Venres 26 Abril 2024

O Instituto de Matemática Industrial duplica a súa facturación con 37 contratos

Nado en 2013 coa vocación de ser un centro de investigación tecnolóxica de referencia internacional e co obxectivo de proporcionarlles solucións a pequenas e medianas empresas, a grandes firmas, a industrias e a Administracións Públicas para apoiar a innovación e a mellora da competitividade no sector produtivo, grazas ao uso de ferramentas desenvolvidas desde a matemática industrial, o Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial, ITMATI, presentou hoxe a súa memoria anual no transcurso dunha sesión de traballo celebrada na Facultade de Matemáticas da USC. A directora do instituto, Peregrina Quintela, foi a encargada de dar a coñecer as cifras e principais realizacións do centro de transferencia, participado polas tres universidades galegas, que case duplicou os seus ingresos respecto ao ano 2014, pasando de 551.529,35 euros a 1.087.372,89€ en 2015.

Presentación en Santiago da memoria do ITMATI.
Presentación en Santiago da memoria do ITMATI.

Na presentación da memoria, a directora do instituto manifestou que o “ITMATI se está convertendo, pese aos seus escasos anos de traxectoria, nun instrumento clave na que será a cuarta revolución industrial, posto que reúne o coñecemento e aplicación do conxunto de tecnoloxías que fan posible todo o potencial da industria 4.0”. Nese sentido, as ferramentas de modelización, simulación numérica, modelización estatística (Big Data) e optimización das que fai uso o centro son a base para que a actividade das empresas evolucione cara ao concepto de industria 4.0. “A matemática industrial é unha tecnoloxía facilitadora clave á hora de falar de industria intelixente, apuntou Peregrina Quintela, xa que as ferramentas que son a base da industria 4.0 teñen o seu piar na tecnoloxía matemática”, polo que no proceso de converter a industria en intelixente, vinculando o mundo físico ao virtual, o ITMATI está chamado a ser un referente para a industria galega, o conxunto da española e a internacional.

Publicidade

O eido da Big Data e unha das máis potentes áreas do ITMATI

O ITMATI explota unha ferramenta transversal como é a matemática industrial para optimizar procesos industriais de produción, fabricación, distribución e almacenamento, en empresas de calquera ámbito produtivo. Exemplo disto son os sete casos de éxito ao que aludiron os responsables do instituto: a Unidade Mixta de Investigación REPSOL-ITMATI; o proxecto LUMES; o proxecto de solidificación de metais; o Green Port Energy Center (GPEC); GANESO: simulación e optimización de redes de gas; o proxecto coa empresa EcoMT; e o proxecto que desenvolven coa empresa FerroAtlántica.

Desde a súa constitución no ano 2013, a cifra global de contratos asinados por ITMATI é de 37, dos que 29 estaban en marcha en 2015. Destes contratos, seis inscríbense no marco de convocatorias Feder Innterconecta; un é un proxecto estratéxico de consorcios de investigación empresarial nacional (CIEN), xestionado polo Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI); dous son proxectos de investigación e de desenvolvemento individuais (PDI), xestionados por CDTI; un proxecto competitivo concedido polo goberno noruegués; dezaseis contratos/convenios de colaboración tecnolóxica directos con empresas e entidades; dous cursos de formación e a Unidade Mixta de Investigación Repsol-ITMATI, no marco dunha convocatoria da Axencia Galega de Innovación.

A área de Simulación Numérica conta con 21 proxectos activos para empresas

Todos eses contratos céntranse en tres grandes áreas de transferencia: simulación, estatística/Big Data e optimización. Destaca a área de Simulación Numérica con 21 proxectos activos, que representan o 48,17% da actividade total, e que superaron o 40% da facturación total do centro. A continuación sitúase a área de optimización, que representa o 26,48% do montante de proxectos activos. Por último, a área de estatística e Big Data supón o 25,34%.

Por outra banda, o centro, segundo confirman os seus e as súas responsables, ten o compromiso de consolidar, cuantitativa e cualitativamente, o potencial humano no ámbito da investigación, a innovación e a transferencia, que pasou de 71 persoas en 2014 a 85 no pasado ano, entre investigadores adscritos das universidades galegas ao centro, investigadores contratados, investigadores colaboradores, colaboradores e alumnado en prácticas.

En canto a os ingresos totais do consorcio procederon de dúas fontes de financiamento: por unha banda, os contratos de transferencia, que comprenden contratos de I+D en varias modalidades (proxectos europeos e nacionais de transferencia, contratos con empresas e convenios de transferencia con institucións); neste ámbito participaron 22 empresas, cunha contía total de 1.071.112,89 euros, o que representa o 98,50% dos ingresos totais do ITMATI para 2015. A outra fonte de financiamento son as achegas das universidades, que o ano pasado representaron 16.260 euros, o 1,5% dos ingresos totais do Instituto, segundo reflicte a memoria aprobada.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

LIA (2), pioneiros galegos no desenvolvemento da intelixencia artificial na astronomía

O grupo da UDC recibiu o Premio Spin-Off PuntoGal na edición 2023 pola súa traxectoria de éxito

Social Minder, a ferramenta que detecta bulos da covid en redes sociais

A tecnoloxía desenvolvida polo CiTIUS monitoriza os contidos difundidos en Internet para analizar problemas como a desinformación

Ferramentas galegas de acceso libre para a xestión da Big Data

O grupo de estatística do CINBIO desenvolve unha liña de investigación sobre os problemas dos datos de alta dimensión

TripleAlpha, o “big data” que se pode comer

A empresa de Padrón aplica a analítica de datos para mellorar a rendibilidade de sectores estratéxicos como o da alimentación