O envellecemento das células supón unha barreira contra os virus

Investigadores do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) liderados por doutora Carmen Rivas do CSIC, que dirixe o laboratorio de virus e cancro do CIMUS na USC, e o doutor Manuel Collado do SERGAS, director do laboratorio de células nai en cancro e envellecemento do Hospital Clínico Universitario de Santiago (CHUS), describiron como o envellecemento celular supón unha barreira para a infección con certos virus.

Manuel Collado.
Manuel Collado.

As nosas células envellecen, do mesmo xeito que os organismos dos que forman parte. Tras dividirse e cumprir as súas funcións esgotan a súa capacidade e entran nunha especie de letargo que as impide proliferar. Pero este envellecemento, ou senescencia celular, é un proceso organizado e controlado que non se experimenta co paso do tempo só como consecuencia do desgaste da materia, senón que se produce moitas veces como mecanismo de defensa ante agresións que poñen en perigo a integridade celular.

Publicidade

As mutacións que se producen nos nosos xenes poden conducir á activación de xenes do cancro e a senescencia celular limita a expansión das células danadas, impedindo de maneira eficiente o desenvolvemento de cancro. De maneira análoga, certos compostos químicos que danan o xenoma disparan as defensas celulares e a senescencia encárgase de limitar a progresión das células así danadas.

A investigación está dirixida polos doutores Manuel Collado e Carmen Rivas

Os científicos do IDIS describen nunha publicación na revista Scientific Reports, do grupo Nature, e cuxa primeira autora é Maite Baz Martínez, que todos os estímulos que probaron para inducir a senescencia xeraron células que se mostraron máis resistentes á infección cun pequeno axente viral que os investigadores usan como sistema modelo, o virus da estomatitis vesicular, ou VSV.

Publicidade

“En todas as probas ás que sometemos ás células á infección con VSV, as células senescentes demostraron ser moito máis resistentes”, comenta Maite Baz Martínez. Ademais, os resultados comprobáronse en vivo utilizando ratos aos que previamente se lles induciu fibrosis pulmonar, unha condición que xera senescencia das células do pulmón. “Os animais con pulmóns senescentes parecían non ver sequera ao virus, mentres que nos pulmóns dos ratos control o virus se expandiu con normalidade” apunta Sabela da Silva Álvarez, segunda asinante do artigo-.

carmen rivas
Carmen Rivas.

Curiosamente, todos asociamos a vellez cunha maior debilidade fronte ás infeccións por virus. Malia iso, este traballo demostra que as células envellecidas son máis difíciles de infectar, o que reflicte a importancia da contribución do sistema inmune ao control das infeccións. “Un sistema inmune debilitado polos anos é posiblemente a contribución máis importante á maior incidencia das infeccións víricas en anciáns”, apunta Carmen Rivas.

Ademais de supoñer unha avance no noso coñecemento básico das funcións que teñen o proceso de senescencia celular, esta menor capacidade para ser infectadas que posúen as células senescentes debería ser tida en conta nos proxectos que están a desenvolver diversos laboratorios do mundo que buscan aproveitar a capacidade innata dos virus para entrar e matar as células como estratexia terapéutica antitumoral, a coñecida como terapia con virus oncolíticos, posto que o uso de fármacos que poidan inducir senescencia das células tumorais faríaas menos susceptibles á infección e podería permitirlles escapar da terapia tumoricida.

Ademais do grupo dirixido por Carmen Rivas do CIMUS e do coordinado por Manuel Collado no CHUS, tamén participaron outros investigadores de diferentes laboratorios de ambas as institucións, así como da Facultade de Veterinaria da USC e do Heinrich Pette Institute de Hamburgo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A nova Unidade Mixta da USC avanzará en anticorpos terapéuticos para cancro e doenzas inflamatorias

A iniciativa reúne persoal investigador do CiMUS e a biotecnolóxica SunRock Biopharma para impulsar tratamentos biolóxicos de precisión

Investigadores galegos redefinen as pautas de extubación despois dunha operación por ictus

O estudo, coordinado polo IDIS e o CHUS, mostra que, contrario ao que se pensaba, adiantar o espertar do paciente non mellora a recuperación funcional

Unha nova Unidade Mixta da USC impulsa terapias innovadoras en cancro e enfermidades inflamatorias

A colaboración con SunRock Biopharma integra grupos do CiMUS para validar candidatos terapéuticos en fases temperás

Un equipo galego descobre que algúns fármacos contra a obesidade teñen efectos beneficiosos no fígado

O CiMUS e a Universidade de Toronto investigan as aplicacións de substancias baseadas en GLP-1 en enfermedades hepáticas, o que permitiría elaborar tratamentos personalizados