Un estudo do IDIS demostra que hai nenos xenéticamente resistentes á meninxite

A partir dos datos de 7.800 persoas, entre enfermos de meninxite e individuos sans, un estudo coordinado polos profesores da Facultade de Medicina da USC e investigadores do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS) Antonio Salas Ellacuriaga e Federico Martinón Torres conclúe que 14 de cada 100 dos nenos analizados posúen unha variante xenética protectora que reduce nun 60% as posibilidades de que desenvolvan meninxite. Como explican os investigadores, este estudo achega a evidencia estatística máis convincente sobre o papel da variación xenética nos humanos en relación á susceptibilidade á enfermidade meningocócica. Esta variación xenética explicaría a existencia de persoas portadoras asintomáticas do meningococo e doutras, vítimas dunha enfermidade invasiva mortal.

O proxecto que coordinan o profesor Antonio Salas e o xefe do servizo de Pediatría do Complexo Hospitalario de Santiago (CHUS), Federico Martinón, susténtase nun estudo de xenotipado masivo do xenoma humano coñecido como GWAS (Genome-Wide Association Study). Usando métodos computacionais coñecidos como imputación de datos xunto co uso de grandes reservorios de datos xenéticos, os autores conseguiron inspeccionar máis de 5,4 millóns de variantes xenéticas en todos os individuos avaliados.

Publicidade

Un 14% dos nenos ten unha variante xenética protectora fronte á meninxite

Froito deste esforzo de xenotipado, os investigadores detectaron uns agrupamentos de variantes xenéticas denominadas single nucleotide polymorphisms ou SNPs localizadas na rexión do factor H do complemento (Complement Factor H o CFH) asociados coa susceptibilidade do hóspede á enfermidade meningocócica. Como sinalan os investigadores, o factor do complemento é un dos compoñentes fundamentais da resposta inmunitaria defensiva ante un axente hostil e confórmano un conxunto de proteínas plasmáticas implicadas en distintas cascadas bioquímicas. O factor H é unha proteína plasmática codificada por un xene localizado no cromosoma 1 e é unha proteína clave no control do complemento. “A Neisseria meningitidis esquiva o complemento por medio dun mecanismo que consiste en unirse a través dunha proteína do meningococo -a FH binding protein– ao CFH do hóspede”, explica Antonio Salas. “Os datos parecen indicar que a variación xenética no hóspede nestes reguladores da activación do complemento xogan un papel determinante na enfermidade invasiva fronte á colonización asintomática polo patóxeno. O CFH é, polo tanto, un branco ideal para patóxenos que queren aumentar a súa virulencia no hóspede”, conclúe.

A enfermidade meningocócica é a principal causa de morte por meninxite e sepse bacteriana fatal no mundo occidental a pesar da súa diagnose e tratamento correcto. A súa distribución é universal e a súa epidemioloxía é dinámica e impredicible, ademais de que a súa infección é frecuentemente devastadora, implicando graves secuelas ou incluso a morte. Como aclara Federico Martinón “a enfermidade pode afectar ao sistema nervioso central – meninxite meningocócica- ou pode derivar nunha infección xeralizada en todo o corpo -sepse meningocócica-. A enfermidade pode ser asintomática ou pode ocasionar a morte do paciente”.

Publicidade

Federico Martinón e Antonio Salas dirixiron o estudo que publica Scientific Reports

“Unha vez máis demóstrase que, para a busca dos factores que explican as enfermidades complexas, como é a enfermidade meningocócica, non só é importante actualizarse nas metodoloxías computacionais de análise e os procedementos estatísticos, senón tamén formular os estudos nun marco multidisciplinar e de colaboración internacional”, engade Antonio Salas.

O estudo acaba de publicalo a revista Scientific Reports do grupo Nature e contou coa participación de máis de 20 hospitais españois con financiamento tanto do Instituto Carlos III como do 7º programa marco europeo de investigación. Para a súa realización, ademais da rede nacional ESIGEM, foi necesario establecer unha colaboración internacional con grupos de Inglaterra, concretamente co Imperial College London, ou co Centro de Enfermidades Infecciosas do Instituto de Xenómica de Singapur (GIS). O traballo é unha continuación dun estudo previo realizado polo mesmo grupo e publicado en Nature Genetics onde xa se apuntaba esta rexión xenómica como presuntamente asociada coa enfermidade meningocócica.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Identificados novos factores xenéticos da fatiga persistente tras a radioterapia por cancro de próstata

Un estudo publicado en 'Nature Communications' e con participación galega descobre unha variante no xene ACTR3 asociada a un risco tres veces maior de desenvolver a sintomatoloxía despois do tratamento

Investigadores galegos redefinen as pautas de extubación despois dunha operación por ictus

O estudo, coordinado polo IDIS e o CHUS, mostra que, contrario ao que se pensaba, adiantar o espertar do paciente non mellora a recuperación funcional

Galicia será pioneira en reforzar a vacina contra a meninxite aos 12 anos a partir de maio

Sanidade incorporará ao calendario vacinal unha dose adicional na adolescencia para reducir contaxios e avanzar na erradicación da enfermidade

Un fármaco para recuperarse tras un ictus e unha tecnoloxía de selado de latas, Premios á Transferencia

Os galardóns que outorgan a Real Academia Galega de Ciencias e a Axencia Galega de Innovación premian un grupo do IDIS e outro da UVigo