Venres 29 Marzo 2024

A batalla de Ponte Sampaio: así expulsaron a Napoleón os ‘indisciplinados galegos’

En xuño de 1809, un exército improvisado logrou vencer ás tropas do mariscal Ney e provocar a retirada napoleónica de Galicia

En xaneiro de 1809, dous exércitos franceses entraban en Galicia perseguindo ao xeneral inglés John Moore, quen perdería a vida na batalla de Elviña, na Coruña, aínda que logrou evacuar a Inglaterra a boa parte dos seus soldados. Os mariscais Soult e Ney iniciaron logo a ocupación de toda Galicia, mentres Napoleón regresaba a Francia tras acompañar ás súas tropas ata Astorga. Pero as poderosas forzas do emperador, vencedoras en Austerlitz ou en Marengo, só puideron resisitir seis meses no país. En marzo, a Reconquista de Vigo marcou o seu declive, cunha vitoria da xente do común, dos vigueses e da bisbarra, que lograron expulsar aos invasores e organizar máis tarde a liberación de Tui. Pero os mariscais franceses non estaban dispostos a resignarse. E no mes de xuño de 1809, libraron en Ponte Sampaio, na ría de Vigo, a batalla decisiva. E perderon.

Porque hai 210 anos, Galicia expulsou aos exércitos de Napoleón. A vitoria na batalla de Ponte Sampaio, entre o 7 e o 9 de xuño de 1809, supuxo a liberación do territorio das forzas de ocupación dirixidas polos mariscais Soult e Ney, só seis meses despois da súa chegada. Na beira do río Verdugo decidiuse o destino da historia.

Publicidade

O mariscal Michel Ney estaba decidido a esmagar a rebelión na provincia de Tui e recuperar a praza de Vigo, reconquistada en marzo. Para iso, reuniu en Santiago un exército de oito mil soldados e 1.200 xinetes. E arengou así ás súas tropas: “A existencia dos habitantes desta turbia provincia é incompatible coas miras do grande Emperador e coa tranquilidade de España; e o exemplar castigo a que se fixeron acredores conterá no seu xusto deber ás demais provincias da península española”.

Dous escoceses na Reconquista de Vigo

Pero os seus plans, que incluían arrasar Vigo, foron frustrados en Ponte Sampaio. Esta posición parecía inexpugnable. O militar Pablo Morillo ordenou derrubar catro arcos da ponte. E vadear o Verdugo só era posible con marea baixa e en condicións penosas. Río arriba apenas había opcións para o vao, agás en Pontecaldelas, onde inmediatamente destacaron un grupo de fusileiros, auxiliados por artillaría.

Ademais, destacouse unha forza naval para defender a posición do exército galego, integrado no seu maior parte polos que liberaran Vigo meses atrás. Que contaban con axuda británica destacada na ría de Vigo. O capitán escocés McKinley enviou á zona varios buques. Participaron tamén na cobertura dende o mar a lancha canoneira “Cadmus”, o bergantín portugués “O Curioso” e o español “El Tigre”. Estas unidades, facendo uso dos seus canóns, serían cruciais no decurso da batalla.

O mariscal Ney chega a Pontevedra o 6 de xuño. Aínda que a súa idea inicial era queimar a cidade, a tradición conta que, contemplando as verdes pradarías e a igrexa de Santa María sobre o río Lérez, o militar queda abraiado e desiste das súas intencións, exclamando: “Ah, Pontevedra, a túa beleza desármame!” É indubidable a fermosura da boa vila, pero coñecendo a crueldade de Ney, a anécdota resulta pouco crible.

Pasadas as nove da mañá do día 7 de xuño, aparecen os franceses na zona da batalla xunto ao río Verdugo en Ponte Sampaio. O mariscal francés envía algúns oficiais, auxiliados por corenta soldados, para que inspeccionen a ponte. Todos son varridos polo fogo de fusilería desde a parte galega. Rotas as hostilidades, a partir das once da mañá a batalla é total, con intenso fogo de canón en ambas as beiras do río, que ocasiona numerosas baixas nos dous bandos.

‘A gloriosa reconquista de Vigo’, na primeira páxina de ‘The Times’

Mentres os exploradores franceses buscan sen éxito pasos polos que atravesar, Ney dispara os seus canóns contra a banda do inimigo, sen conseguir ningunha vantaxe. A xornada do día 7 finaliza con numerosas baixas en ambos os dous bandos, pero sen que as posicións se movan.

Esa noite, Ney foi informado de que, na baixamar, formábase sobre o río Verdugo un estreito paso. Así que, no amencer do 8 de xuño, enviou numerosas unidades que foron varridas polos fusileiros galegos e polo bombardeo das lanchas canoneiras. O capitán Mackinley, do buque de “Lively”, describiu así esta acción: “Presentouse o inimigo sobre a beira dereita do río, e rompeu un vivo lume de canón e de fusil: seguidamente foron destruídas as súas baterías polas lanchas canoneiras. Tentaron dúas veces pasar o río, e en ambas foron rexeitados con moita perda. No serán fixeron unha terceira tentativa coa mesma mala sorte. Finalmente, desbaratados todos os seus proxectos polo admirable valor das tropas españolas, retiráronse a Pontevedra”.

Nun último intento, Ney enviou unha columna dirixida polo xeneral Loison ata Pontecaldelas, co obxectivo de facer unha envolvente. Pero os franceses tamén foron derrotados alí.

Río de Verdugo e ponte de Ponte Sampaio, onde tivo lugar a batalla. Foto: Wikimedia Commons.

Así que o día 9 de xuño amence cun estraño silencio na beira do Verdugo. Porque de noite, en segredo, os franceses ordearon a retirada, ao ver imposible a vitoria en Ponte Sampaio e tras padecer numerosas baixas.

Michel Ney, o duque de Elchingen, un dos mariscais favoritos de Napoleón, asumía a súa derrota. Aquel mes de xuño de 1809, os exércitos franceses abandonaban Galicia para non regresar durante o resto da contenda. A batalla de Ponte Sampaio completou un éxito que se iniciou coa Reconquista de Vigo. E que aínda hoxe é difícil de explicar.

Así o describiu con asombro o político e historiador francés Adolphe Thiers na súa “Historia do Imperio”: “Semella mentira que un corpo de exército tan numeroso e afouto como o que mandaba Ney, a pesar da habilidade e enerxía de tan famoso xeneral, non puidese facer fronte aos indisciplinados galegos”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Cando a malaria era unha doenza común en Galicia

As chamadas 'febres terzás', o 'mal aire' ou as 'maleitas' foron habituais no país ata o século XIX, e así aparecen en documentos históricos e literarios

A guía de Laborde de 1812: “Os galegos son pobres, sinxelos e viven felices”

O libro de viaxes do xenial explorador francés revela como era a Galicia de hai dous séculos

“España non necesita sabios”… así mataron a Francisco de Caldas

Galicia rende homenaxe a Francisco José de Caldas, científico e heroe de Colombia de orixe galega que foi fusilado en 1816

Dous escoceses na Reconquista de Vigo

Os capitáns George Mckinley e Coutts Crawford, foron decisivos na batalla contra Napoleón coas fragatas Venus e Lively