O potencial investigador e académico do grupo Antenas, Radar e Comunicacións Ópticas da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación vén de ser recoñecido pola Unión Europea. O equipo liderado polo profesor Marcos Curty e inserido no centro de investigación AtlantTIC será un dos socios principais do proxecto Quantum Communications for ALL, unha rede de formación en investigación que se enmarca no programa H2020 e que permitirá a estudantes de doutoramento europeos formarse durante catro anos en universidades e empresas punteiras en tecnoloxías e comunicación cuánticas.

Esta é a primeira Innovative Training Network (ITN) que lle conceden á Universidade de Vigo, e da que forman parte un total de oito organismos europeos. As ITN son un tipo de proxecto de I+D que se constitúe como rede internacional de empresas e institucións para formar durante catro anos a profesionais de primeiro nivel nunha área de coñecemento determinada. Como explica o propio Marcos Curty, “esta ITN busca formar a 15 estudantes para que realicen o seu doutoramento beneficiándose dun proxecto colaborativo entre centros públicos e privados de toda Europa e podendo realizar estadías nas sedes de todos os socios do proxecto”.
O proxecto ten un orzamento global de 4 millóns de euros, 500.000 dos cales xestionará a Universidade de Vigo como entidade coordinadora dunha das tres accións que conforman a rede. En total, QCALL está impulsado por sete socios, ademais da Universidade de Vigo: as universidades de Leeds (Reino Unido) que coordinada a rede, Padova (Italia), Dusseldorf (Alemaña), Xenebra (Suíza), Télécom ParisTech (Francia) e o Cambridge Research Laboratory de Toshiba e a empresa suíza ID Quantique. Ademais, nesta rede participarán outros centros e empresas internacionais como socios colaboradores, que contribuirán na aplicación práctica dos coñecementos acollendo estudantes que poderán realizar estadías durante os anos de duración do proxecto. Entre eles están INRIA (Francia), o Institute for Quatum Computing da Universidade de Waterloo (Canadá), o Max-Planck-Institut fur Quantenoptik (Alemaña), o Austrian Institute of Technology (Austria); a Universidade de York (Reino Unido) e a Universidade Politécnica de Madrid (España), así como as empresas de telecomunicacións NTT (Xapón) e BBN Tech (EEUU).
“A criptografía cuántica permítenos ter comunicacións totalmente seguras; falamos de sistemas que non se poden romper” afirma Curty e, nun mundo como o actual, no que o intercambio de datos a través de internet é cada vez maior, institucións, empresas e gobernos traballan para crear redes seguras baseadas neste tipo de protocolos. Neste contexto, o obxectivo do proxecto QCALL é “proporcionar comunicacións seguras, pero tamén facer seguras as nosas conexións en todo o mundo, a través de redes baseadas en fibra óptica e de enlaces por satélite”. Este obxectivo, segundo Curty ten unha “grande importancia nun momento como o actual”, xa que “a base deste proxecto colaborativo é idear os sistemas e conceptos xerais para a realización de redes seguras a nivel continental, ao tempo que formamos aos expertos en tecnoloxías cuánticas do futuro”.Coa concesión de ‘Quantum Communications for ALL’ o equipo que lidera Curty acollerá nas instalacións da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación a dous dos estudantes de xeito permanente e, de maneira temporal, a outros seis a través de varias estadías de investigación. O docente recoñece que “o feito de que se confíe en nós para liderar unha das liñas dun proxecto desta envergadura, demostra que a investigación que vimos desenvolvendo nos últimos nove anos en Vigo é de gran calidade e tomámolo como un reto para seguir traballando nunha área de coñecemento que será unha das tecnoloxías do futuro”.
O proxecto ten un orzamento de 4 millóns de euros e conta con sete socios
Curty, que ten participado en máis de medio cento de artigos de investigación publicados en revistas como Nature Photonics, Nature Physics o Nature Communications, está nestes momentos comezando o proceso de selección dos dous estudantes que chegaran á Universidade de Vigo. Os investigadores seleccionados poden incorporarse á institución de destino entre este mes de decembro e outubro de 2017. Curty explica que se deben cumprir certos requirimentos como, por exemplo, “que o tempo de residencia no país de destino durante os últimos 24 meses sexa limitado, polo que é de esperar que os estudantes de doutoramento que veñan a Vigo non sexan españois”.O proxecto divídese en varios paquetes de traballo orientados a cuestións didácticas e de investigación.
El primeiro deles, ‘Advance technologies for metropolitan quantum networks’ está liderado polo Cambridge Research Laboratory de Toshiba, e céntrase en desenvolver protocolos e técnicas para poder empregar as tecnoloxías cuánticas en redes metropolitanas (cidades), é dicir, o obxectivo é achegar solucións para cortas distancias. O segundo dos paquetes de traballo está liderado pola Università degli studi di Padova, e baixo o título ‘Long-distance quantum communication systems and networks’, o traballo de investigación centrarase en desenvolver tecnoloxías para comunicacións cuánticas a longas distancias, por medio de enlaces vía satélite e repetidores. Por último, o terceiro paquete de traballo de investigación é o que está liderado pola Universidade de Vigo.
O grupo de Antenas, Radar e Comunicacións Ópticas de AtlantTIC centrarase en desenvolver novos protocolos e solucións para o futuro das comunicacións cuánticas. “Traballaremos na xeración de números aleatorios, en protocolos de comunicación máis eficientes incorporando as tecnoloxías cuánticas e en protocolos máis vinculados ao concepto de integridade das comunicacións que ao de confidencialidade das mesmas”, explica Curty, “en definitiva, traballaremos nas aplicacións futuras da tecnoloxía cuántica”.