Quen non tivo nunca un esqueleto na clase para estudar os órganos do corpo humano? Hoxe en día, as novas tecnoloxías permiten levar esa imaxe no móbil. A University College London e o European Synchrotron Radiation Facility (ESRF) desenvolven un Atlas do Corpo Humano con imaxes hiperrealistas sen precedentes. Este proxecto baséase nas doazóns de 65 órganos de 32 pacientes. Recolle información de 13 órganos pezas do corpo: o cerebro, o colon, o aparato xenital feminino, o corazón, o ril, o fígado, o pulmón, a placenta, a próstata, o bazo, o testículo e o útero. Recentemente, incorporouse tamén o primeiro ollo ao atlas —tanto o esquerdo como o dereito—, grazas ás doazóns de dous doantes diferentes. Trátase dunha ferramenta de acceso aberto que permite a súa exploración e reutilización, co fin de achegar novos coñecementos sobre a composición biolóxica do ser humano.
Pero, como funciona? A tecnoloxía clave para o seu desenvolvemento é a Tomografía Xerárquica de Contraste de Fase (HiP-CT), unha técnica de raios X creada no marco da actividade do ESRF. Esta permite obter imaxes a nivel celular en calquera parte de organismos enteiros, cunha resolución de ata 25 micras —máis fina ca un cabelo humano— e dez veces superior á dun escáner médico convencional. Ademais, é posible seleccionar áreas concretas para amplialas con gran detalle.
Ao acceder a cada órgano na páxina principal do Human Organ Atlas, pódese consultar cantos doantes participaron, así como a súa idade e xénero. Por exemplo, no caso do cerebro, inclúense órganos procedentes dun home de 81 anos e dunha muller de 68. A web tamén ofrece información detallada sobre cada doante, como o peso, a altura ou datos médicos relevantes, incluída a causa de morte.
Cal é o obxectivo?
A partir deste atlas xurdiu o Human Organ Atlas Hub (HOAHub), co propósito de actuar como ponte entre as imaxes clínicas e as modalidades moleculares, proporcionando información clave sobre saúde, envellecemento e enfermidades. Ademais, busca reunir grupos interdisciplinares para desenvolver novas tecnoloxías experimentais e computacionais que permitan interpretar os datos e avanzar nos ámbitos biolóxico, computacional e médico. Tamén ofrece recursos para a formación anatómica e para a validación de técnicas como a tomografía computarizada (TC), a resonancia magnética e a histoloxía 3D.
Podes consultar o The Human Organ Atlas na seguinte ligazón.












