Por tratarse dunha especie de crecemento rápido, que medra de novo a partires de raíces ou escallos, o chopo é unha árbore empregada frecuentemente como cultivo enerxético noutras partes de Europa, mais non en Galicia, onde este tipo de cultivos se atopan moi pouco desenvolvidos, segundo explica o catedrático da Escola de Enxeñaría Forestal, Luis Ortiz. Avaliar o seu potencial como fonte de biocombustible para caldeiras e a súa viabilidade como cultivo enerxético de curta rotación en Galicia é un obxectivos centrais dun proxecto de investigación liderado polo catedrático da Universidade de Santiago de Compostela, Roque Rodríguez e no que un equipo de investigadores da EE Forestal, liderados por Ortiz, encárgase de estudar o rendemento enerxético de oito clons desta especie, pouco implantada nesta comunidade.
Financiado polo Instituto Nacional de Investigaciones Agrarias (INIA), no marco do Plan Estatal de Investigación Científica y Técnica y de Innovación 2013-2014 do Ministerio de Economía y Competitividad, o proxecto Biomasa para la bioeconomía: produciendo, modelizando y valorando cultivos forestales comezou a desenvolverse o pasado ano 2015 da man do grupo de investigación que coordina Rodríguez na Escola Superior Politécnica do campus de Lugo, e ao que se suman tamén investigadores da Facultade de Física da USC e da EE Forestal. Concretamente, Ortiz encárgase, xunto con Juan Luis Rodríguez e Antonio Vázquez, da última fase do proxecto. “A nós o que se nos encarga é estudar o comportamento do produto en combustión, é dicir, estudar como se funden as cinsas a diferentes temperaturas”, así como analizar as posibles mesturas que permitan “mellorar as características dos produtos iniciais”.
Unha das principais características do chopo e que é un tipo de árbore “que medra moi ben de rebote, de cepa e de raíz”, salienta Ortiz, que apunta tamén que se trata dunha especie menos abundante en Galicia que noutras comunidades, como pode ser Castela-León, Castela-A Mancha ou Estremadura, e que destaca por uns crecementos moi importantes e por múltiples aplicacións comerciais na industria da madeira. Por iso, trátase dunhas árbores “moi usadas como cultivo enerxético de curta rotación noutros países de Europa”, por tratarse dunha especie que pode ir cortándose en quendas dun mínimo de tres anos e dun máximo de cinco e cuxas plantacións poden chegar a producir de forma habitual en torno ás 20 toneladas de materia seca por hectárea e ano.
O chopo emprégase como cultivo enerxético noutras partes de Europa, mais non en Galicia
A posibilidade de replantar os chopos a partires de raíces e escallos “fai sinxela a selección xenética dunha serie de brotes, que logo se van illando para conseguir centos de árbores coas mesmas características xenéticas”, apunta Ortiz. De aí que ao longo das últimas décadas se fosen desenvolvendo unha serie de clons especialmente pensados, pola súa capacidade para producir biomasa, para o uso desta especie como cultivo enerxético. De entre estas variedades, seleccionáronse para este proxecto oito clons, “que xa foron avaliados como cultivo enerxético noutras comunidades”, co propósito de coñecer cales resultarían máis válidos en Galicia, “ou mesmo en que porcentaxe se poderían mesturar varios deles para mellorar as súas características”.
Neste senso, este proxecto de investigación, que se estenderá ata 2018 e abranguerá tamén a análise enerxética doutras especies, centrouse nunha primeira fase no estudo do crecemento dos oitos clons seleccionados, na que os investigadores da USC puideron ir medindo os seus diferentes tamaños, pesos e densidades. Unha vez realizada a caracterización físico-química destes clons, as mostras destas especies chegaron convertidas en cinsas ata a EE Forestal.
“Mandáronnos xa 164 mostras de diferentes parcelas”, sinala Ortiz dun proxecto no que o seu papel pasa por “avaliar a potencialidade destes combustibles para o seu uso en caldeiras”, continuando así o traballo previamente desenvolvido na USC, onde os investigadores encárganse de “comprobar a viabilidade de diferentes cultivos de curta rotación, a súa produtividade, crecemento e os posibles problemas de implantación en diferentes terreos”. Non en van, é preciso tanto ter en conta que especies como o chopo “non soportan ben as xeadas”, así como a eficiencia de cada unha das variedades na caldeira, de tal xeito que “xa dentro do produto final, poidamos coñecer non só cal é o que mellor crece, senón tamén cal é o mellor en combustión”.
As análises que realizan nos laboratorios da EE Forestal das diferentes mostras céntranse en coñecer a composición química das cinsas e a previr posibles problemas de escoración, a xeración de pequenas pedras ou escorras de cinsa nas caldeiras, que poderían diminuír a súa eficiencia e mesmo, en determinados casos, chegar a estragalas. Segundo apunta Ortiz, estes procesos son o resultado da “sinterización de diferentes compostos químicos, como poden ser sílice, potasio, fósforo ou calcio”, que poderían estar presentes nunhas árbores que xeralmente se cultivan en terreos abandonados pola agricultura e que, polo tanto, estiveron sometidos ao uso de fertilizantes, aínda que, engade, “nun principio pensamos que estes produtos non deberían ter problemas substanciais”.
De existiren, o seguinte paso sería buscar algunha mestura con outro dos clons para poder rebaixar a problemática que presente. Así mesmo, o proxecto contempla tamén o desenvolvemento doutra serie de mesturas, nas que o chopo se combine con restos de mala calidade, que dan problemas en combustión, como pode ser a palla de cereal ou a cáscara de améndoa e de piñón, de tal xeito que poidan comprobar en que doses se poderían mesturar estes produtos agrícolas cos derivados dun cultivo enerxético.