O rostro de Cristo non se semellou moito á imaxe que transmiten del estampas ou figuras de culto. Polo menos é o que defende Richard Neave, científico da Universidade de Manchester, que se entregou á ardua tarefa de reconstruír as faccións do nazareno logo de facelo con figuras históricas como Filipo II de Macedonia, pai de Alexandre Magno, ou o Rei Midas. O resultado non é un mozo louro con trazos anxelicais e doces, se nón o dun home de pel escura, corpulento e de nariz grande que nega o aspecto caucásico acostumado.
Neave traballou a partir de tres cranios do século I atopados en Israel, nunha zona próxima a onde Xesús viviu e entre individuos de Galilea, coma el, para crear unha imaxe en 3D o máis próximo posible á realizada. Grazas á tomografía computarizada puido extraer moitos detalles dos individuos aos que pertenceron e crear un retrato que segundo o profesor de Antropoloxía da Universidade de California Alison Galloway a Popular Mechanics “pode ser máis fiel á realidade que o traballo de moitos grandes maestros da pintura”.
Neave, autor de Making Faces: Using Forensic And Archaeological Evidence, explica que a descrición feita polo evanxelista Mateo do martirio de Xesús ofrece tamén moita información sobre a súa cara, que debería ser semellante á de outros individuos semitas de Galilea. De feito, Xudas, o apóstolo que o entrega aos romanos, sinálalles aos soldados que veñen á procura do profeta de quen se trata, xa que a súa imaxe non debía de ser moi distinta do resto de xudeus de Galilea. Baseándose ademais en pinturas atopadas en xacementos arqueolóxicos e anteriores á compilación da Biblia, o científico deduce que os ollos de Cristo foron máis ben escuros. O lóxico é que fose tamén barbudo, como ditaba a tradición da que Xesús formaba parte.
A melena longa e lisa de Cristo tamén é unha convención occidental pouco exacta. Eruditos nos textos bíblicos cren máis factible que o profeta tivera o pelo máis ben curto e rizado, mesmo se esta interpretación non casa con outra das representacións emblemáticas da cara de Xesús, a da Saba Santa de Turín, unha reliquia non exenta de polémica e dúbidas, tamén na propia Igrexa, que a segue venerando. O suposto sudario no que se envolveu o corpo morto de Cristo amosa unha figura de cabelo longo.
GCiencia realiza unha reserva expresa das reproducións e usos das obras e outras prestacións accesibles desde este sitio web a medios de lectura mecánica ou outros medios que resulten adecuados a tal fin de conformidade co artigo 67.3 da Real Decreto - lei 24/2021, do 2 de novembro // Auditado por GFK