Drones con selo galego contra o lixo mariño

Hai dúas semanas, a UVigo recibía a boa nova de que tres dos seus proxectos foran seleccionados na iniciativa europea Blue Labs. Onte, a institución presentaba un deles, LitterDrone, que ten por obxectivo “aplicar as tecnoloxías dos vehículos aéreos non tripulados ou drones para conseguir imaxes que posteriormente se procesarán para a detección de posibles residuos presentes nas praias ou noutras zonas costeiras”, segundo explica o profesor Fernando Martín, coordinador do proxecto e investigador do Grupo de Procesado de Imaxe e Realidade Virtual (GPI-RV).

LitterDrone unirá os coñecementos de investigadores, empresas e sociedade civil. Conta tamén coa participación do grupo I-markt, tamén da Universidade de Vigo, xunto coa empresa de material topográfico Grafinta e a Asociación Española de Basuras Marinas.

Publicidade

O proxecto ten dous anos de duración e un orzamento total de 392.657€, do que a Unión Europea achega 312.998€. As características da convocatoria BlueLabs, impulsada pola Axencia Executiva para as Pequenas e Medianas Empresas (Easme) e financiada polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, condicionan en boa medida a iniciativa. O proxecto debe ser desenvolvido por estudantes titorizados por investigadores e representantes de empresas e, unha vez rematado o prazo de execución, debe xerarse un produto ou servizo que ten que chegar ao mercado. A finalidade desta convocatoria é dar respaldo é economía azul, a relacionada co medio mariño europeo a través de proxectos innovadores e multidisciplinares con capacidade para chegar a converterse nun produto tanxible que se poida poñer a disposición das necesidades e demandas da sociedade.

As probas levaranse a cabo nos arredores das Illas Cíes

Pilar Zorzo, da Asociación Española de Basuras Marinas, foi a encargada de achegar unha visión xeral do proxecto, que xorde da loita por conseguir “un mar libre de residuos”, entendendo estes como restos sólidos e manufacturados que acaban en zonas costeiras, é dicir, “que son froito da actividade humana”. Explicou que a clave neste proceso “é saber que son, as cantidades que hai de cada cousa e onde están os restos”, non só para proceder a retiralos, senón tamén para coñecer a procedencia deses restos e emprender “medidas de xestión para previr a súa xeración”. A clave é “ a caracterización do lixo” e, con este proxecto tratarase de facer un seguimento dos restos dun xeito automatizado, para o que se empregarán drones equipados con cámaras dixitais. Esta é a parte da que se encargará a empresa Grafinta, que realizará varias fases de proba, en Huete (Madrid) e nas illas Cíes. Estes voos servirán para testar e elixir o tipo de avión e de cámara que se empregarán na segunda fase. A partir dos datos obtidos decidirase que cámara e que drone empregar na segunda parte do proxecto. As imaxes que se obteñan a partir dese momento serán remitidas ao grupo de Procesado de Imaxe e Realidade Virtual, que deseñará un software capaz de identificar os obxectos estraños das imaxes e de caracterizar de que tipo de resto se trata “baseándonos nas diferentes compoñentes espectrais (lonxitudes de onda) da luz que se reflicten en cada tipo de lixo”, explica Fernando Martín.

O resultado final “debería ser unha ou varias ferramentas software que permitan detectar os diferentes tipos de residuo: plástico, hidrocarburo…” e nesa última parte é na que se implicaría o grupo I-markt, que realizará un estudo dos posibles servizos e/ou modelos de negocio que poden xurdir para explotar a tecnoloxía desenvolvida, como destaca a investigadora Carmen Otero.

Os investigadores agardan que este verán comece a fase de desenvolvemento das aplicacións definitivas e que a etapa de validación e deputación das mesmas arranque un ano despois, en xullo de 2018, concluíndo o proxecto coa fase de mercado en xaneiro de 2019.

Xunto con LitterDrone, liderado por Vigo, foron seleccionados tamén SpilLess e Amalia, nos que están implicados dous grupos de Ciencias do Mar. De feito, a profesora do grupo GEOMA Ana Bernabéu tamén adiantou no acto as características de SpilLess, un innovador “laboratorio” para desenvolver solucións novas e viables na xestión da contaminación mariña, en particular, de mareas negras. Para o reitor, Salustiano Mato, “esta é a maneira de traballar e construír futuro, permeando e combinando capacidades, o que entendemos por cooperación intelixente”. O director da EE de Telecomunicación, Íñigo Cuiñas, incidiu tamén neste sentido e remarcou a importancia da converxencia do eido tecnolóxico e do científico, “campos que moitas veces están afastados”, para traballar a prol da saúde do planeta.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Estudantes da UVigo, finalistas nun proxecto da Axencia Espacial Europea

O proxecto Caminito propón utilizar a constelación de satélites Copernicus para mellorar a xestión e coidado do Camiño de Santiago

Alumnado da UVigo constrúe o seu propio barco solar

A asociación CES-UVigo, composta por estudantes de enxeñaría, prepara un trimarán autónomo de seis metros de lonxitude

Xa podes probar o videoxogo que percorre a Pontevedra medieval

"Ponte veteri", creado por estudantes da UVigo para conmemorar o 850 aniversario do foro da cidade, xa se pode descargar na Play Store

O centro atlanTTic organiza en Vigo unha xornada para achegar o seu traballo á sociedade

A actividade, aberta a todos os públicos, amosará algunhas das investigacións a través de 13 obradoiros e tres visitas guiadas