Mércores 24 Abril 2024

O caramuxo bravo pide o ‘divorcio’

A Littorina saxatilis é unha especie de caracol mariño que se pode atopar nas costas do Atlántico norte, dende Portugal ata Suecia. Pero nas costas galegas é coñecido como “caramuxo bravo”, polo seu parentesco xenético coa Littorina littorea, que é o bígaro ou mincha.  A particularidade é que a Littorina saxatilis digamos que está a buscar a súa identidade definitiva. Porque presenta un polimorfismo moi particular que é de moita utilidade para que os investigadores poidan determinar os mecanismos responsables da formación de novas especies. Neste eido leva traballando o profesor Emilio Rolán Álvarez dende comezos da década de 1990. Ao longo destas décadas, o grupo vigués estableceu unha rede de colaboración cos grupos de investigación das universidades de Gotemburgo (Suecia), Sheffield (Reino Unido) e Guelph (Canadá). O seu traballo reflectiuse en dous proxectos financiados polo Ministerio de Economía e Competitividade e veñen de recibir a confirmación dun terceiro.

Para que dúas especies sexan diferentes ten que haber unha barreira reprodutiva

Rolán explica que neste novo proxecto centraranse nas preferencias de apareamento dos polimorfismos da Littorina saxatilis en Galicia. Explica que se considera unha especie diferenciada cando a barreira reprodutiva é completa, polo tanto coñecer o nivel de illamento reprodutivo é básico para coñecer os mecanismos que fan xurdir novas especies. “Polo que temos investigado, ambas variedades do caracol mariño que se atopan en Galicia son xeneticamente idénticas no 97% pero dáse unha preferencia reprodutiva clara, pola que tenden a aparearse entre individuos da mesma variedade.

Publicidade

As dúas variedades que se atopan na costa galega presentan distintos tamaños de cuncha, altura, textura, cor, etc. Estas son o resultado da súa adaptación a diferentes hábitats correspondentes a diferentes niveis de intermareal rochoso e os investigadores explican que entre as razóns que xustifican este proceso, destaca a escasa mobilidade dos adultos (1 metro/ mes) e a súa baixa capacidade dispersiva pois carece de una fase larvaria libre.

Illamento sexual de 0,7

A variedade resistente aos caranguexos vive nas costas galegas máis expostas, asociada á parte máis alta do intermareal no cinto de balanos e zona de charcas e gretas. A variedade resistente á ondaxe atópase asociada ao cinto de mexillón na rexión intermareal máis baixa. A pesar de que apenas existen diferenzas xenéticas entre ambas variedades e incluso poboacións da mesma variedade de distintas rías son máis diferentes xeneticamente que poboacións de ambas variedades da mesma localidade, si existe unha barreira reprodutiva evidente que se identifica co proceso de especiación. O índice de illamento sexual, que se mide do 0 (apareamento aleatorio) ao 1 (especiación completa, non apareamento) é, no caso deste polimorfismo, de 0.7, é dicir, que están máis preto de ser consideradas auténticas especies ca dun polimorfismo poboacional. “É a selección natural a que produce esta barreira reprodutiva, pero é moi estable, leva miles de anos sen alteración e os cambios son moi lentos, por iso nos interesa estudar porque se produce ese equilibrio, como se estabiliza a barreira”, apunta o profesor Rolán. Segundo o investigador, isto entronca coa teoría evolutiva, “detectamos erros nos modelos teóricos e estes poden trasladarse a outras especies, xa que os modelos de preferencia que terminan o apareamento danse en todas as especies”.

A investigación botará luz no proceso de diferenciación de especies

Aínda que este polimorfismo é propio da costa galega máis exposta, existen outros polimorfismos diferentes nesta especies que se poden atopar na Bretaña ou Suecia, pero son procesos evolutivos diferentes que xeran polimorfismos diversos.

A selección do proxecto por parte do Ministerio, dentro do Programa Estatal de Fomento de la Investigación Científica y Técnica de Excelencia, Subprograma Estatal de Generación de Conocimiento, reportaralle ao equipo formado por Rolán, xunto con Juan Galindo e Antonio Carvajal (pertencentes todos ao grupo XB2, dirixido por Armando Caballero), unha subvención de 100.000 euros. Deste orzamento, un 70% do total destinarase á contratación dun programador que se encargue das simulacións, do modelado matemático. E é que o emprego de ordenadores son de moita utilidade neste tipo de proxectos, xa que permiten incorporan modelos complexos.

Traballo de campo

A outra vertente do traballo é a de campo. Explica Rolán que captan cópulas na natureza, “medimos os espécimes e identificamos as preferencias de apareamento”. Deste xeito pódese coñecer a base xenética desas preferencias, na que unha das principais características é o tamaño, para tratar de estimar ata que punto podemos identificar a relación co tamaño”. A incorporación de tecnoloxías OMICAS (proteómica, transcriptómica e xenómica) está axudando aos investigadores a entender os detalles do proceso adaptativo e o seu efecto no illamento reprodutivo, “aínda que estamos na fase inicial de identificación dos principais xenes candidatos e as rexións xenómicas relevantes para o proceso”. Ademais, este proxecto conta coa vantaxe da proximidade xeográfica, xa que os polimorfismo atópanse na zona rochosa do exterior das rías, o que permite contar cunha ampla zona de estudo onde analizar o fenómeno as veces precisas. Con todo, o equipo mantén exemplares vivos na Ecimat para realizar experimentos e tentar a reprodución de ambas variedades, a lisa e a rugosa. Posteriormente analizaranse os individuos para identificar a base molecular do cambio adaptativo.

O proxecto concedido ao equipo de Rolán é un dos cinco que lle foron concedidos a grupos da Universidade de Vigo. “No é que haxa pouca xente con capacidade para xestionalos, senón que é polo reducido dos recursos”, destaca. Existe un recorte xeneralizado de recursos para ciencia e refírese a un estudo elaborado pola confederación de sociedades científicas de España (COSCE) que revisou os próximos orzamentos do Ministerio (2015) en Investigación e I+D. “Están escandalizados porque o aparente aumento (4,24%) dos orzamento en ciencia enmascara unha diminución moi lixeira da inversión en ciencia real (-0.72%; e moi castigadas en anteriores orzamentos) e un aumento espectacular das inversións militares (+43,41%), consideradas como I+D… Os autores do estudo destacan que “non se pode dicir que se aposte pola I+D+i como motor de crecemento, senón que se consolidan as perdas de anos anteriores” e apunta que con estas taxas de crecemento necesitaríanse moitísimos anos para recuperar os niveis de 2009.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Por que ten distintas cores este caracol mariño?

Unha tese presentada na UVigo polo investigador Daniel Estévez analiza o polimorfismo cromático do 'Littorina fabalis'

A Universidade de Vigo amplía o seu cadro de doutores honoris causa

A Universidade de Vigo verá a vindeira semana ampliado o seu...

Proxecto Littorina, as claves científicas da elección de parella

Investigadores afondan no estudo da evolución da preferencia para aparearse nas distintas especies