Nano-robots que traballan para nós a diario

As bacterias poden ser de gran axuda para recuperar augas contaminadas.

Vanme deixar que faga uso da metáfora da robótica agora que está tan de moda para explicar un dos  seres vivos que me fascinan: as bacterias.

Publicidade

Entrei en contacto co mundo das bacterias, nalgunha materia da especialidade da enxeñería química. Fascinoume  que poidamos modelar -é dicir, describir con fórmulas matemáticas (a vida descrita con fórmulas, non lles alucina?!)- o seu comportamento vital na comunidade: a velocidade a que se reproducen, canto comen… pero as bacterias, non son un só tipo e xa está, o número de especies dentro do reino monera – no que  adscribimos a estes microorganismos- é altísimo.

É por iso que dende algúns ámbitos,  como o da enxeñería química, se quixo aproveitar esta variabilidade para conseguir que ‘traballen’ no noso beneficio. Refírome a ‘traballar’ con aproveitar a súa gran capacidade para alimentarse de diferentes substratos (tipos de comida). Aproveitan para comer dende o amonio procedente das proteínas que excretamos na ouriña, a outros derivados do átomo do nitróxeno, entre outros moitos. Esta capacidade resulta moi beneficiosa  para eliminar aqueles detritos das augas residuais dunha maneira ‘ecolóxica’. Acontece a diario nas nosas depuradoras. Esas lamas que vemos, son colonias inmensas de bacterias -nano-robots que traballan a diario para nos beneficiar.

Este é un sistema moi coñecido no ámbito da enxeñería e da construción civil, pero diferentes colonias de bacterias están a ser isoladas e cultivadas para mellorar o sistema de depuración. Explicado en termos sinxelos, existen investigacións que xa acadaron a obtención de bioplásticos (é dicir, plásticos non derivados do petróleo) a partires das augas residuais; investigacións que se están a dar aquí ao lado, na Universidade de Compostela. Si, obtéñense plásticos a partir de residuos! Outras liñas de investigación van cara a optimización de obter biogás (combustible) tamén grazas ao traballo das nosas amigas; cara á eliminación de medicamentos cada vez máis presentes nestas, á de nanocontaminantes das augas residuais…

Destacan as investigacións con bacterias para producir bioplásticos e biogás

Unha das cousas impresionantes deste mundo, é ser consciente da capacidade de coñecemento profundo que o ser humano pode ter da materia de unha forma íntima grazas tanto ao desenvolvemento matemático existente-xunto co aumento da capacidade de cálculo dos computadores para ser capaces de modelar – como aos métodos analíticos cada vez máis avanzados e precisos que nos permiten analizar se os resultados previstos coinciden coas nosas predicións matemáticas.

Pero, por que é tan importante a depuración das nosas augas? A pesares da evidente presenza de auga no noso planeta: en océanos, glaciares, apenas un 0,02 % de auga é doce, é un ben escaso. Os principais cambios percibidos na auga debido a verquidos son o de diminuír o osíxeno, o que afecta negativamente a fauna e flora propios ecosistemas acuáticos. Tamén afecta á proporción en que  están os nutrintes (referíndonos principalmente ao nitróxeno e fósforo, procedentes estes da urea da ouriña), causando resultado do crecemento excesivo de algas e doutras plantas (nun proceso chamado eutrofización). Ademais, hai o perigo de propagación de organismos patóxenos e substancias tóxicas, que pode ser responsable da transmisión da enfermidades, ao que podemos engadir a aparición de lamas, e a consecuente xeración de mal cheiro e degradación dos leitos dos nosos ríos. É por iso, que duns seres vivos invisibles ao ollo humano podemos obter grandes beneficios que nos axuden a paliar algúns dos efectos da sobre-explotación de recursos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.