Venres 26 Abril 2024

A ciencia tamén se fai na casa: así son os experimentos familiares de Pontenciencia

Unha das modalidades de Pontenciencia, Ciencia en Familia, busca fomentar a colaboración, a aprendizaxe e a convivencia nos fogares a través do desenvolvemento de diversos experimentos. Na feira que ten lugar esta fin de semana na Escola de Enxeñaría Forestal, 15 familias exporán ante o xurado os traballos que levan tempo preparando na casa. Hai todo tipo de temas: dende a proporción áurea ata a visibilización das mulleres na prensa en papel, pasando polo crecemento das lentellas, a lei da estabilidade das frecuencias ou a influencia das condicións de cultivo na xerminación e no crecemento das plantas.

A ilusión, a emoción e as ganas por expoñer o proxecto rebordan nas conversas coas familias participantes. Estes equipos de investigación familiares dan estes días as últimas puntadas ás súas presentacións para que todo saia ben diante do xurado. Algunhas xa participaran en anteriores convocatorias, e outras preséntanse por primeira vez.

Publicidade

Poderíamos vivir sen plásticos?

A familia De Lima Dosión falará sobre os plásticos. María Xosé é a nai de Luan, de nove anos, e de Sabela, de sete anos. Pontenciencia non é novo para eles. Xa se presentaran en 2016. “Un día vimos na nosa casa que tiñamos moitos plásticos e empezamos a investigar”, di Luan. María Xosé buscaba un proxecto práctico ao que sacarlle partido. O seu obxectivo é concienciar a poboación para que faga un uso responsable do plástico.

Segundo María Xosé, os nenos aprenderon unha manchea de cousas útiles para a súa vida. “Pensamos nun proxecto real para o día deles”, apunta. Asimilaron unha serie de coñecementos. Por exemplo: para fabricar unha botella de plástico precísanse ata tres litros de auga. Esta aprendizaxe materialízase en pequenos detalles: por exemplo, Sabela está deixando de utilizar pallas para sorber o leite. “O premio é chegar ese día e expoñer o que aprendemos”, di a súa nai.

Inflúen as proporcións áureas na beleza dun obxecto?

O proxecto da familia Budiño Rodríguez chámase “Proporción ou non proporción. Esa é a cuestión”. Mateo, de oito anos, e Elías, de 10, foron os discípulos dos seus pais. Eles tamén se presentaran o pasado ano. Din que este ano van polo primeiro premio. Esta familia aventurouse cun tema moi amplo. Sen sabelo, metéronse de cheo no mundo das matemáticas e das artes. Levan xa dende abril afondando sobre a proporción. “O cerebro humano reacciona de xeito diferente ante as proporcións aureas”, explica Alicia, a nai e a mentora dos rapaces.

Nesta aventura cos números e os estilos artísticos, Alicia, Mateo e Elías atoparon proporcións áureas en lugares insospeitados. “Atopamos proporcións áureas na igrexa da Peregrina, é perfecta”, di Elías con emoción. Para comprobar se realmente influían as proporcións divinas na nosa percepción fixeron unha serie de experimentos. Un deles foi a construción de dúas casas, unha menos proporcionada ca outra. Posteriormente, rexistraron o seu impacto mediante unhas enquisas. O resultado é un segredo que revelarán este sábado. “Agora vemos as cousas dun xeito máis completo”, remata Alicia.

Teñen menos visibilidade as mulleres na prensa?

Este ano tamén hai proxectos que se falan de Ciencias Sociais, como o da familia Prado Barros. Verónica é a nai de Clara, de 11 anos, que investigou sobre a visibilización das mulleres nos xornais. Pontenciencia é para elas unha oportunidade de afondar en temas como a igualdade social. No seu caso é a primeira vez que concursan e teñen moitas ganas por saber que lles deparará o evento.

Verónica e Clara levan dende febreiro con esta idea en mente. As dúas intentaron buscar un camiño sinxelo e accesible á súa investigación. O seu traballo consistiu en observar 27 portadas de xornais locais, nacionais, internacionais e de índole económica. “O máis importante para min foi traballar coa miña filla e que ela vira que realmente hai unha menor representación das mulleres”, expón Verónica.

Que pesa máis: o lixo que botamos nós ou o lixo que depositan as actividades pesqueiras?

“O lixo no litoral, clasificación de residuos de actividade pesqueira e residuos creados por actividade terrestre” é o proxecto da familia Brea Mariño. Eva e Marín son os pais de Simón, o pequeno investigador. A súa outra filla Uxía, xa no instituto, tamén participa con outro estudo cun enfoque máis social. Para esta familia é a terceira participación na feira. “Unha forma de descubrir o mundo doutra maneira”, describe Eva.

Cada vez que van á praia, os Brea Mariño levan unha bolsa. A semente desta idea foi o Prestige. Eva e Martín transmitiron a conciencia medioambiental a seus fillos. Levan xa dende febreiro investigando. “Nós supoñemos que os residuos da actividade terrestre son maiores”, di Eva.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A familia Jáudenes certifica: o 80% do lixo dos areais da ría de Pontevedra é plástico

Alejandra, de 9 anos, e a súa nai, Emma, presentan en Pontenciencia unha investigación desenvolvida en seis praias da zona e contrastada en outros tantos países

Por que en Galicia non precisamos produtos contra o cal nas lavadoras?

A familia Mayo Gago analizou a dureza da auga de distintos puntos de Galicia para resolver esta cuestión e participar na feira Pontenciencia

Arte sostible en familia, no Aquarium Finisterrae

O colectivo artístico Retoque Retro e os Museos Científicos Coruñeses organizan obradoiros para crear obras a partir de lixo recollido nas praias

Pontenciencia 2018: onde se reúnen os futuros científicos

Os escolares presentarán os seus proxectos de investigación na Feira da Miniciencia de Pontevedra, que chega cargada de actividades