Francisco Otero, entrando en capela o día antes da súa execución.Gravado publicado en L'Illustrazione Italiana.
Francisco Otero, entrando en capela o día antes da súa execución.Gravado publicado en L'Illustrazione Italiana.

O pasteleiro de Mondoñedo que intentou matar a Alfonso XII

O 14 de abril cúmprense 140 anos da execución de Francisco Otero, un mozo galego que disparou en novembro de 1879 contra o tataravó de Felipe VI

Francisco Otero González (Lindín-Mondoñedo, 14 de marzo de 1860 – Madrid, 14 de abril de 1880), saíu da súa aldea cara a Madrid para probar sorte como pasteleiro. Non lle foi tan ben, por desgraza, como ao seu paisano Rei das Tartas, porque a súa relación coa monarquía foi moito máis tumultuosa e acabou coa súa vida tronzada polo garrote vil. O 30 de decembro de 1879, o camiño deste mozo mindoniense cruzouse co rei Alfonso XII de Borbón e a súa segunda esposa, María Cristina de Habsburgo. Otero disparou, sen atinar, contra o monarca, que se salvou así do segundo atentado que sufría en dous anos. Tres meses e medio despois, o 14 de abril, o mesmo día no que Francisco cumpría 20 anos e un mes, e na mesma data na que en 1931 Alfonso XIII se exiliou debido á proclamación da Segunda República, este galego era executado no Campo de Guardias de Chamberí.

Aquel penúltimo día da década, os reis volvían na súa carruaxe de pasear polo Retiro. Francisco Otero agardaba por eles na porta do Príncipe do Palacio Real, e disparou en dúas ocasións sen dar no albo. As crónicas difiren na traxectoria das balas. O crego José J. Jiménez, nos Ensaios Históricos de Atocha, onde trabucou a orixe de Otero (dicía que era de Guntín en vez de Lindín), escribiu que o primeiro proxectil “rozou case o pescozo” do rei, “pasando tamén moi preto da fronte” da raíña. La Correspondencia de España dixo que esa bala queimou o cabelo dun dos cocheiros do rei.

Alfonso XII e María Cristina de Habsburgo.
Alfonso XII e María Cristina de Habsburgo.

O mindoniense foi arrestado de inmediato, e nos días posteriores as páxinas dos xornais vilipendiaron ao autor do ataque ao tempo que agradecían a Deus a boa fortuna dos monarcas. A noticia pronto chegou á terra de Otero, e a condena escribiuse con trazo groso na Gaceta de Galicia. O corresponsal do xornal enviou un telegrama no que contaba que “Francisco Otero González, de 19 anos, oficio pasteleiro e dise que galego, disparou dous tiros ao Rei ao entrar en Palacio. O Monarca saíu ileso. O criminal foi preso”. Continuaba o xornal apuntando que “o rexicida non é, nin pode ser galego. Galicia é nobre e fidalga terra, e non apelará nunca a medios tan baixos e infames. Se o criminal viu acaso a luz no solo galego, é un fillo espurio, un fillo a quen a nosa terra non lle dá tal nome e a quen non recoñecemos como irmán”. Outro telegrama do Ministro da Gobernación que recollía o mesmo xornal detallaba que a multitude que “agardaba como de costume” a volta dos reis ao Palacio “solicitara matar ao rexicida, que dificilmente foi arrebatado á ira do pobo pola forza pública. A indignación é grandísima”.

O crego Benítez, nun ton ao que acudían moitos cronistas da época, impulsados polo predicamento da fisiognomonía para explicar as motivacións detrás de todo tipo de delitos, engadía: “Parece que a súa fisonomía e aspecto avéñense coa baixeza de alma que revela o atroz delito que tratou de perpetrar”.  Outros xornais, como La Correspodencia de España, describían a Otero como “un mozo case imberbe, máis ben groso ca delgado, de mediana estatura e de aspecto pouco simpático”.

As causas do atentado

Gravado que recrea o momento do disparo de Joan Oliva (á dereita da imaxe) contra Alfonso XII en outubro de 1878.
Gravado que recrea o momento do disparo de Joan Oliva (á dereita da imaxe) contra Alfonso XII en outubro de 1878.

Pero que levou a un mozo de Mondoñedo a intentar acabar cun Borbón? O rexicidio frustrado de Otero contra Alfonso XII estaba precedido do de Joan Oliva, outro home que sufriu o mesmo final no garrote que o pasteleiro mindoniense despois do ataque que realizou en outubro de 1878. Algunhas fontes expoñen que Oliva gabou no seu momento os atentados contra o káiser Guillermo I, enmarcados na estratexia da “propaganda polos feitos” do movemento anarquista, baseada na frase atribuída a Mijail Bakunin: “Debemos propagar os nosos principios xa non mediante as palabras, senón mediante os feitos, porque son estes a forma de propaganda máis popular, poderosa e irresistible”. Esta estratexia tomou forza en Europa a partir dun artigo publicado por Paul Brousse en 1877 e un congreso anarquista internacional celebrado en Londres en 1881, e foi patente en España con ataques como o de Liceo de Barcelona ou o de Mateo Morral contra Alfonso XIII en 1906.

Porén, non está nada claro que Francisco Otero se vise movido realmente por estes principios, polo menos no que recollen as crónicas da época. Desde o momento do atentado, os xornais comezaron a afondar nas súas orixes e as motivacións que o levaron a unha decisión que puido cambiar a historia de España, toda vez que Alfonso XIII e María Cristina aínda non tiñan fillos e por tanto non había liña sucesoria directa, o que podía orixinar un conflito pola coroa.

Distintos xornais revelan era orfo de pai, e que a súa nai, unha irmá e un irmán vivían no lugar do Castro, en Lindín realizando “honradísimos labores”. Otero chegou a Madrid xunto a outra muller que afirmaba ser tamén irmá súa, “coa esperanza de mellorar a súa fortuna”, axudado por un parente, Francisco Seijas Arribas, porteiro do ministerio de Graza e Xustiza, que le prestou catro mil reais para montar a pastelería no número 2 da rúa Milaneses, que corta á Calle Mayor cara ao barrio dos Austrias. Antes diso, Otero tamén traballou nalgunha panadería.

Lugar do Castro, en Lindín, de onde era orixinario Francisco Otero. Fonte: Google Street View.
Lugar do Castro, en Lindín (Mondoñedo), de onde era orixinario Francisco Otero. Fonte: Google Street View.

A cousa non foi ben, e segundo estas informacións, “non sabemos se por mala fortuna ou por administración desarreglada”. Seijas Arribas deixou de axudalo e Francisco Otero quedou “sen casa, sen recursos e sen medio coñecido de subsistencia“. Nas semanas anteriores ao atentado, o rapaz “dividiu o seu tempo entre as tabernas, os cafés e as casas de mal vivir”, nos que coincidiu, sempre segundo as crónicas, con dous individuos esenciais no devir destes feitos: Antonio Pérez Cobos, tamén pasteleiro, e Antonio García, dono dunha taberna na Cava Baja, que foron arrestados pouco despois do intento de rexicidio a partir da declaración do galego. Porén, despois de prestar declaración foron postos en liberdade a semana seguinte.

Ao parecer, Francisco Otero, sufrindo pola mala fortuna do seu negocio, manifestou a intención de poñer fin á súa vida. Entón García e Pérez puxeron sobre a mesa a idea de que, se o que quería era matarse, podía facelo polo alto, acabando antes coa vida do rei. Os dous compañeiros de conversa guiárono, segundo se conta, para intentar conseguir unha arma. Nese espazo de tempo previo ao atentado, Otero viuse envolto noutro incidente. Foi denunciado polo dono dunha mula á que disparou nunha pradeira do antigo Canal do Manzanares, cando supostamente facía prácticas de tiro, situación pola cal chegou a ser arrestado. Finalmente, o 30 de decembro de 1879, decidiu ir a polos reis.

Momento da execución de Joan Oliva no garrote vil, en xaneiro de 1879.
Momento da execución de Joan Oliva no garrote vil, en xaneiro de 1879.

Nas primeiras semanas de 1880 tivo lugar o xuízo, seguido con gran expectación, no que a acusación, o avogado defensor e médicos forenses, xunto a outros profesionais, debateron sobre a personalidade de Otero e as motivacións do ataque. A pesar de que a defensa pedía incluír as atenuantes de “imbecilidade”, “enaxenación mental” ou “embriaguez”, non foi suficiente para evitar a execución do infortunado mozo galego.

Ao recibir a noticia da condena a morte, segundo relata El Pabellón Nacional, Otero preguntou: “E cando? Será pronto?”, ao que un escribán presente na sala, ademais de dirixirlle algunhas frases de consolo, respondeulle que non sabía, xa que a sentencia non era definitiva.

Cabía a esperanza de que fose indultado, pero non foi posible. Dise que Alfonso XII intentou, como fixera con Joan Oliva, evitar a execución, pero o goberno de Cánovas acabou convencéndoo de que podería ser contraproducente para os intereses da monarquía borbónica e o sistema da Restauración.

Na mañá do 13 de abril, Francisco Otero González entrou en capela, e as súas últimas horas foron relatadas con todo detalle nos xornais. Ás 8.40 da mañá do 14 de abril, no Campo de Guardias de Chamberí, o mozo foi executado co garrote, baixo a mirada dunha chea de curiosos, que asistiron, segundo recolleu o xornal La Época “ao terrible espectáculo de quitar a vida a un home coa mesma indiferenza que a outra función calquera, convertendo a triste expedición en romaría”.

1 comentario

  1. Muy intergral, bien redactado, una lección de historia, un acercamiento al patrimonio galego, un aporte al conocimiento y el decurso del acontecer galego.Felicidade sy continúenpor estos derroteros.Roberto

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.