Malia tomar o seu nome de Excalibur, a famosa espada do rei Arturo, o recentemente descuberto Lepidocoleus caliburnus podería non estar á altura do seu homónimo. Con todo, este verme paleozoico si que tería cumprido, ao menos, co papel dun cabaleiro fortemente blindado, segundo un novo estudo sinala. Porque o L. caliburnus inclúese entre os maqueridianos, un grupo único de anélidos que segregaban unha armadura de cristais de calcita, formada por escleritos superpostos que percorrían toda a lonxitude do corpo do animal.
Este verme viviu hai uns 400 millóns de anos, durante o período Devónico, no que hoxe é Australia. E non estaba só. Con él coexistiu a especie curmá Lepidocoleus shurikenus, nomeada así polo shuriken, unha estrela ninja, que tamén foi descrita por primeira vez neste novo estudo. Como sinalan os autores, é probábel que ambos habitasen os arrecifes de coral en augas pouco profundas que agora forman parte do continente, alimentándose de residuos orgánicos. Amais, os vermes eran quen de enroscarse nunha bóla para defenderse mellor dos depredadores.
A técnica do modelado 3D
A partir dos fósiles dos vermes, e facendo uso dos métodos de obtención de escaneados de micro-CT da instalación do Núcleo de Microanálise de Raios X da Universidade de Missouri, os investigadores puideron desenvolver os primeiros modelos dixitais en 3D das placas de blindaxe individuais da especie, examinando virtualmente os esqueletos blindados destes vermes antigos.
Sarah Jacquet, profesora asistente de ciencias xeolóxicas na Facultade de Artes e Ciencias de MU e primeira autora do estudo, cre que a investigación ofrece unha nova forma para que os científicos investiguen como funcionaron diferentes sistemas biolóxicos blindados ao longo do rexistro fósil. “Ao usar micro-CT, podemos separar virtualmente os compoñentes individuais da armadura, o que nos permite ver como protexeu a estes vermes”, sinala Jacquet. “Tamén facilita o manipularmos os modelos virtuais para determinar como se movían as pezas de armadura individuais entre si, así como determinar o grao de superposición entre elas”.
Un duplo sistema de blindaxe
incluíndo un non observado anteriormente nos lepidocoleides, os investigadores descubriron que os vermes tiñan dous sistemas de armadura superpostos: un que corría ao longo do esqueleto de cada un e o outro que cubría os dous lados das criaturas. Así, a combinación de xeometría de sección transversal heteroxénea de escleritos e a superposición tamén serviría para manter un grosor uniforme do conxunto da armadura e, presumiblemente, mellorar a resistencia ao ataque depredador.
Nesta liña, os plans futuros da investigación contemplan o uso de modelos virtuais para indagar sobre a eficacia destes sistemas de blindaxe fronte diferentes tipos de factores estresantes. Porén, e malia contar con tan impresionante sistema, nin este foi quen de salvalos da desaparición nun dos principais eventos de extinción no rexistro fósil. Cun comezo datado hai 365 millóns de anos, a inminente extinción masiva ao final do período Devónico acabou con eles, ao igual que co 75% da vida na Terra.
Comprensión da evolución converxente
Secasí, e mesmo se aínda non se estableceron correlacións directas entre estes vermes extintos e calquera especie moderna, Jacquet cre que o seu estudo pode profundar a nosa comprensión da evolución converxente, onde grupos diferentes e non relacionados adaptan características similares. “Aínda que esta armadura é unha adaptación bastante única, e que claramente funciona ben para contornas particulares e protexe contra depredadores particulares, vemos outras adaptacións similares nun par de grupos de animais non relacionados, como pangolíns, chinches e milpés”.
Referencia: Sclerite assembly, articulation and protective system of Lower Devonian machaeridians (Publicado en Papers in Paleontology)