Como funciona a rede de centros científicos de Madrid e de que xeito se orienta cara ao talento e a transferencia do coñecemento. Esas foron as principais cuestións que tratou de explicar Juan Ángel Botas, subdirector xeral de Investigación do Goberno autonómico de Madrid, á comunidade de xestores e decisores do econsistema galego de investigación, reunidos na segunda xornada do ciclo que organiza a Secretaría Xeral de Universidades da Xunta para compartir ideas sobre o modelo de xestión deste tipo de centros.
Botas presentou a rede de Institutos Madrileños de Estudios Avanzados (IMDEA), promovida e xestionada pola Comunidade de Madrid, e na que cada centro mantén unha personalidade xurídica e un goberno propio, pero cun espíritu común: “Unha nova maneira de facer ciencia, flexible, con enfoque internacional e orientada á innovación, ao mercado”, resumiu.
En total, trátase de sete centros temáticos postos en marcha a partir de 2007 en coordinación cos axentes do Sistema Madrileño de I+D+i. Neles traballan máis de 350 investigadores contratados, dos cales 44% son estranxeiros, de 25 nacionalidades. “Marcámonos como prioridades atraer talento científico a todos os niveis, desde investigadores senior líderes no seu campo ata investigadores novos con elevada proxección, e enfocarnos á transferencia de tecnoloxía para xerar innovacións que se materialicen en aplicacións comerciais novidosas, porque o obxectivo final e contribuír á creación de riqueza e emprego na comunidade de Madrid”, destacou Botas.
A nivel de organización, as claves citadas polo subdirector xeral foron a dotación de infraestruturas de calidade, un ecosistema científico multidisciplinar e unha estrutura de xestión adaptable e un sistema retributivo flexible. En cada un dos centros están representadas, ademais da comunidade científica, a Administración e as empresas, que fan posible o esquema de financiamento público-privado imperante en todos os centros IMDEA. No caso dos proxectos, destacou que o 32% o financiamento procede de fondos internacionais, sobre todo da Unión Europea pero tamén doutras fontes como o Departamento de Defensa dos Estados Unidos, e o 21% provén de fondos privados, é dicir, da achega de empresas.
Madrid expuxo o seu caso nas xornadas sobre fórmulas de éxito da investigación
Os patronatos de todos os centros IMDEA están presididos por un científico, xeralmente unha figura de prestixio internacional procedente do estranxeiro, apuntou Botas. Coincidindo co argumento manexado na primeira xornada do ciclo, protagonizada por representantes do modelo vasco, o subdirector xeral sinalou que os recursos humanos son “o corazón dos nosos centros”. “Como o que queremos é crear riqueza, centrámonos en atraer talento de todo o mundo mediante convocatorias competitivas”, dixo. Ademais, neste ámbito tratan de introducir elementos novidosos como unha convocatoria de emprego xuvenil que será publicada nas próximas semanas dirixida a recén titulados que non tiveron un contrato de traballo ata agora para facilitar a súa inserción no mercado laboral.
Pola súa banda, Manuel Carro, subdirector do IMDEA Software, destacou entre as dificultades que existen en España para captar talento internacional “os obstáculos administrativos como a necesidade de validar os doutoramentos, os baixos salarios e a fragmentación das convocatorias públicas para captar fondos”.

En relación cos recursos humanos, destacou que no seu centro existe un compromiso firme de non prescindir de ninguén se non é por unha causa obxectiva e xusta. “A clave é, teñan un contrato indefinido ou non, darlles seguridade aos nosos investigadores sempre que cumpran”. As súas convocatorias de contratación son competitivas e abertas a nivel internacional sen restriccións e, no momento no que seleccionan a un candidato, implícanse por factores relacionados coa súa vida personal, como a elección dun colexio para os seus fillos ou a orientación na busca dun traballo para a súa parella, condicionantes que nalgúns casos poden ser mesmo un obstáculo para a incorporación de científicos que veñen do estranxeiro.
Segundo explicou Carro, os investigadores que se integran no IMDEA Software reciben á súa chegada un paquete económico para destinar ao seu criterio á participación en congresos, á asisencia a reunións internacionais ou á incorporación de estudantes de doutoramento, entre outros conceptos.
“Teñan un contrato indefinido ou non, a clave é darlles seguridade aos nosos investigadores”
O día 18 de xuño rematará a rolda de presentacións de modelos autonómicos con Catalunya. A sesión final terá lugar o 19 de xuño, coas achegas de Mabel Loza (Universidade de Santiago de Compostela), Fernando Pérez (Universidade de Vigo) e Héctor Gómez (Universidade da Coruña), tres investigadores galegos destacados pola súa excelencia nos seus respectivos campos de coñecemento. A visión sobre o modelo galego será completada polo conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez. Pola súa banda, a secretaria de Estado de Investigación, Desenvolvemento e Innovación do Goberno central, Carmen Vela, exporá o impulso do liderado científico e tecnolóxico a través do Programa de Apoio a Centros de Excelencia Severo Ochoa.
Ecosistema galego
As xornadas comenzaron o 5 de xuño. Ese día, medio cento de decisores e xestores relacionados co ecosistema galego de investigación déronse cita hoxe no edificio CIMUS do Campus Sur de Santiago de Compostela co fin de compartir ideas. Ese día abordouse o modelo vasco, exposto por Fernando Cossío, director científico de Ikerbasque, a Fundación Vasca para a Ciencia, e José María Mato, director xeral do Centro de Investigación Cooperativa en Biociencias (CIC bioGUNE) e do Centro de Investigación Cooperativa en Biomateriais (CIC biomaGUNE).
O director científico de Ikerbasque explicou que a fundación é o eixe sobre o que se articula o ecosistema no que interactúan os centros de investigación, as universidades, os hospitais e os centros tecnolóxicos vascos e que, “grazas a un salto cualitativo impulsado pola retención, o reclutamento e a repatriación de persoas excelentes nos seus campos, nos levou a onde estamos agora”, en referencia ao protagonismo que o sistema vasco, referente a nivel estatal, lle outorga á xestión do talento científico.
O secretario xeral de Universidades da Xunta, Xosé Alberto Díez de Castro, sinalou que “é o momento idóneo para acometer este proceso de adaptación do modelo galego ao contexto actual porque coincide co arranque dos novos plans de financiamento estatal e europeo”.