O avance acadado nos últimos anos polas tecnoloxías de procesamento de imaxes, valéndose da intelixencia artificial, está chegando a niveis fascinantes. E que tampouco están exentos de debate polo risco que levan asociado, como é o caso dos ‘deep fakes‘, que acadaron unha notable relevancia nas últimas semanas por mor dun anuncio que recuperaba a figura da artista Lola Flores. Outras recreacións permiten ver imaxes xa existentes en moita maior calidade, como as que procesou en 4K o xornalista César Galdo a partir das imaxes do documental Un viaje por Galicia de Manuel Arís, inspirado na transformación dun dos primeiros filmes da historia, A chegada dun tren á estación de La Ciotat, dos irmáns Lumiére, desenvolvida polo realizador ruso, Denis Shiryaev. Ou tamén é posible colorear fotografías en branco e negro.
Ver esta publicación en Instagram
Mais nos últimos días, un paso máis nestas técnicas de procesamento está a propagarse pola rede. Trátase de Deep Nostalgia, unha ferramenta desenvolvida por MyHeritage, empresa privada especializada en xenealoxía e análises de ADN, e non exenta de controversia. Esta ‘app’, cun funcionamento moi sinxelo, reconstrúe os movementos de persoas en fotografías antigas que se suben á plataforma a través do ‘deep learning’ ou aprendizaxe profunda, previo rexistro na web.
Segundo explica a empresa no seu web, o sistema decide que secuencia aplica a un rostro específico baseándose na súa oricentación, despois de comparalos e adestralos con movementos reais de gravacións actuais. Advirten, con todo, que “o resultado final non é auténtico, senón unha simulación tecnolóxica de como se movería a persoa na súa foto se fose gravada”. Deste xeito, a aplicación permite “dar vida” a imaxes antigas, tanto retratos individuais como en grupo.