Xoves 28 Marzo 2024

‘Enterámonos das mortes dos famosos cando as vemos na Galipedia’

“Queremos que a xente perda o medo a editar; que saiban que calquera pode entrar e que, con boa vontade, pode contribuír a que todos compartamos coñecemento”. Adrián Estévez Iglesias (Pontevedra, 1983), coñecido no mundo da Galipedia como Estevo, forma parte do grupo de administradores da versión en galego da enciclopedia. Estes días anda a voltas coa conmemoración do 15º aniversario, que celebrarán en Ourense cun ‘maratón’ enmarcado dentro das celebracións do Día da Muller, no que elaborarán artigos sobre destacadas figuras femininas.

O galego é o idioma 47º do mundo por número de páxinas creadas

A rutina de traballo da comunidade da enciclopedia é unha continua revisión dos cambios máis recentes para contribuír á mellora global do portal. “Sempre estamos intentando completar referencias, contrastar datos, engadindo información. O ‘copia e pega’ non serve”, explica Adrián, que leva xa varios anos dedicándolle varias horas diarias á edición. “Normalmente tres, igual despois boto algún día sen entrar, e outro día, pois fas máis”, explica.

Publicidade

“Pedimos referencias bibliográficas e calidade, como en calquera traballo académico”. Para asegurar que se vaia enriquecendo pouco a pouco, a comunidade varia marcas categorías de artigos con algún trazo a mellorar. Por exemplo, as páxinas curtas (que cómpre ampliar), páxinas longas (coas que hai que considerar unha división), páxinas sen categorizar; ou orfas ou sen ligazóns (ás que non apunta ningunha outra páxina ou que non dirixen cara ningunha outra).

As contribucións nestes 15 anos conseguiron que hoxe o galego sexa o idioma número 47 na Wikipedia, por riba de linguas como o grego, o noruego ou o tailandés. E conseguíronse tamén premios ás ‘wikis’ con maior crecemento mensual. O 1º posto en en febreiro de 2014, outubro de 2015 e novembro de 2015; o segundo posto en xullo e novembro de 2013, en decembro de 2015 e en abril de 2016; e o terceiro posto en trece ocasións: xuño, agosto e setembro de 2013, marzo e abril de 2014, setembro de 2015, xaneiro, marzo, xuño e xullo de 2016 e xuño, xullo e outubro de 2017..

E entre os usuarios máis activos, hai varios que manteñen o anonimato, pero que achegan, xenerosamente, unha manchea de contidos. “Hai unha persoa que demostra grandes coñecementos de Bioloxía e Química, e que engade case un artigo ao día. E despois hai outro usuario, que tampouco coñecemos, e que está moi pendente do mundo audiovisual. Se hai, por exemplo, unha película romanesa que gaña o León de Ouro en Cannes, ao pouco tempo xa ten páxina na Galipedia”, explica Adrián Estévez..

Outra das particularidades é o esforzo que ás veces poñen os editores en buscar o vínculo con Galicia nas súas achegas. Un exemplo é a biografía de Tolkien: “O interese de Tolkien polas linguas incluíu á galega. Desde 1923, tiña no seu poder o Diccionario gallego-castellano de Marcial Valladares Núñez, publicado en 1884 en Santiago, asinado por el – ‘JRR Tolkien. 1923’- , que ao morrer, foi doado polos seus descendentes á biblioteca Taylor da Universidade de Oxford”, conta a páxina do célebre escritor.

A Galipedia a tempo real

Para manter o bo ritmo de creación, precísanse todo tipo de perfís. Adrián detalla como “hai xente que só escribe de deportes, pero que está moi pendente das carreiras de Fórmula 1, ou das fichaxes da NBA. Ás poucas horas, xa está todo editado e actualizado”.

Unha celeridade que se estende a todos os ámbitos. Ata na morte. “Moitas veces enterámonos das mortes dos famosos pola Galipedia. O outro día estaba revisando os cambios recentes e vexo que editan a biografía de Quini para engadir a súa defunción. E eu quedei: ‘Ala, que morreu Quini!”.

E ata a política local pode seguirse pola Galipedia. “É imposible que poidamos controlar ao detalle todos os concellos. Pero case sempre, cando hai unha moción de censura, ou un cambio de alcalde por calquera motivo, alguén dese municipio entra para editar a información. E nós, entón, temos que modificar as páxinas relacionadas: a dos alcaldes de Galicia, a das biografías dos propios alcaldes, se as hai, etc.”.

Outros proxectos

Aínda que a Galipedia acapara gran parte do protagonismo, a comunidade tamén traballa noutros proxectos vinculados á enciclopedia que teñen unha relevancia notable. Wikispecies (un repositorio cos nomes científicos de multitude de seres vivos), Wikidata (bases de datos de todo tipo e de descarga libre) ou Wikicommons (un enorme arquivo de imaxes onde se gardan milleiros de documentos cun importante valor cultural).

Tamén podes ler:

tecno/galipedia-15-aniversario/

 

 

 

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galipedia apágase ata o 26 de marzo en protesta pola lei de copyright

A Wikipedia en galego estará 72 horas sen contidos, que redirixen a unha nova páxina co seu comunicado de protesta

A Galipedia cumpre 15 anos regalando coñecemento en galego

Máis de 145.000 entradas, uns 25 editores estables e 1.000 artigos novos ao mes consolidan a versión galega da enciclopedia libre

“Os galegos son amantes do seu país, bos soldados e excelentes mariñeiros”

Así retrataba Galicia a monumental Enciclopedia Metódica de 1782, a da Revolución Francesa, continuadora de Diderot e D´Alembert

A Galipedia suma voluntarios na universidade

A UVigo acolleu un Wikimararón para crear novos contidos nunha enciclopedia que xa suma 129.500 entradas