Este é o movemento máis rápido xamais detectado nun animal

Movemento da formiga Drácula, tomado cunha cámara de gran velocidade.

Ningún ser vivo se move máis rápido que a Mystrium camillae, unha especie de formiga, coñecida tamén como formiga Drácula, que é tan pequena como a xema dun dedo. Acada os 320 quilómetros por hora nun movemento que fai coas súas mandíbulas. Así o acaban de captar, por vez primeira, científicos do instituto Smithsonian, nun avance publicado en Royal Society Open Science. Este movemento é cinco mil veces máis rápido ca un pestanexo dos ollos, e mil veces máis rápido ca o xesto de chascar os dedos das mans.

A formiga Drácula é unha peculiar especie que adoita zugar o sangue das súas propias larvas, nunha práctica coñecida como canibalismo non destrutivo. Mediante unha cámara de gran velocidade, os científicos viron como, ao presionar as puntas das súas mandíbulas, a presión comeza a acumularse entre elas ata que acada un punto de ruptura, liberando unha das partes para que se deslice sobre a outra. A acción tarda apenas 0.000015 segundos, e acada os 320 km/h nese tempo.

Publicidade

Morfoloxía da mandíbula da 'Mystrium camillae'. Fonte: Royal Society Open Science.
Morfoloxía da mandíbula da ‘Mystrium camillae’. Fonte: Royal Society Open Science.

Hai, polo menos, outras seis especies cun movemento semellante, pero a especial morfoloxía da formiga Drácula faina especialmente rápida. Así, só chegan a acadar velocidades entre 10 e 20 veces menores. No seu caso, o proceso comeza desde unha posición pechada e logo vai deslizándose. Ademais, os mecanismos de resorte e peche están incrustados dentro da mandíbula.

Os investigadores aínda non puideron describir a orixe exacta deste peculiar movemento. Porén, si se viu que a enerxía na formiga Drácula almacénase nos músculos e logo libérase a través dalgún tipo de resorte elástico, podendo así buscar comida e defenderse dos depredadores de forma eficiente. Con todo, unha das posibilidades é o peculiar hábitat subterráneo da formiga, en túneles subterráneos e troncos estreitos onde é máis difícil moverse coas mandíbulas abertas, polo que acabaron adaptándose e partindo dunha posición pechada.

Referencias: Snap-jaw morphology is specialized for high-speed power amplification in the Dracula ant, Mystrium camillae, publicado en Royal Society Open Science.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.