Venres 26 Abril 2024

A área da Coruña-Cee rexistra en dous días 133 casos máis de Covid-19

16 dos 17 falecementos que tiveron lugar entre a noite do martes e o mércores corresponden a usuarios de residencias de maiores

Os datos facilitados este xoves pola Xunta de Galicia sobre a epidemia da Covid-19 no país expoñen que son 6.647 as persoas afectadas polo coronavirus SARS-CoV-2, no que respecta ao cumio da pirámide de persoas afectadas (aquelas ás que se lle realizou a proba para confirmar a doenza). No tocante aos novos positivos confirmados (cifra que achega o Ministerio de Sanidad), trátase do maior incremento desde o 11 de marzo, con 171 novos positivos. Nos últimos dous días, o repunte notouse sobre todo na área sanitaria da Coruña-Cee, con 133 casos activos máis.

Casos activos

O aumento de casos, porén, non se observa no referente ás cifras de hospitalización, que volven baixar un día máis. Hai 21 persoas menos ingresadas có mércores; catro menos na UCI (de 96 a 92), e 17 menos en unidades de hospitalización (de 585 a 568). As cifras son semellantes ás de hai case un mes, o 27 de marzo, a última vez que houbo menos de 100 persoas ingresadas nas UCIs galegas e 600 nos hospitais pola Covid-19. Por outra banda, segundo informou o Ministerio de Sanidad, hai que contar 20 novos ingresos pola doenza nos hospitais galegos, aínda que a diferenza coas altas concedidas opaca este número nos datos difundidos por Sanidade.

Publicidade

Respecto ao mércores, concedéronse 71 altas hospitalarias. Cómpre sinalar que estas cifras só abranguen ás persoas ingresadas en hospitais, non ás curacións das persoas atendidas no domicilio.

O resto dos casos, 5.987 (90,21% do total) están sendo atendidos no domicilio. Con todo, cómpre sinalar que nesta última porcentaxe se inclúen as máis de 800 persoas persoas usuarias en residencias de maiores, que nalgún caso teñen un prognóstico grave debido ás complicacións propias da idade. Boa parte dos falecementos dos últimos días rexístranse entre estas persoas atendidas “no domicilio”.

Falecementos e altas

No que abrangue aos falecementos, cóntanse 492 óbitos, 17 máis respecto á cifra anterior. Todos menos un, segundo os datos achegados pola Xunta, son usuarios de residencias de maiores. Nove persoas faleceron nas propias residencias (4 en Claudina-Somoza-A Coruña, e houbo unha morte nas residencias do Portazgo-A Coruña, DomusVi-Pontepedriña-Santiago, NS Esperanza-Ourense, San José-Ourense e San Pedro-Crecente) e outros sete usuarios morreron en hospitais ou as residencias integradas instauradas pola Xunta. Os datos están actualizados ás 21 horas da noite anterior, polo que é posible que as cifras de óbitos medren durante o día.

Desde o comezo da crise, a Xunta notificou que 226 das persoas falecidas por coronavirus en Galicia (un 45,93% de todas as mortes) son residentes destas instalacións. Desde o 8 de abril, cando se comezou a informar das mortes diarias entre usuarios das residencias, máis da metade dos óbitos en Galicia corresponden a estas persoas.

A relación entre o número de casos e novas altas afástase nos últimos cinco días, co repunte de novos positivos:

A Dirección Xeral de Saúde Pública tamén informou de que se realizaron ata o momento 76.129 probas PCR, 3.271 máis có dato do mércores. Con todo, a cifra non se corresponde co total de persoas analizadas, xa que é habitual que se lle realicen dúas probas a un mesmo paciente (ás veces máis) para comprobar a evolución da doenza. Con todo, nos últimos días vese que a relación de novos casos respecto ao total de probas é cada vez menor. O maior número de análises pode tamén gardar relación co repunte de casos novos. Pode explicarse, ademais da remisión da epidemia, coa realización de análises a persoas xa estudadas previamente nas que agora se confirma a desaparición do virus.

En atención ás cifras que achega a Xunta, por cada unha das sete áreas sanitarias nas que se reparte o territorio galego, actualmente estase seguindo a 1.550 persoas na área da Coruña-Cee, 627 na de Lugo-A Mariña-Monforte, 1.311 na de Ourense-Verín-O Barco, 535 na de Pontevedra-Salnés, 1.164 na área de Vigo, 1.078 na de Santiago-Barbanza, e 382 na de Ferrol.

Así foi a evolución desde o 13 de marzo:

Residencias de maiores e discapacidade

En Galicia, a Consellería de Política Social segue achegando o número de casos activos en residencias de persoas maiores e con discapacidade, que na actualidade supoñen o 19% das persoas afectadas en Galicia. 910 usuarios e 360 profesionais destes centros están infectados por coronavirus. A cifra está descendendo nos últimos días debido á curación e ao falecemento de parte dos usuarios.

Esta é a situación actual en España:

As mortes por coronavirus soben a 440 en 24 horas en España

En Portugal:

E no mundo:

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Catarreira, friaxe, peleira… As 12 palabras galegas para referirse ao arrefriado

O proxecto ALGa do Instituto da Lingua Galega permite coñecer as variantes léxicas deste estado patolóxico

Detectado o virus de Crimea-Congo en carrachas do Bierzo: “Probablemente xa estea en Galicia”

Os expertos advirten que a enfermidade hemorráxica parece estar propagándose polo noroeste peninsular e urxen medidas para freala

O Aquarium Finisterrae reforma o sanatorio de focas: “Combinaremos todas as necesidades ambientais”

O museo coruñés remodela no seu 25 aniversario a área de curación dos animais mariños

O festival científico CinVigo encheu a Porta do Sol de ciencia e ilusión

Participaron máis de 220 alumnos de Secundaria, Bacharelato e FP que presentaron 58 proxectos na feira celebrada na cidade olívica