Tres segundos e doce décimas. Ese foi o tempo que tardou o prototipo de Manuel Carro e Alejandro Conde en percorrer 3,20 metros cruzar a meta no chan da planta baixa da Escola Politécnica de Ferrol, no barrio de Esteiro. Estes dous rapaces de 21 e 23 anos, alumnos do terceiro curso de Enxenería Mecánica da Universidade da Coruña, son os novos campións da carreira de prototipos do curso 2014/2015. Unha competición que este xoves chegou a súa 19 edición e que vai camiño do mito entre os estudantes do campus ferrolá, que se amontoaron nas escadas do recibidor entre berros e aplausos para ver a final como se dun Gran Prix de Fórmula 1 se tratara.
Os estudantes encheron a escola para presenciar un circuito que vai pola súa edición número 19
O premio é ben sinxelo: tres puntos na nota final de Tecnoloxía de Máquinas, a materia que imparte Javier Cuadrado, o docente que está detrás desta proba que se prantexou por primeira vez no curso do 95/96 e que foi gañando adeptos ate os 18 alumnos, en nove parellas, que se presentaron esta semán cos seus enxeños mecánicos no punto da saída.
“Trátase de que os rapaces pasen da teoría a acción”, explica Cuadrado. Para construír o enxeño motorizado vale case que todo, desde pezas de xoguetes até un corcho. O de Manuel e Alejandro era unha construción de aluminio e tres grandes rodas, que podía circular coa dianteira o coas dúas traseiras en función do peso e da posición. Todo estaba pensado para salvar o obstáculo que co toparon a metade de camiño, un listón de madeira que tiñan que salvar para chegar a meta sen descompoñer o artello.
Con todo, a carreira de hoxe estivo ben disputada e mesmo houbo que chegar o desempate que se decantou do lado de Carro e Conde por cuestión de décimas fronte a parella que formaban outros dous rapaces, Francisco Fernández e David Casal, nunha carreira que aínda está maioritariamente masculinizada.
Na Escola Politécnica de Ferrol, adscrita a UDC, impártense os graos de Enxeñería Naval e Oceánica, Mecánica e Tecnoloxías Industriais.