Publicidade
Sábado 24 Maio 2025
Publicidade

Un armario virtual para os Estados Unidos

A principios do ano 2013, investigadores do Grupo SIG de Informática Gráfica e Multimedia da Universidade de Vigo crearon, co apoio de Redegal, unha aplicación chamada Sketch Arm que permitía aos seus usuarios, persoas ou empresas, facer un deseño personalizado dos seus armarios. Dous anos e medio despois, a aplicación supera xa as 100.000 descargas de balde e os seus creadores celébrano sacando unha versión 2.0 da existente, que era para o sistema operativo iOS, de Apple, e abrindo o seu uso tamén ao sistema operativo Android.

Interface de sketch arm, nunha tablet.
Interface de sketch arm, nunha tablet.

Segundo explica Celso Campos, docente da Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense e líder do proxecto, a aplicación é froito de catro anos de traballo no seu desenvolvemento, desde que xurdiu a idea a raíz das necesidades dunha empresa local neste senso ata a súa última actualización, e nela traballaron os enxeñeiros informáticos Rubén Viso, Iván Rodríguez e Jorge Nelson Acosta. A aplicación ofrécelle ao seu usuario final unha ferramenta fácil e intuitiva para deseñar o interior e o exterior dos seus armarios empotrados e a medida. Deste xeito, calquera persoa, sen necesidade de coñecementos informáticos, pode transformar en poucos pasos as súas ideas nun debuxo en 3D e en plano elixindo a distribución dos espazos, as cores, os materiais e o tipo de compartimentos do armario.
“Estamos moi satisfeitos de ver como a nosa aplicación foi descargada desde a súa publicación máis de 100.000 veces en todo o mundo, principalmente en Estados Unidos pero tamén en moitos outros países, como Israel ou Australia”, salienta Campos. Este éxito, recalca, “demostra como desde a Escola Superior de Enxeñaría Informática de Ourense podemos lanzar un proxecto a nivel internacional e que teña tan boa acollida. Amosa a capacidade de facer software de forma deslocalizada tamén desde aquí”. A posta en marcha dunha aplicación de balde que conseguiu facerse un oco entre as das súa temática no contexto internacional, comentan os seus creadores, supón un empuxe para o seu traballo, visibiliza ao grupo no exterior e ábrelle a porta a novas oportunidades de futuro.

A ferramenta para deseñar armarios empotrados a medida é todo un éxito

Desde a posta en marcha da aplicación en xaneiro 2013 para os dispositivos de Apple, como iPad e iPhone, salientan os investigadores, a medida que foi máis empregado foron recibindo comentarios de empresas, profesionais do sector e particulares preguntando cuestións concretas sobre o seu funcionamento, sobre como adaptala ás súas necesidades e facendo propostas de mellora. Froito desta retroalimentación do público e do avance tecnolóxico, os responsables do proxecto decidiron levar a cabo durante o último ano e medio unha actualización da aplicación e unha recodificación do software para poder acceder a esta ferramenta desde Android.
Tal e como explican os enxeñeiros responsables, “fundamentalmente o que se fixo foi actualizar a interface, o xeito en que se presenta ao usuario, mellorándose a interacción e facendo máis fácil as labores de edición e configuración do armario”. Tamén se decidiu dar unha maior cobertura no servizo, abríndose a aplicación a novos sistemas operativos, concretamente Android por ser un dos máis populares entre o público xeral. “O desenvolvemento dunha aplicación para diferentes plataformas non é tan sinxelo como un usuario externo poida pensar a priori, xa que conseguir que unha aplicación teña un aspecto e unhas funcionalidades similares en todas as plataformas require un traballo importante”, apunta por último Celso Campos.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Eva Dafonte: ‘Ás veces penso ‘estou no CERN!’… é algo tremendo traballar aquí’

A enxeñeira informática ourensá é subdirectora do servizo de Bases de Datos, que almacena a inxente cantidade de información que xera o CERN

330 amantes da informática cítanse na Technium de Ourense

É a cuarta edición do certame, organizado polos alumnos de Enxeñería Informática

IBM crea no campus de Ourense a súa cátedra Viewnext

A empresa xa conta na cidade con 150 informáticos no seu centro de innovación

Un espía para compras con smartphone

Enxeñeiros de Ourense consiguen 80.000 baixadas do seu programa para estudar o comercio por dispositivos móviles, que xa é o 14% do mercado online