Sobre a maior das galerías da gran pirámide de Guiza agóchase unha misteriosa cavidade de polo menos 30 metros de longo. Un equipo internacional de físicos de partículas acaba de descubrir esta estrutura oculta grazas aos muones, partículas orixinadas polos raios cósmicos coas que se pode distinguir a pedra do baleiro.
A gran pirámide de Guiza, tamén coñecida como pirámide de Keops, foi levantada durante o reinado do faraón Keops, que gobernou entre o ano 2509 e o 2483 antes de Cristo. A pesar de ser un dos monumentos máis grandes e antigos da Terra, non hai consenso sobre como se construíu.
Para coñecer mellor a súa estrutura interna, un equipo internacional de investigadores liderado por Kunihiro Morishima da Universidade de Nagoya (Xapón) e Mehdi Tayoubi do Heritage Innovation Preservation Institute (Francia) penetráronse nos segredos da pirámide utilizando unha ferramenta non invasiva: os muones.
Estas partículas son un subproducto dos raios cósmicos que chegan desde o espazo e, aínda que apenas interaccionan coa materia, si son parcialmente absorbidas cando penetran na pedra. As traxectorias dos muones son distintas segundo atravesen aire ou pedra, o que permite utilizalos para distinguir as cavidades das formacións sólidas.
Con esta técnica os investigadores descubriron que a gran pirámide esconde unha cámara descoñecida, cuxos detalles publican na revista Nature: “Trátase dun baleiro que ten polo menos 30 metros de longo, composto dunha ou máis estruturas, cunha disposición horizontal ou inclinada, e que está situado a entre 50 e 70 metros do solo xusto enriba da Gran Galería (a principal estrutura interna coñecida ata agora na gran pirámide), ademais de ter unha sección transversal similar a ela”.
Tres equipos independentes utilizaron diversas tecnoloxías de muones para confirmar, cun nivel de confianza do 99,9999 %, a existencia desta cavidade ou baleiro, denominado ScanPyramids Big Void. En outubro de 2016 os investigadores xa anunciaron o achado doutra cavidade (ScanPyramid north face corridor) no cara norte da milenaria construción.
ScanPyramids Big Void observouse por primeira vez con películas de emulsión nuclear instaladas na Cámara da Raíña por científicos da Universidade de Nagoya. Logo confirmárono os hodoscopios de escintilación instalados na mesma cámara por un equipo da organización xaponesa KEK (High Energy Accelerator Research Organization) e reconfirmada novamente con detectores de gas fóra da pirámide por investigadores franceses do Commissariat à l´energie atomique (CEA) e a Universidade Paris Saclay.
Os autores recoñecen que a estrutura exacta e o papel que desempeña esta cavidade oculta seguen sendo descoñecidas, pero consideran que o descubrimento achandará o camiño para futuros estudos que axuden a comprender moito mellor a pirámide e o seu proceso de construción, ademais de afirmar: “Estes achados amosan como a física de partículas moderna pode dar nova luz no patrimonio arqueolóxico mundial”.