Venres 26 Abril 2024

“Se se cumprise a lei, a situación do medio ambiente melloraría radicalmente”

Desde hai máis de catro decenios, a Sociedade Galega de Historia Natural traballa, segundo definen os seus estatutos, no estudo, divulgación, conservación e defensa do medio natural de Galicia. Fundada en 1973, a SGHN estivo presente ao longo deste tempo en moitas das reivindicacións en favor da natureza e os ecosistemas do país. O seu presidente, desde hai case dous decenios, é Serafín González.

– Corenta e tres anos despois, canto queda por facer na defensa e conservación do medio natural en Galicia?

Publicidade

Moitas cousas. É certo que neste tempo a lexislación mellorou moito, sobre todo despois da entrada de España na UE. Pero o que falta, nin máis nin menos, é que se cumpra a lei, desde os Concellos ata a Xunta, pasando polas Deputacións. Simplemente con iso, a situación melloraría de xeito radical.

– Cales son eses incumprimentos?

Hai varios exemplos preocupantes. Algúns incluso provocaron denuncias ante a UE. Por exemplo, un 41 por cento das vilas de Galicia incumplen a directiva europea de regulación de augas residuais, mentres que no resto de España esta porcentaxe non pasa do 9 por cento. En cidades como como A Coruña, Vigo ou Santiago hai problemas serios coa depuración. A metade das augas residuais de Santiago van directamente ao Sar, sen tratarse.

“Ao ritmo actual, tardaríase dous séculos en protexer ás especies ameazadas”

Outro exemplo moi claro é o da Rede Natura 2000. Cubre unha porcentaxe moi baixa do territorio. No 2011 houbo unha proposta de ampliación que a Consellería de Medio Ambiente meteu nun caixón e non se soubo máis del. Hai un expediente aberto pola UE que podería acarrear sancións. Pero é que ademais o nivel de protección destes espazos é moi pequeno. Os espazos que están protexidos son poucos, e non se están protexendo ben.

E se xa falamos da lexislación a nivel galego, hai importantes eivas. Ao ritmo actual de aprobación farán falta dous séculos para que a Xunta aprobase os plans de recuperación para as especies de flora e fauna máis ameazadas de Galicia(as 74 recoñecidas como en perigo de extinción), e os plans aprobados son bastante febles; carecen do orzamento axeitado para levalos á práctica e ás veces nin sequera existen.

– En que se avanzou?

Gañouse moito coa declaracións de espazos protexidos. Agora temos un Parque Nacional, que non está na situación que debera, pero a denominación está aí. E o mesmo ocorre cos parques naturais.

– E en que se retrocedeu?

Hai especies emblemáticas que sufriron unha diminución considerable das poboacións, e están nunha situación moi delicada. E incluso extinguidas en Galicia, como a pita do monte. Non se fixo unha protección efectiva no seu momento e perdemos unha especie única. Está, por outra banda, a eucaliptización da paisaxe, e a urbanización descontrolada en espazos sensibles.

Cales son os principais desafíos contra o medio ambiente en Galicia na actualidade?

O crecemento brutal das plantacións de eucaliptos e os incendios forestais preocupan, e moito. En Galicia están a metade dos eucaliptos de España. Cobren 288.000 hectáreas en masas puras, e máis de 500.000 hectáreas en masas mixtas con piñeiros e outras especies. É unha superficie excesiva, tendo en conta que o total da masa forestal de Galicia ocupa uns dous millóns de hectáreas. É unha especie que non forma parte do ecosistema do país, e empobréceo a nivel paisaxístico e de biodiversidade. Baixo a cuberta dos eucaliptos hai moitas especies que non medran, e diminúen a presenza de fauna.

E en canto aos incendios avanzouse moi pouco. Galicia e o norte de Portugal son as rexións de Europa que máis arden. E Isto non se debe a condicións naturais e climáticas, senón á actividade incendiaria e a eivas na política de prevención.

– Como están actuando as Administracións ante estes temas?

As Administracións que deberían coidar do medio ambiente son as que menos fan. Polo que vemos, non se pode esperar gran cousa delas. Non fan, nin deixan facer, nin están concienciando á sociedade. Están deixando que o seu labor teña que ser asumido de forma activa por asociacións medioambientais, con moitos menos medios e capacidade de manobra.

– Que proxectos ten en marcha agora mesmo a SGHN?

Agora temos tres proxectos de longo recorrido. Acabamos de reformar o museo de historia natural, que está en Ferrol. Por outra banda, estamos traballando na recuperación de dúas zonas húmidas: unha na zona da Limia, o que antes era a lagoa de Antela, e outra nas Gándaras de Budiño, no Porriño. Só no caso da Limia, se conseguimos os obxectivos, poderiamos recuperar máis dunha decena de especies.

– Como marcha o museo de Ferrol?

Levamos catro anos na nova sede, e hai uns meses fixemos obras de mellora para incrementar as prestacións do edificio. Estamos en mellores condicións para ofrecer algunhas das montaxes que temos. Hai, por exemplo, unha colección de referencia a nivel mundial de fósiles mariños. Temos tamén unha quenlla fuciñuda, unha especie moi rara a nivel mundial, un exemplar de calamar xigante e outras montaxes.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Catarreira, friaxe, peleira… As 12 palabras galegas para referirse ao arrefriado

O proxecto ALGa do Instituto da Lingua Galega permite coñecer as variantes léxicas deste estado patolóxico

Detectado o virus de Crimea-Congo en carrachas do Bierzo: “Probablemente xa estea en Galicia”

Os expertos advirten que a enfermidade hemorráxica parece estar propagándose polo noroeste peninsular e urxen medidas para freala

O festival científico CinVigo encheu a Porta do Sol de ciencia e ilusión

Participaron máis de 220 alumnos de Secundaria, Bacharelato e FP que presentaron 58 proxectos na feira celebrada na cidade olívica

Os Prismas convocan unha categoría sobre océanos polo 25 aniversario do Aquarium

Os traballos deben presentarse antes do 3 de xuño. Os galardóns están impulsados polo Concello da Coruña e os Museos Científicos Coruñeses