Sábado 12 Outubro 2024

No territorio do dragón de Komodo

Hai poucos lugares no mundo que concentren nun espazo tan pequeno as marabillas naturais que podemos atopar na provincia indonesia de Nusa Tenggara, que conta coa illa de Flores como punto de partida ideal para realizar percorridos que permiten descubrir unha riqueza biolóxica e xeolóxica inigualable. O Parque Natural de Komodo, que alberga ao famoso dragón, é o máis coñecido desta zona que ofrece moitas outras posibilidades de achegarse a unha natureza fascinante, por debaixo e por riba da auga.

Vistas desde a illa de Padar.
Vistas desde a illa de Padar.

A localidade de Labuan Bajo (accesible por avión dende Bali ou Jakarta) é sen dúbida o punto ideal para realizar os distintos itinerarios para coñecer a illa de Flores e as illas próximas. Iso s,i para achegarse ao volcán Kelimutu, outro dos grandes atractivos da zona, haberá que emprender unha longa viaxe en autobús (14 horas) ou tomar outro avión que conduza á localidade de Ende. Pero unha estadía de catro ou cinco días en Labuan Bajo será suficiente para vivir unha experiencia inesquecible.

Publicidade

 

Sen dúbida que moitos turistas chegan a esta apartada zona do mundo atraídas polo misterio que rodea ao impresionante dragón de Komodo, criatura case mitolóxica que so pode atoparse en liberdade nesta parte do mundo. O dragón pode verse na propia illa de Komodo (dúas horas e media en barco dende Labuan Bajo) ou na de Rinca que queda máis preto do punto de partida.

En Komodo o viaxeiro pode sentirse algo decepcionado ao ver aos dragóns nun terreo case desértico e en moitas ocasións o vai atopar á sombra dalgún árbore descansando. Komodo é unha illa pedregosa na que sorprende ver cervos, unha das principais fontes de alimentación do dragón xunto a outros animais máis pequenos. Toda a fauna da illa é autóctona coa excepción das cacatúas, que proceden da veciña Australia.

Publicidade

Os dragóns son perigosos porque a súa mordedura é tóxica e mesmo hai casos de ataques a persoas con resultado de morte. Sen embargo en Komodo poden verse sen maiores problemas acompañados por un “Ranger” que vixía cun pau en forma de forca se o dragón se achega demasiado aos turistas. Durante o percorrido o Ranger explica algunha das peculiaridades deste lagarto xigante. As crías soben aos árbores pouco despois de nacer para sobrevivir e pasan alí moitos meses, xa que temen os ataques doutros animais, incluídos os seus propios pais. O dragón pode acadar os tres metros de lonxitude e os 90 quilos de peso. Aínda que semella moverse con lentitude pode chegar a correr cunha velocidade de 20 quilómetros por hora.

Aínda que semella moverse con lentitude o dragón pode alcanzar os 20 quilómetros por hora

Pero Komodo é unha illa que agocha outros interesantes tesouros nas súas augas. Hai diversos puntos nas proximidades da costa  no que se pode facer snorkel, un dos máis coñecidos é a Pink Beach, chamada así polo ton rosado da súa area formada con restos de coral. Na mesma praia pódese mergullar cunhas gafas e asistir a un gran espectáculo de especies mariñas de tódalas cores e tamaños imaxinables, mesmo poden verse quenllas de pequeno tamaño moi preto da praia. Hai máis de mil especies de peixes no Parque Natural de Komodo.

Polo menos hai dous puntos próximos a illa nos que é posible ver tamén, sen necesidade de mergullar en profundidade, as impresionantes mantas cun tamaño que pode alcanzar os catro metros. En zonas de pouca profundidade, que non chegan aos 10 metros é posible ver todo un desfile destes animais, que semellan contemplar tamén con curiosidade ás persoas que se achegan aos seus dominios.

Os barcos que realizan as excursións a Komodo dende Labuan Bajo ofrecen diversas posibilidades de itinerarios pola multitude de illas que se atopan no chamado Mar de Flores. Mesmo existe a posibilidade de facer unha viaxe de dous ou máis días e durmir na cuberta do barco. É importante asegurarse ben de que a axencia coa que se contrata a excursión é de fiar xa que moitas veces os barcos e as persoas que os conducen non reúnen as condicións apropiadas. Pero todo forma parte da aventura que supón a viaxe

En zonas de pouca profundidade pode asistirse a un “desfile” de mantas

Unha das paradas que adoitan facerse nos itinerarios cara a Komodo é a illa de Padar. O seu maior atractivo é que ofrece a posibilidade de realizar un trekking, cunha duración aproximada dunha hora no que se sube a unha altura axeitada para ofrecer unha boa panorámica do entorno no que nos atopamos. Turistas e parellas de noivos indonesios na procura dunha foto idílica mestúranse neste lugar que ofrece unhas vistas privilexiadas.

A zona é un paraíso para os mergulladores

Na viaxe entre as illas poden apreciarse algún illotes que aparecen de súpeto en medio do mar e que apenas miden uns poucos metros. As excursións adoitan facer unha curta parada nalgún deles para que os turistas vivan por uns momentos a sensación de atoparse nun illote deserto no medio do océano.

Dende Labuan Bajo poden facerse tamén excursións para facer snorkel ou mergullo que atraen a seguidores destas disciplinas de diversas partes do mundo. A variedade de especies que se poden atopar e a posibilidade de ver grandes zonas de coral a escasa distancia das praias converten a zona nun lugar ideal para os mergulladores. A riqueza piscícola da zona pode comprobarse tamén no mercado de peixe da localidade, onde se pode mercar o peixe e o marisco (cangrexos, langostas) e comelo nas mesas situadas no propio mercado a prezos moi baixos.

Se hai tempo para afondar na aventura, é posible emprender viaxe dende Labuan Bajo para realizar un trekking ata o volcán Kelimutu, situado a uns 450 quilómetros desta localidade, aínda que a viaxe por estradas complicadas pode levar ata 14 horas en autobús. O volcán conta con tres cráteres que albergan lagos con augas de diferentes cores no seu interior. A última erupción do volcán foi en 1968.

Hai que lembrar que a illa de Flores atópase nunha zona coñecida como o Cinturón Alpide, con diversos volcáns activos e na que se producen terremotos con moita frecuencia. O último gran terremoto provocou un tsunami que arrasou en setembro a localidade de Palu, situada nas illas Célebes que tamén pertencen a Indonesia. A aventura e o contacto coa natureza máis salvaxe están asegurados nunha viaxe que sempre será difícil de esquecer.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Do dragón de Komodo a Atacama: seis lugares sorprendentes nos que a ciencia busca fármacos

Científicos de todo o mundo analizan por todo o planeta compostos presentes en diversas especies con propiedades antibióticas e anticanceríxenas