TripleAlpha, o “big data” que se pode comer

A empresa de Padrón aplica a analítica de datos para mellorar a rendibilidade de sectores estratéxicos como o da alimentación

Brais Rodríguez, Andrea Fernández, Raquel García, Lorena Dieste, Fátima Fuentes, Alvaro Dosil, Angel Padín, Mateo Sáez, parte do equipo de TripleAlpha. Foto: Cortesía de TripleAlpha
Brais Rodríguez, Andrea Fernández, Raquel García, Lorena Dieste, Fátima Fuentes, Alvaro Dosil, Angel Padín, Mateo Sáez, parte do equipo de TripleAlpha. Foto: Cortesía de TripleAlpha

Fundada en 2018, TripleAlpha é unha empresa tecnolóxica especializada na analítica de datos, como moitas outras. Porén, é o seu enfoque o que distingue á consultaría de Padrón doutras do sector do big data: un traballo enfocado no ámbito industrial e, en especial, vencellado ao da alimentación. “Os socios fundadores vimos deste sector. Temos máis de 15 anos de experiencia cada un, e sentímonos moi cómodos. Tamén moitos dos clientes xa nos coñecen do noso pasado”, apunta Álvaro Dosil, o director técnico de TripleAlpha.

Para esos clientes, a empresa leva a cabo unha automatización dos seus procesos de recollida de datos, tal e como explica Dosil: “Habitualmente, nas empresas recóllense os datos en formato papel ou de forma manual. Nós o que facemos é automatizar esa recollida. Levamos eses datos á nube e, a partir de aí, modelámolos e aplicamos técnicas de machine learning para axudarlles a tomar mellores decisións. Tanto a nivel operativo como a nivel de negocio”.

O machine learning nos procesos de optimización

Como rama da intelixencia artificial, o machine learning baséase unicamente no traballo cos datos. Datos que, por ser o que máis abunda nas industrias, como os de materia prima, de velocidades ou mermas, son o obxecto do traballo de TripleAlpha: “Con todo isto xeramos data lakes e, a partir de aí, desenvolvemos dashboards para axudar aos empresarios e aos responsables de produción a tomar mellores decisións”, sinala Dosil.

Deste xeito, a transformación dos datos en coñecemento permítelles aos clientes conseguir información de utilidade. Unha información que mellora notabelmente a toma decisións, repercutindo directamente sobre a súa rendibilidade e optimizando así os seus negocios. Segundo exemplifica o director, “se imos a unha empresa do sector lácteo, o que toma as decisións normalmente é un mestre queixeiro. Entón, moitas veces as decisións tómanse en base á experiencia. Pero os nosos sistemas o que fan é que as decisións estean única e exclusivamente tomadas en base a datos, para reproducir patróns que no pasado funcionaron e indentificar cales foron as condicións óptimas de procesado. O noso sistema recoméndalle esas condicións ao mestre queixeiro, para conseguir produtos máis rendíbeis e que sexan tamén sempre moi homoxéneos”.

A aceleradora BBFood, punto de partida de Alpha Cloud

Unha aplicación deses coñecementos é o proxecto denominado Alpha Cloud, a ferramenta na nube que facilita a mellora dos procesos produtivos. “Cando comezamos, iamos enfocados única e exclusivamente á análise de datos das empresas. Pero démonos de conta que as empresas industriais aínda carecen de moitos datos. Nese momento decidimos apostar por crear Alpha Cloud, unha plataforma de monitorización de datos que traballase con ferramentas da nube, como Microsoft Azure”.

Un proxecto para o que foi vital a aceleradora BFFood, pola que recibiron unha dotación de 25.000 euros: “Naquel momento eramos soamente tres. Non tiñamos moitos recursos, entón decidimos presentarnos á aceleradora BFFood. E foi un paso decisivo. Moitos dos nosos clientes, que están en alimentación, coñecéronnos nesa etapa, que nos permitiu facer networking de verdade”. A aceleradora serviulles para desenvolver Alpha Cloud, coa axuda da empresa Torre de Núñez, que actuou como o seu mentor e, a posteriori, participaron tamén na fase de consolidación, coa empresa Galacteu. “Agora mesmo traballamos xa con Alpha Cloud para o sector da alimentación e outros sectores, polo que estamos moi agradecidos a Clusaga, o clúster de alimentación de Galicia”, engade Dosil.

A plataforma tenlles permitido afianzar a súa posición no sector alimentario, amais de facilitarlles a entrada a outros eidos como o téxtil, a automoción ou os servizos. Porque o seu sistema ten aplicación en todo tipo de sectores ou compañías, segundo apunta o director técnico: “Nós podemos traballar en calquera sector onde haxa unha variable dependente, e intentar modelar cales son aquelas causas que afectan a ese indicador obxectivo. Por exemplo, no sector lácteo. O obxectivo neste sector é producir a maior cantidade, pero tamén calidade, de leite por cabeza de gando. E iso depende da alimentación, da vacinación ou do benestar das vacas. O que facemos nós é correlacionar todos eses parámetros para deseñar modelos que permitan optimizar este proceso. Entón, alí onde haxa unha variable dependente e haxa variables independentes que a afecten, nós podemos modelar esas relacións”.

Unha empresa de triplo perfil?

Como relata Dosil, enxeñeiro industrial e doutor en física de partículas, TripleAlpha naceu tras anos traballando en Suiza no acelerador de partículas do CERN: “No proceso que é a carrera académica, vin a posibilidade de aplicar este coñecemento da ciencia de datos, que se aplica á análise da física pura, ao campo industrial. E volvín a Galicia e decidimos montar TripleAlpha”.

Pertencentes a algunha carreira STEM, cunha media de idade en 30 anos e sendo un 60% de mulleres, as once persoas que conforman actualmente o cadro de persoal de TripleAlpha tamén responden a un triplo perfil, distintivo dos proxectos que leva a cabo a empresa que dirixe o físico: “Temos enxeñeiros industriais, que son os que analizan o proceso, os que detectan as áreas de mellora. Temos matemáticos e físicos, que se dedican única e exclusivamente á parte de análise. E temos informáticos e telecos, que se dedican a desarrollar as aplicacións informáticas ou os formularios web”.

Sectores estratéxicos con proxectos de futuro

Desde os seus inicios, TripleAlpha fixo unha aposta decidida polos sectores estratéxicos de Galicia, para os que está a formular diversas solucións verticais. Unha delas, para o sector lácteo, coñecida como DigitLAC. Segundo indica o director técnico, “esta solución, construida baixo Alpha Cloud,  pretende ser unha solución integral para conseguir que o sector gandeiro, analizando a información que ten a día de hoxe, sexa máis rentábel e sexa máis produtivo”. Mediante un partenariado con PS VET, a empresa veterinaria galega proporciónalles o coñecemento do sector, ao que eles aplican a súa experiencia na ciencia de datos: “A plataforma pretende recoller toda a información das granxas para, con esa información, axudar ao gandeiro a tomar decisións en canto á vacinación, alimentación e coidado das vacas, para producir máis leite e de mellor calidade”, engade.

Amais, esta empresa, que conta co selo de PEME innovadora, participa dunha tese industrial coa Universidade de Santiago: “As teses industriais son teses que se fan entre o ámbito académico e o ámbito industrial. Nesta, na que participa o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías de Santiago (IGFAE), tentamos ver cales son os límites do machine learning, de cara a poder aplicalos ao ámbito industrial. Porque temos que estar sempre na fronteira do coñecemento, para poder levalo á industria”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.