Xoves 28 Marzo 2024

Galiweather: adeus ao home do tempo

A expresión ‘home do tempo’ quedou acuñada como histórica, cando os partes meteorolóxicos eran competencia case exclusiva dos varóns. Hoxe, por fortuna, hai un bó número de meteorólogas nas televisións. Pero os días de gloria duns e doutras semellan contados. Porque xa non é imprescindible que un meteorólogo converta os datos matemáticos dos observatorios nunha predicción comprensibles para todos. As máquinas xa poden facelo. E redactar un texto sen axuda humana. De feito, en Galicia moitos partes locais van ser así de contado.
GALIWeather é unha nova aplicación que permitirá que os servizos de información de MeteoGalicia, a axencia autonómica de predición meteorolóxica, dispoñan de predicións meteorolóxicas en linguaxe natural individualizadas para cada un dos concellos galegos. A aplicación que realiza este novo servizo foi desenvolvida por investigadores do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información da USC e representa a información que ata agora a axencia autonómica proporcionaba só de forma gráfica e numérica.

A conselleira Ethel Vázquez, na presentación onte de Galiweather.
A conselleira Ethel Vázquez, na presentación onte de Galiweather.

O reitor Juan Viaño asistiu este luns nas instalacións de MeteoGalicia á presentación oficial da aplicación nunha xornada na que tamén participaron a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, e o catedrático Senén Barro, integrante do equipo de investigadores que desenvolveu o proxecto. Viaño sinalou a nova aplicación como un “exemplo de cooperación” entre entidades públicas que “concibiron e desenvolveron o proxecto ata convertelo nun novo servizo dispoñible para o público, de grande utilidade e impacto”. O reitor mostrou a súa satisfacción por ver “como os recursos públicos se converten nun beneficio colectivo da man da Universidade”.
GALIWeather é un dos resultados de investigación do proxecto ‘Descrición lingüística de fenómenos complexos’, financiado polo Ministerio de Economía e Competitividade. No seu desenvolvemento participaron os investigadores da Unidade de Sistemas Intelixentes Alberto Bugarín, Senén Barro, Félix Díaz e Alejandro Ramos-Soto, xunto con expertos meteorólogos. Ata o momento, a predición operativa en linguaxe natural que ofrecía a axencia autonómica de meteoroloxía na súa web cinguíase exclusivamente a unha descrición da tendencia a curto prazo en Galicia. A nova aplicación permite ampliar o servizo para proporcionar predicións específicas para cada concello, que se xeran automaticamente en linguaxe natural a partir dos datos dispoñibles. As novas prestacións están dispoñibles para a totalidade dos concellos da comunidade.

A nova aplicación entra no eido da tecnoloxía ‘Data to Text’

Para a xeración das predicións en linguaxe natural, a aplicación desenvolvida polos investigadores da USC emprega datos simbólico-numéricos, coñecemento dos expertos meteorólogos e técnicas de intelixencia artificial que permitan, en primeiro lugar, converter os datos en descricións lingüísticas básicas, codificadas nunha linguaxe intermedia. Un proceso posterior converte finalmente estas descricións nunha narrativa en linguaxe natural, expresada en calquera dos idiomas de saída soportados (español ou galego).
Como explican os seus promotores, sen este tipo de descricións, as predicións resultan menos comprensibles, xa que os usuarios necesitan inspeccionar cada símbolo por separado, detectar que fenómenos son relevantes e cando se van producir. GALIWeather encádrase nas aplicacións denominadas “de conversión de datos a texto (Data to Text)”, fronte ás que incorpora innovacións metodolóxicas importantes, explican os seus desenvolvedores, como o tratamento de termos imprecisos de uso moi frecuente na comunicación humana e a xeración de narrativas globais para todo o período de predición. Con esta iniciativa, Galicia sitúase á vangarda mundial nas aplicacións D2T neste ámbito, xa que este o único sistema comparable en servizo na actualidade é o desenvolvido moi recentemente polo British MetOffice.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A borrasca Nelson activa a alerta en Galicia por chuvias, vento e temporal marítimo

A Semana Santa comeza con aviso laranxa por ondas de 7 metros en todo o litoral e amarelo por acumulación de chuvia de ata 40l/m2 en tan só 12 horas

Un río atmosférico empapa Semana Santa: Galicia poderá superar os 100 l/m² 

A situación de inestabilidade continuará durante a fin de semana, cando podería producirse unha cicloxénese explosiva no oeste da península

Galicia rexistra o cuarto inverno máis cálido en 60 anos

As precipitacións foron un 18% superiores ao habitual para este período, sendo especialmente abondosas en febreiro

Dúas potentes borrascas atlánticas deixarán un temporal de chuvia e neve

Unha sucesión de frontes activarán a alerta amarela este xoves por refachos superiores aos 80 km/h e ondas de ata 5 metros nas Rías Baixas e na Costa da Morte