Predición dun dos modelos meteorolóxicos para o xoves 22, a semana que vén. Fonte: tropicaltidbits.com.

Chuvia ou sol? As claves do tempo para a Semana Santa

O mes de marzo está deixando unha sucesión de potentes borrascas, como Emma, Félix e Gisele, que causaron importantes cifras de precipitacións, refachos de vento e ondas na costa. Ao final de mes, coa Semana Santa xa no horizonte, parece que o tempo podería mudar pouco a pouco cara unha situación máis estable.

Con todo, tal e como sinala Juan Taboada, de MeteoGalicia, “a medida que nos afastamos no tempo, a fiabilidade dos modelos vai caendo, debido aos múltiples factores que inflúen en que se acabe impoñendo unhas ou outras condicións atmosféricas”.

Modelo meteorolóxico previsto desde este venres ata o venres de Semana Santa. Fonte: Tropicaltidbits.com.
Modelo meteorolóxico previsto desde este venres ata o venres de Semana Santa. Fonte: Tropicaltidbits.com.

Pola súa banda, a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) publicou a comezos de marzo o documento Apuntes climatolóxicos para a Semana Santa de 2018, onde extrae varias conclusións do estudo das condicións do tempo durante esta festividade durante os últimos 37 anos. Galicia, como marca a norma, está entre as zonas con maior precipitación e menos horas de sol. Con todo, estes datos, segundo sinala a Aemet, non poden funcionar en ningún caso como predición para o que podería acontecer este ano.

Pero xa se pode anticipar un panorama xeral do que van a ser os días de final de mes, entre 0 28 de marzo e o 1 de abril. No fin de semana anterior, entre o 23 e o 25, “hai moita probabilidade de que entre unha borrasca, con vento de suroeste e bastante chuvia“, adianta Taboada. Esta situación desapacible chegará despois dunha pequena mellora, a mediados da semana que vén.

Parece “case seguro” que o tempo non vai ser tan desapacible como na primeira metade de marzo

Para elaborar estas predicións, tal e como explica o meteorólogo, pártese dunha serie de modelos con diferentes situacións de inicio que simulan a tendencia que poderían seguir as diversas masas de aire. Unha vez postas en común todas estas simulacións, elabórase unha predición aproximada da que vai ser a situación atmosférica a medio prazo.

E como estaremos a final de mes? “O anticiclón, situado en latitudes máis baixas, podería ter oportunidades de virse achegando a Galicia, pero aínda así, quedariamos nunha situación intermedia, xa que hai borrascas no Atlántico Norte que poderían baixar e tamén afectarnos”. Deste xeito, “a previsión sería de ceos anubrados, pero con bastantes momentos de tranquilidade. Non podemos asegurar que non choverá, pero é case seguro que o tempo non vai ser tan adverso como estes días”.

A isto hai que engadir, como explica Taboada, as condicións propias de comezos de estación. “Estamos en primavera, que de por si xa é unha época de cambio e inestabilidade. Así como en verán temos moi claro que hai anticiclóns que non se van mover en toda a semana, e en inverno pasa o mesmo coas borrascas e o aire frío, nestas épocas todo é máis incerto”. Para explicalo, Taboada fai a metáfora cun crebacabezas ao que lle faltan varias pezas para completarse: “Algunhas ‘pezas’, como a radiación solar ou a temperatura do mar, poderían influír ao final para que se impoñan unhas ou outras condicións”, conclúe.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.