O enxeñeiro de montes Fernando Molina Rodríguez (Pravia-Asturias, 1918) faleceu na madrugada do mércores aos 102 anos de idade. Molina foi un dos pioneiros da investigación forestal en Galicia, e foi unha persoa apreciada e querida no sector, segundo reseñou nun comunicado a Asociación Forestal de Galicia (AFG), que foi o primeiro presidente da entidade entre 1986 e 2000.
Molina chegou a Galicia no 1947, despois de estudar na Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Montes de Madrid, e nese ano comezou a traballar no que é hoxe o Centro de Investigación Forestal de Lourizán. Desde 1959 a 1985 dirixiu o Centro, mantendo unha actividade moi prolífica como investigador. Destacan en especial as súas contribucións á mellora xenética do piñeiro do país (Pinus pinaster) e do castiñeiro. Despois de máis de medio século de actividade profesional, e tras a súa xubilación, Fernando Molina mantívose nos últimos 20 anos como presidente de honra da Asociación, participando activamente na vida da entidade.
A AFG salientou na nota na que daba conta do pasamento de Fernando Molina algúns dos fitos do enxeñeiro. En 1954 creou a Escola de Capataces Forestais de Lourizán, na que puxo en marcha unha metodoloxía de ensino moi específica que lle dará sona en toda España pola calidade dos profesionais alí preparados. “A idea de estudo nas aulas, compatibilizada con outro tanto de prácticas en traballos reais de monte e viveiro, que eran pagos polo Centro, dáballe a estes alumnos ao longo de dous anos, unha formación importante para as funcións que posteriormente tiñan que cumprir no monte”, expón a AFG.
A partir de 1956 creou a rede metereolóxica de Lourizán pola necesidade de encher as lagoas de datos climáticos que se atopaban nas áreas montañosas de Galicia, unha bagaxe “que sería modelo en toda España e que hoxe ten un valor extraordinario pola rigorosidade da súa información”.
En 1957 instalou as parcelas de razas de Pinus pinaster en Cuntis, Fornelos de Montes e outros lugares, que serían complementadas con outras instaladas con posterioridade en moitas localidades galegas. Estes ensaios, expón a AFG, “son dun valor científico moi importante por ser as primeiras que se montaban con este piñeiro en Europa e cun deseño moi avanzado”.
A partir dos anos 60 iniciáronse en Lourizán cursos de xardinería para afeccionados e en 1961 cursos de divulgación de micoloxía, coas que se acadou “unha proxección interesantísima do Centro cara a sociedade pontevedresa e galega en xeral”, dando lugar a un importante coñecemento do CREIF en toda España.
Como investigador de campo, nas súas longas correrías polos montes de Galicia fixo importantes observacións botánicas, edafolóxicas e mesmo sanitarias. Entre outras moitas cousas, determina por primeira vez a subespecie subfruticosa do Quercus robur nos cantís do monte Pindo, hoxe coñecida como Quercus subfruticosa.
Alén disto, tamén se destaca o seu papel como conselleiro e asesor de diversos programas de política forestal, a súa contribución na creación do servizo de defensa contra incendios forestais de Galicia ou na elaboración dos plans forestais de Galicia e Asturias. Alén disto, escribiu numerosos artigos en diversas revistas e publicacións, tanto de índole científica coma divulgativa, tamén participou en numerosos seminarios e conferencias nacionais e internacionais, así como na elaboración de informes acerca do estado do monte galego e a produción forestal.