Non son os desgustos nin o simple paso dos anos. O que fai que aparezan as canas é o efecto dunha proteína, chamada ‘Wnt’, que coordina a acción das células que regulan a pigmentacion do cabelo. O pelo branco aparece cando esta proteína non interactúa cos melanocitos, segundo descubriron científicos da Universidade de Nova York, nun artigo publicado na revista Cell.
A cor do cabelo está determinada por dous grupos de células nai: as que se encargan de dirixir o desenvolvemento dos folículos pilosos -onde crece o cabelo- e as células nai que se encargan de producir a cor do cabelo, chamadas melanocitos. Ambos traballan conxuntamente para producir o pigmento do cabelo. E a claves está na proteína ‘Wnt’, que coordina os dous grupos e, cando falta nun melanocito, se produce unha cana.
Os científicos, dirixidos pola doutora Mayumi Ito, comprobaron o papel da proteína ‘Wnt’ inhibíndoa en rato con pelaxe negra. O resultado foi que se converteron en ratos brancos. Polo tanto, sería posible crear unha ‘tintura xenética’, coa manipulación da comunicación das proteínas Wnt. Sería unha estratexia novidosa para modificar a pigmentación do cabelo cano, no que tamén inflúe a enzima MSR, relacionada coa tirosinasa, tamén vencellada cos melanocitos.
O estudo pode ter máis consecuencias, porque os melanocitos non só inflúen na pigmentación do noso cabelo. Tamén son os responsables da aparición do melanoma, o cancro de pel, cando medran de xeito descontrolado.
GCiencia realiza unha reserva expresa das reproducións e usos das obras e outras prestacións accesibles desde este sitio web a medios de lectura mecánica ou outros medios que resulten adecuados a tal fin de conformidade co artigo 67.3 da Real Decreto - lei 24/2021, do 2 de novembro // Auditado por GFK