Venres 26 Abril 2024

Quince gráficos para comprender o ano da pandemia

A visualización da montaña de datos xerados polo coronavirus foi unha das ferramentas que máis pulo acadou entre a sociedade

A comezos de 2020, antes de que medio mundo parase, e cando Wuhan xa vivía o primeiro confinamento causado pola Covid-19 polo planeta, comezaron a difundirse as primeiras visualizacións a través de gráficos e mapas para comprender o que estaba pasando. Como se dun videoxogo se tratase (houbo moita xente á que a propagación desde Wuhan lle lembrou o Plague, que experimentou un gran aumento no número de descargas) o seguimento case a tempo real do SARS-CoV-2 xerou un crecente interese pola visualización da información. Moitas institucións científicas e medios de comunicación reforzaron os recursos destinados a amosar á sociedade, de forma sinxela e gráfica, o que estaba acontecendo. Un ano despois de todo aquilo, os gráficos e os mapas poden axudarnos a percorrer o acontecemento que mudou a vida de millóns de persoas.

A situación no planeta

O mapa da Universidade Johns Hopkins

É un dos traballos máis citados e seguidos desde o comezo da pandemia. O 22 de xaneiro de 2020, esta universidade estadounidense puxo en marcha un mapa interactivo (pode verse con máis detalle nesta ligazón) que foi amosando a evolución dos novos casos. Entre outras variables, foron engadíndose indicadores como a incidencia en cada territorio, a taxa de letalidade ou de probas realizadas.

Publicidade

A contención do brote na China

O 23 de xaneiro, menos dun mes despois de informar ás autoridades sanitarias internacionais do brote en Wuhan, o Goberno chinés decidiu confinar a cidade, con máis de 11 millóns de habitantes, e posteriormente, o 13 de febreiro, estende a corentena a toda a provincia de Hubei, con máis de 55 millóns de persoas. Foi o primeiro gran peche, que se prolongou ata abril. Baixo estas liñas poden verse os efectos da contundente medida: a comezos de marzo, a China apenas rexistraba novos positivos, e mantívose desde entón practicamente sen novos surtos:

As mortes en cada rexión do planeta

Cada onda afectou de forma distinta a cada rexión do planeta. Baixo estas liñas pode observarse como o impacto da primavera de 2020 se deixou notar, sobre todo, en Europa e os Estados Unidos. A chegada do verán no hemisferio norte e o inverno no hemisferio sur mudou a situación, convertendo a Sudamérica nun dos epicentros da pandemia. A finais do outono e comezos do inverno de 2020, cando todo parecía preparado para conter a nova acometida do SARS-CoV-2, chegou o momento máis crítico, chegando a superar os 14000 falecementos diarios no mundo por mor da Covid-19. Os novos confinamentos, a chegada das vacinas e a conseguinte redución dos casos graves parecen estar freando a tráxica cifra. Con todo, o retraso da vacinación nos países en desenvolvemento, un problema aínda sen resolver, podería comprometer a situación nas vindeiras semanas e meses.

A evolución da pandemia día a día

Outro dos portais de recursos máis relevantes para seguir a Covid-19 é Our World in Data, un proxecto impulsado pola Universidade de Oxford que antes da pandemia amosaba a través da visualización de datos todo tipo de cuestións de interese global. Coa chegada da pandemia adaptaron o seu traballo e convertéronse tamén nun recurso moi atractivo para seguir a actuailidade. Neste mapa cronolóxico recollen como chegou o SARS-CoV-2 a cada país e como se propagou.

Os primeiros sinais de esperanza

Israel é o país máis avanzado no proceso de vacinación da súa poboación. Os seus acordos coas compañías farmacéuticas permitiron recibir unha proporción maior de doses e, deste xeito, está a ser un dos lugares onde se observa o efecto da inmunización. Our World in data recolle neste gráfico, baseado nos datos achegados por científicos do país que están analizando o impacto da vacinación, como están a descender a maior velocidade os novos ingresos nos hospitais entre os maiores de 60 anos, o grupo prioritario na inmunización. A pesar de que Israel experimentou xusto antes de comezar a vacinación unha onda que levou a un novo confinamento, a gravidade dos casos está a ser menor.

O ‘apartheid’ da vacinación

O fito científico da vacinación é un motivo para crer nas cousas fascinantes que pode facer a humanidade. Mais, ao mesmo tempo, o reparto das doses que nos protexerán contra a pandemia amosa as vergonzas do sistema que rexe o mundo. Os países e organizacións internacionais con máis poder están inmunizando a gran velocidade aos seus cidadáns, ao tempo que as taxas de protección total que supón completar o ciclo de vacinación son escasísimas noutras partes do planeta. Xibraltar, cun 46,2% da poboación inmunizada, ou Israel, cun 43,8%, encabezan esta lista. Tamén o amosa Our World in data, aínda que con datos limitados para países como China:

En Galicia

Casos por día

Despois de que o día 4 se notificase o primeiro positivo na Coruña, Galicia sumou case 114.000 diagnósticos positivos de Covid-19 (un 4,2% da poboación galega). Delas faleceron arredor de 2280 (un 2% de todas as persoaos diagnosticadas). Con todo, como xa se comentou nos estudos epidemiolóxicos realizados, é moi probable que a cifra real de persoas infectadas, sobre todo na primeira onda, sexa moito maior.
Así, a imaxe baixo estas liñas é, como moitas as da pandemia, incompleta. Obsérvase como na terceira onda os tests de antíxeno, usados para o diagnóstico de persoas con síntomas e en cribados poboacionais a maior escala, serviron para detectar preto de 300 casos diarios na segunda quincena de xaneiro, o momento crítico da terceira onda en Galicia. Segundo os datos do Instituto de Salud Carlos III, que recolle as notificacións da Xunta á Rede Nacional de Vixilancia Epidemiolóxica, ata o pasado 4 de marzo diagnosticáranse 112508 casos de coronavirus. Deles, 103200 detectáronse mediante dunha proba PCR, 9165 a través de antíxeno, 64 a través de tests rápidos de anticorpos e outros 79 mediante técnicas serolóxicas de alta resolución (ELISA, ECLIA ou CLIA).

As ondas en cada área sanitaria

Non todas as zonas de Galicia viviron igual a pandemia. A situación, como se puido observar cando a Xunta comezou a facilitar a información por concellos, mesmo muda dun municipio ao que está a carón. Mais pode observarse como cada área amosa patróns distintos nas tres ondas. E mesmo algunha experimentou ata catro vagas diferenciadas en atención ao número de casos detectados.

A provincia de Lugo, dentro da baixa incidencia que mantivo durante toda a pandemia, amosa ata cinco ondas diferenciadas desde marzo de 2020 (a 1ª), a segunda que se corresponde co surto na Mariña a comezos de xullo (3ª), outra en setembro (4ª), outra en novembro (4ª) e outra en xaneiro (5ª). En Ourense obsérvase, pola contra, un forte incremento a mediados de outubro, mais as medidas estritas (cando se aplicou o coñecido como ‘modelo O Carballiño‘) nesas semanas evitaron o poserior impacto que golpeou a outras áreas de Galicia en novembro. Nesa vaga foi Vigo a que rexistrou maiores cifras de infeccións.
Ao tempo, pode verse como A Coruña viviu o gran impacto da terceira onda (falando en termos xerais), acumulando ata un terzo dos casos que se rexistraban en toda Galicia na segunda quincena de xaneiro. Tamén as áreas de Pontevedra e Santiago viviron unha terceira onda moito máis elevada cás anteriores neses días de xaneiro. Aquí se pode ver o impacto de cada vaga nas sete áreas e o conxunto de Galicia.

Os hospitais

A pesar de que a incidencia acumulada de novos casos en Galicia está a baixar a niveis de agosto e outubro, as consecuencias da terceira onda seguen notándose nos hospitais. A carga asistencial, tanto nas UCIs como noutras unidades de hospitalización, segue por riba da ‘chaira’ que seguiu a segunda onda e precedeu á terceira.
Ademais, segundo os datos do Ministerio de Sanidad publicados este luns, segue producíndose un importante número de hospitalizacións en Galicia. Na última semana 28 persoas tiveron que entrar na UCI por mor da Covid-19, e durante o domingo 7 de marzo ingresaron 29 persoas por mor do coronavirus.

Os falecementos, día a día

O 28 de xaneiro de 2021 foi, ata o momento, o peor día da pandemia en Galicia en canto ao número de falecementos. Nas tres semanas que van de mediados de xaneiro a comezos de febreiro máis de 500 persoas faleceron por mor do SARS-CoV-2 en Galicia. No conxunto de febreiro finaron 425 persoas, cifra só superada pola de abril de 2020 (429). Aínda que desde finais de febreiro o número de óbitos diarios se mantén por baixo de 10, en sete días de marzo xa se rexistraron 27 vítimas máis.

As persoas falecidas, por idade

Máis do 70% dos falecementos correspóndense con maiores de 80 anos. A vacinación deste grupo de idade, xa en marcha, é unha das grandes esperanzas para frear a mortalidade causada pola Covid-19.

Os concellos, a tal hora…

Cunha incidencia acumulada de 96,24 casos por 100000 habitantes a 14 días e de 36,86 a sete días (segundo cifras deste luns 8 de marzo), Galicia continúa o seu descenso de novos diagnósticos. E isto é patente no mapa municipal que diariamente achega a Consellería de Sanidade. Máis dun terzo dos concellos galegos (118) non rexistran ningún positivo nos últimos 14 días. Cinguíndose aos sete últimos días, a cifra sobe ata máis da metade (171).

… E os concellos no cumio da 3ª onda

A cor actual é moi distinta a de comezos de xaneiro, cando se fixo patente o aumento de casos derivado do levantamento das restricións no Nadal. Numerosos concellos galegos estaban por riba dos 1000 casos/100000 habitantes. É dicir, máis do 1% da poboación se infectara nesas dúas semanas. E os concellos libres de Covid-19 eran apenas unha decena:

A situación nas residencias

Nos espazos máis golpeados pola pandemia, como os centros de maiores, estase a notar tamén o efecto da vacinación. Este venres só se mantiñan activos 31 casos (un 0,88% do total de positivos activos en Galicia), e alén do último brote nunha residencia de Xinzo (10 persoas afectadas), estanse reducindo ao mínimo as infeccións nestes centros. Na última semana, só un dos 19 falecementos notificados en Galicia se correspondeu cunha persoa usuaria de residencia.

A vacinación

Paseniño, pero acelerando pouco a pouco. Á éspera da chegada de novas remesas de vacinas (a ministra de Sanidade anunciou este luns que en abril chegarán a España 4,8 millóns de doses de Pfizer-BioNTech), e da aprobación de novas fórmulas en Europa, como a de Janssen, dunha soa inxección, a Unión Europea mantén a previsión de acadar a inmunidade de grupo para finais do verán de 2021.

Este luns, un 2,79% da poboación galega (máis de 75000 persoas) xa recibira as dúas doses dalgunha das tres vacinas aprobadas. E xa se administrou unha porcentaxe de inxeccións equivalente ao 10% da poboación galega (270942).
Este avance na inmunización abrangue xa ao 92,1% da poboación institucionalizada (usuaria de residencias sociosanitarias, centros de maiores ou persoas con discapacidade), nos que practicamente se completou o proceso. Das 22035 neste réxime en Galicia, 20297 xa recibiron as dúas doses.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Gripe H5N1: a próxima pandemia?

Unha variante do virus, presente dende 2020, está a causar mortalidades nunca vistas en aves, tanto domésticas como silvestres

Catarreira, friaxe, peleira… As 12 palabras galegas para referirse ao arrefriado

O proxecto ALGa do Instituto da Lingua Galega permite coñecer as variantes léxicas deste estado patolóxico

Detectado o virus de Crimea-Congo en carrachas do Bierzo: “Probablemente xa estea en Galicia”

Os expertos advirten que a enfermidade hemorráxica parece estar propagándose polo noroeste peninsular e urxen medidas para freala

O festival científico CinVigo encheu a Porta do Sol de ciencia e ilusión

Participaron máis de 220 alumnos de Secundaria, Bacharelato e FP que presentaron 58 proxectos na feira celebrada na cidade olívica