Algo estrano está pasando nos reloxos eléctricos en toda Europa, e a orixe está no conflito político entre Serbia e Kosovo. Desde mediados de xaneiro deste ano, o sistema enerxético europeo, que une 25 países, entre eles España, está sufrindo unha desviación continua da súa frecuencia media, que adoita ser de 50 hertz.
Have you noticed your clock running late? ! The Continental European Power System is experiencing a continuous system #frequency deviation from the mean value of 50 Hz since mid-January 2018. Why is this happening? Read ENTSO-E press release: https://t.co/6oroH2haNW pic.twitter.com/LnQygS6kvg
— ENTSO-E (@ENTSO_E) 7 de marzo de 2018
Un feito que “nunca acontecera” na Unión, segundo o comunicado de Entso-e, a Rede europea do sistema de transmisión dos operadores eléctricos. Debido a esta desviación, estanse vendo afectados os reloxos eléctricos que se regulan a través da frecuencia do sistema enerxético (fornos, microondas, radios e espertadores, reprodutores de DVD, etc.), e que acumulan xa un atraso de preto de seis minutos desde que comezou o problema. Non sofren esta situación outros reloxos, como os de parede ou os de pulseira, que se regulan dun xeito distinto, alleo ao sistema eléctrico, por medio dun cristal de cuarzo.
Os reloxos dos espertadores, fornos, microondas e DVDs sofren este retraso
Esta desviación provocou que se estean perdendo, segundo estimacións da Entso-e, uns 113 xigawatts hora. Un problema continental e que requerirá de cintura política para arranxalo. A desviación estase producindo no territorio de Kosovo, que declarou a súa independencia en 2008. 22 dos países da Unión Europea recoñéceno como Estado independente (non así España). Pero Serbia aínda segue tendo baixo o seu control a xestión da rede eléctrica de Kosovo e négase a cederlla ás autoridades locais, segundo informa Reuters. Así, os dous gobernos non se poñían de acordo sobre quen debía solucionar esta desviación na frecuencia que se estendeu a toda Europa.
Este xoves, a Entso-e publicou un novo comunicado onde anunciaba que as autoridades serbias e kosovares puxeran fin ao problema da desviación. Porén, é só a primeira parte da solución. Agora, os responsables da rede deberán desenvolver un plan para devolver a enerxía perdida ao sistema e regresar á normalidade. Con todo, haberá que agardar para que os reloxos eléctricos das nosas casas volvan dar a hora normal ata que o sistema se repoña desta desviación. Desde a Entso-e recomendan apagar e volver encender todos estes aparellos. En todo caso, o resto de aparellos electrónicos, como os ordenadores e os teléfonos móbiles, seguen dando a hora correcta.