Xoves 18 Abril 2024

Guía para ver a eclipse de Lúa (se as nubes o permiten)

Desde as catro da madrugada do domingo ao luns poderase ver como o satélite vese ocultado pola propia Terra; un evento que non se repetirá ata 2022

Comentabamos a comezos de mes que Galicia ía ser un lugar privilexiado para ver a eclipse de Lúa que terá lugar na madrugada deste domingo 20 ao luns 21. O fenómeno vaise poder ver desde América en todas as súas fases, coincidindo alí co solpor e as primeiras horas da noite; e alén do continente americano, só nunha pequena parte da costa occidental de África, o litoral oeste de Europa, as illas Británicas e Escandinavia se verá algo da eclipse. E Galicia está entre elas, xa que no resto de Europa e África, a Lúa ocultarase antes de que se produza a fase total, o que impedirá seguir totalmente o evento astronómico.

Hai un pequeno matiz, sempre importante no caso galego: que as nubes permitan albiscar como o satélite vai desaparecendo pouco a pouco, ocultado na sombra proxectada pola Terra. Aínda así paga a pena intentalo, xa que non poderemos ver algo semellante ata maio de 2022. Mentres se espera a confirmación das axencias meteorolóxicas, cómpre prepararse para velo da mellor forma posible, así que aquí van varias claves:

Publicidade

O horario

Fases da eclipse de Lúa, segundo a situación da Coruña. Os datos son idénticos para o resto de Galicia. Fonte: Observatorio Astronómico Nacional.
Fases da eclipse de Lúa, segundo a situación da Coruña. Os datos son idénticos para o resto de Galicia. Fonte: Observatorio Astronómico Nacional.

Haberá que madrugar moito, ou deitarse moi tarde. Non será ata as 4.49 da madrugada cando a Lúa comece a entrar na zona de penumbra da Terra. Sobre as 5.43 xa se verá a Lúa avermellada. Durante 54 minutos a eclipse será total, e ás 7.49 da mañá terminará o evento. Por tanto, desde pouco antes das 5 da mañá ata aproximadamente as 7.30 será posible percibir o fenómeno de forma clara.

O ceo

Situación da Lúa, entre Leo e Xéminis, ao comezo da eclipse do luns. Fonte: Heavens Above.
Situación da Lúa, entre Leo e Xéminis, ao comezo da eclipse do luns. Fonte: Heavens Above.

En Galicia, ao contrario que noutras zonas da Península Ibérica e a maior parte de Europa, a eclipse de Lúa poderase ver ao completo porque o satélite non se ocultará por debaixo do horizonte. Verase ben, pero na imaxe indícase, de todas formas, o lugar cara ao que hai que mirar: preto das constelacións de LeoXéminis e Orión. A medida que avance a eclipse, o satélite moverase cara ao noroeste, ata poñerse, coincidindo co amencer, ás 9.11 da mañá.

O tempo, e o lugar

Vai haber que ir moi abrigados, sen dúbida. Haberá ventos de compoñente norte, que achegarán aire frío e, ademais, farán baixar a sensación térmica, segundo avanza MeteoGalicia. Esta situación podería provocar, no peor dos casos, que as nubes tapen a eclipse. O que si se pode confirmar é que as temperaturas estarán, en moitos casos, entre os 0ºC e os 5ºC en moitos puntos de Galicia nas horas que coinciden co evento.

O lugar máis axeitado para ver a eclipse, como en todos os eventos astronómicos nocturnos, é calquera que estea afastado da contaminación luminosa dos núcleos urbanos. Así poderemos gozar mellor dos matices que irá tomando o satélite, desde que comeza a ocultarse, pasando pola zona de penumbra e collendo un ton avermellado, ata que desaparece e volve xurdir.

E que pasa coa Lúa de sangue?

Zonas de sombra e penumbra nunha eclipse de lúa. Fonte: NASA / Bussiness Insider.
Zonas de sombra e penumbra nunha eclipse de lúa. Fonte: NASA / Bussiness Insider.

É un nome atractivo, pero que ten pouco misterio. A atmosfera da Terra non é sólida nin opaca, senón gasosa. Así, a luz procedente de Sol experimenta refracción (cmbio de dirección dunha onda ao pasar dun medio a outro en que a velocidade de propagación é diferente) ao pasar pola atmosfera. E este cambio proxéctase na Lúa en forma do ton avermellado que se ve durante a eclipse. O gráfico sobre estas liñas explícao ben.

Desde Galicia, algunhas entidades xa preparan actividades, aínda que están pendentes da previsión meteorolóxica para ver se paga a pena probar sorte. Na Coruña, a Agrupación Astronómica Coruñesa Ío ten prevista unha observación pública da eclipse no Parque de Eirís, a partir das 4:30 da mañá.

Se coñeces algunha outra iniciativa, podes deixarnos un comentario neste artigo ou escribir a redaccion@gciencia.com.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia rexistrou preto de 43.100 raios en 2023, un 66% máis que o ano anterior

O día co maior número de descargas eléctricas detactadas foi o 9 de setembro, cun total de 10.204

Un potente anticiclón adianta o verán en Galicia con temperaturas por enriba dos 31 graos

As altas presións situadas sobre Francia están bloqueando a chegada de borrascas e atraendo aire cálido ao norte da península

Unha trintena de casos de dengue en Portugal: debemos preocuparnos en Galicia?

O mosquito tigre, vector da enfermidade infecciosa, detectouse por primeira vez no territorio galego no verán de 2023

A seguinte eclipse solar total será en 2026 e si, poderase ver dende Galicia

Dentro de dous anos, o fenómeno observarase en todo o seu esplendor na zona oeste do territorio galego arredor das 20:20 horas