Rubén Ramos Balsa, en Singapur.
Rubén Ramos Balsa, en Singapur.

“A diferenza entre artistas e científicos xa é irrelevante, os dous farán o que non faga a intelixencia artificial”

Rubén Ramos, que combina ciencia e a arte nas súas pezas, reflexiona sobre a conexión entre ámbalas dúas disciplinas

O artista Rubén Ramos Balsa (Santiago, 1978) conta cunha traxectoria que se afasta bastante do que é habitual no mundo da arte contemporánea. No seu caso a mistura entre ciencia e arte é moito máis cun convencionalismo dos que se adoita utilizar no pomposo mundo da arte contemporánea. Agora traballa en Singapur con diversos proxectos que sempre vinculan ambas disciplinas, xa que considera que a íntima ligazón entre elas as fai case indistinguibles. Cando aínda non tiña 30 anos, Ramos xa foi elixido para formar parte da representación española na prestixiosa Bienal de Venecia en 2007 e actualmente segue a desenvolver unha actividade incesante, que o leva a participar en proxectos que combinan ciencia e arte de modos moi diversos. Non esquece a súa orixe e apunta que os seus estudos na Facultade de Belas Artes de Pontevedra marcaron a súa carreira científico-artística.

– Ciencia e arte ás veces contémplanse como compartimentos estancos cando en realidade hai moita relación entre ambas. Como chegaches a vincular as dúas disciplinas na túa obra?

Esquema dunha obra do artista compostelán

Podería explicar como vinculo esta relación desde tres vías: a metodoloxía do proceso, a fabricación de realidade e a intención transformadora. Os artistas, como os enxeñeiros, fabricamos cousas. Nós cando logramos o obxectivo estético, dicimos tamén como os enxeñeiros, que o artefacto funciona. Aínda que é certo que esa funcionalidade é diferente, o obxectivo, máis aló dunha utilidade práctica concreta, aseméllase bastante, e dicir, nun marco espazo-temporal dado existe un criterio de convención cultural cas mesmas aspiracións de xeneralidade e universalidade que os criterios de convención científica que aspiran ao mesmo dentro do mesmo marco. Por iso arte e ciencia viaxan en paralelo.

No meu caso, considérome un experimentalista, defino o meu traballo plástico como unha manualidade óptica, entendendo a relación entre a man e o ollo como unha interacción complexa que sincroniza a fabricación e a reflexión. A través do nervio óptico conéctase o contido do inconsciente co pensamento das mans. Facer e pensar fanse indistinguibles porque se está construíndo realidade nova.

En xeral os artistas, do mesmo xeito que os científicos, estamos a formular preguntas e achegar propostas que nos axuden a construír a realidade para entender o descoñecido. Conceptos como o tempo, o espazo, a materia, o movemento, foron temas constantes ao longo da historia da arte e da ciencia. Ademais, para a súa comprensión como observadores, tanto artistas como científicos partimos dos sentidos e, nese dialogo coa realidade, nesa fricción sensorial, como extensión para ampliar o visible, ambos usamos unha ponte que chamamos a tecnoloxía. A miña obra trata desa amplificación.

– Precisamente a tecnoloxía ten un papel importante na túa obra. Cal é a intencionalidade deste uso?

Ao principio tentei darlle un uso inédito e, en certo sentido, anticiparme ás previsibles aplicacións dos desenvolvementos da industria tecnolóxica despois destes usos alternativos da tecnoloxía a través de explorar as súas posibilidades plásticas. Entendín que, para aplicar a función transformadora da arte, tiña que ir alén, que parte da acción estaba en repercutir directamente no estado da técnica e, para iso, debía desenvolver propostas de tecnoloxía desde a arte.

Existe, en xeral, a tendencia errónea en crer que a tecnoloxía é o resultado da ciencia, cando, en realidade, ambas están sempre retroalimentándose. A nova tecnoloxía posibilita nova ciencia e esta, nova tecnoloxía. Ademais poderiamos dicir que, en todo caso, a tecnoloxía é o resultado dunha cultura determinada e por tanto carece de neutralidade intencional e funcional.

Por iso, o uso da carcasa tecnolóxica que sostén a formalización da miña obra pódese volver máis significativa como pegada dun tempo determinado que a propia narrativa íntima, mesmo obsoleta e, isto último resúltame fascinante, porque non é máis que un signo do noso presente. Todo isto mostra en que medida o contido é o continente, a canle é propia á mensaxe. Por iso, ao final, toda a miña obra pódese resumir nun algoritmo.

“A tecnoloxía non é simplemente o resultado da ciencia, ámbalas dúas se retroalimentan”

Habería que lembrar que o construtor da historia da ciencia é tamén unha constante autocorrección de erros, e de aí a súa grandeza. O meu traballo plástico tamén expresa esta posición intelectual. No fondo, a actual diferenciación entre arte e ciencia é unha anécdota histórica pasaxeira. Tanto arte como ciencia están sempre reformulándose e reformulándose, así, na actualidade, a recorrida definición da obra de arte como a presenza dunha ausencia é ao universo cuántico o mesmo que unha superposición de estados, se se quere, semánticos, que manteñen a obra como sistema aberto ao observador.

Nestes mesmos termos, relativizando conceptos absolutos, diría que  “Verdade” e “Beleza” son valores funxibles. Para min, este é o único camiño que nos queda por explorar. Pero en todo caso, a diferenza entre artistas e científicos é potencialmente irrelevante xa. Ámbolos dous dedicarémonos a facer todo aquilo que non poida facer unha intelixencia artificial.

– Estás a desenvolver tamén un proxecto que vas presentar nuns meses na Universidade de Vigo, en que consiste?

No 2000, durante o meu último ano de licenciatura, como invitación previa a introducirme na investigación académica desde a praxe artística, participei nunha exposición dos estudantes de doutoramento titulada “Vacío Espeso”. Esta exposición planeábase sobre a pregunta: Que pasa entre dous electróns para que xurda un fotón?. Tomeime moi en serio o reto, Desde aquel momento non fixen máis que aproximarme a esa pregunta e agora xa teño unha resposta sólida.

A investigación que presentarei en 2019 foi un longo percorrido de 15 anos para tratar de dar unha resposta escultórica satisfactoria a aquel reto. Trátase dunha tese teórico-práctica que describe, desde a perspectiva estética, unha interacción complexa de dúas máquinas simples. Como proba experimental presento unha emulación dunha porta de computación cuántica tipo “√ not” proposta por David Deutsch e Artur Ekerth que, neste caso, funciona de maneira estable operando baixo os parámetros da interacción mostrados na investigación.

Neste sentido, quero resaltar que, desde aquela primeira exposición pioneira no modo de arte e ciencia, a liña de integración das “dúas culturas” foi ao longo do tempo aceno de identidade da Facultade de Belas Artes. Un exemplo máis recente desa continuidade foi a marabillosa exposición “Eidos da imaxe” que tivo lugar no museo MARCO, onde o labor de artistas e científicos reuníanse por igual baixo o mesmo paraugas.

“Os computadores son incapaces de xerar hipóteses espontáneas ou de interpretar significados

– En que proxectos estás traballando agora en Singapur e que relación teñen con temas científicos?

Agora mesmo estou a traballar na formalización dun novo sistema para intelixencia artificial baseado en computación cuántica que é totalmente diferente aos desenvolvidos ata a actualidade, chamámolo A.I.I. (Artificial Intuitive Intelligence). Basicamente, trátase dun protocolo de comunicación simplificado para dous ou máis sistemas complexos como poden ser dous computadores, ou un computador e un cerebro, ou dous cerebros entre si.

Para explicalo dun modo sinxelo, todos os sistemas de computación actuais parten dunha base sintáctica, sendo moi poderosos no cálculo e no manexo de cantidades inxentes de datos, por iso, teñen unha capacidade indutiva e dedutiva enorme, pero aínda non logramos un sistema que realmente xere significados, que é unha das características que definen unha intelixencia natural, é dicir, carecemos dunha base computacional semántica. Así, os computadores son incapaces de xerar hipóteses espontáneas ou de interpretar significados, de dubidar para formular alternativas, non saben como integrar un erro máis aló de expectativas programables.

Como dicía Picasso “un computador non serve para nada, só sabe dar respostas”. Idealmente, o obxectivo sería que se fas a pregunta adecuada ao sistema de A.I.I. quizais a resposta sexa interesante para ti, tan subxectiva como ti mesmo e tan obxectiva como poidas validar o seu uso.

Para achegarnos ao problema dun computador semántico, que igual que a propia A.I. é un branco móbil, tecnicamente o que nós estamos a facer é incorporar o modelo abdutivo desenvolvido por C. S. Peirce en Intelixencia Artificial, cuxa integración xa foi proposta hai anos por Atocha Aliseda, pero neste caso, tratamos de logralo baixo os parámetros da computación cuántica.

Para iso, tamén partimos dun modelo diferente sobre como a mente xera o concepto de cantidade numérica alén do código binario. Neste caso eliximos o modelo de Stanislas Dehaene dun “acumulador numérico”, principalmente, porque abre un novo paradigma similar á nosa proposta.

Todo este traballo englóbase dentro do programa dun proxecto que se chama “Thing that Think They Think”. De momento é un proxecto xerminal e temos tamaño de mosquito, pero mentres a tecnoloxía das grandes multinacionais está na carreira de alcanzar supremacía cuántica, o noso obxectivo viría despois diso, polo que a longo prazo é tamén ambicioso. O obxectivo é humanizar a A.I. e diluír máis a diferenza entre o orgánico e o mecánico, é dicir, aquilo que aínda chamamos artificial. Son moi optimista con logralo e para min sería imposible nin sequera concibir a idea sen os os estudos de semiótica e morfoloxía recibidos na Facultade de Belas Artes de Pontevedra.

Máquina de pin-ball da mostra “All possible paths”

– Últimamente participaches nun congreso sobre a figura de Richard Feynman. Que é o que che interesa especialmente da súa obra?

Celebrouse o centenario do nacemento de Richard Feynman cun congreso organizado polo centro de estudos avanzados da Universidade de Nanyang, en colaboración co Centro de Tecnoloxía Cuántica e o Museo de Arte e Ciencia de Singapur. Foi un evento que logrou reunir a unha parte significativa das grandes figuras da física actual, moitos deles discípulos de Feynman, baixo as premisas da relación de arte e ciencia.

En paralelo ao congreso, no Museo de Arte e Ciencia, realizouse unha exposición, “All possible paths” que fixo un percorrido polo seu legado a través tamén das súas propostas artísticas. Para min, é un bo exemplo da produtividade desta simbiose onde científicos e artistas colaboran. Nela podemos ver reunidos desde o último procesador cuántico de Google ata unha pintura realizada polo propio Feynman. O que máis me interesa da súa figura é o sentido lúdico do seu modo de mirar, o singular ángulo de entrada á hora abordar un problema, é dicir, a súa intuición.

Os diagramas de Feynman, como ocorreu cos debuxos das neuronas de Santiago Ramón y Cajal, reveláronnos, cunha aparencia espida, a estrutura ausente ao coñecemento científico do seu momento, aquilo que ninguén podía imaxinar. Son grafías que cambiaron o noso modo de ver.

– Poderá verse a túa obra en Galicia (ou España) proximamente? Preparas algunha exposición?

Agora mesmo pode verse unha peza nova na Bienal de Lalín, comisariada por Álvaro Negro. Este ano estamos coa presentación e promoción do “Librario”, un proxecto editorial que recompila as miñas obras e textos nunha especie de libro infinito. En canto ás exposicións, estou coa produción dunha mostra para o ano 2020 titulada “Engrenaxes e Estrelas” e planeando a súa continuidade nunha segunda exposición chamada “Enerxía escura, materia gris e outras teorías da cor”. Aínda que os títulos xa anticipan a temática, non quero adiantar moito sobre elas, pero xunto ao resto de exposicións anteriores funcionan encadeadas como un sistema complexo, que sumadas reúnense nun concepto expositivo total que chamo “Circular o espazo”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.