabetes é moi importante ter controlados en todo momento os niveis de glicosa. E pensando nisto, un equipo de investigadores liderado polo enxeñeiro químico Ali Yetisen, da Universidade Técnica de Múnic, acaba de idear unha especie de tatuaxes que poden actuar como biomarcadores en tempo real, ao mudaren de cor en función dos niveis de glicosa, albumina ou pH.

Explican os seus avances nun artigo da revista Angewandte Chemie, onde expoñen que por agora as tatuaxes non se probaron en pel humana, senón en tecido de porcos, pero os resultados apuntan cara ao optimismo na utilidade destes métodos. “O uso de pigmentos na pel é un hábito que ten máis de 4.000 anos (…). Aquí desenvolvemos unha tecnoloxía cosmética e funcional que combina a arte das tatuaxes e os biosensores colorimétricos”.

Publicidade

Deste xeito, os investigadores alemáns conseguiron que estes sensores “funcionen como ferramentas de diagnóstico a través dos cambios de cor no espectro visible en resposta ás variacións de diferentes indicadores”. Os tres biomarcadores foron elixidos porque son mostra de diversos problemas de saúde: a albumina, unha proteína do plasma sanguíneo, pode indicar problemas de ril ou fígado cando está en niveis baixos, e os niveis altos poden revelar problemas de corazón. Pola súa parte, a glicosa é un indicador claro da diabetes, e os cambios nos niveis de pH (acidose e alcalose) poden ser causados por unha ampla gama de problemas que tamén precisan da atención médica.

Así, para cada un destes casos desenvolveronse tatuaxes que poden detectar variacións nos fluídos intersticiais. Cando estes niveis mudan, as cores tamén cambian. Por agora, só se utilizou en mostraxes de pel porco, pero a idea é probalo tamén en humanos. O seguinte paso, por agora, é intentalo en modelos animais vivos, para ver se estas tinturas causan reaccións adversas.

Publicidade

Esta liña de traballo, que xa abriron en 2017 cunha investigación semellante nun equipo do MIT, está aínda nunha fase primaria, pero podería ofrecer importantes avances na medicina personalizada, e ampliarse a máis indicadores. “As aplicacións dos sensores poden estenderse á detección de electrolitos, proteínas ou microorganismos patóxenos”, expoñen.

Referencia: Dermal Tattoo Biosensors for Colorimetric Metabolite Detection (Publicado en Angewandte Chemie).

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo galego descobre que algúns fármacos contra a obesidade teñen efectos beneficiosos no fígado

O CiMUS e a Universidade de Toronto investigan as aplicacións de substancias baseadas en GLP-1 en enfermedades hepáticas, o que permitiría elaborar tratamentos personalizados

Un equipo galego valida un sistema de IA para predicir o risco de desenvolver diabetes

GluFormer é produto dunha investigación internacional que acaba de publicar a revista 'Nature' e que conta coa participación da USC

O equipo galego que desafía a diabetes tipo 1: “O diagnóstico é demoledor”

O equipo de Iria Gómez Touriño investiga as causas da enfermidade autoinmune e busca novos fármacos orais

A carga glicémica dos alimentos predí como varía o azucre en sangue tras as comidas

Un equipo do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiado (IDIS) analizou a resposta glicémica en 514 adultos