Venres 26 Abril 2024

A Universidade forma á Armada para a guerra no ciberespazo

O reitor inaugura o Seminario de Ciberdefensa en Marín.
O reitor inaugura o Seminario de Ciberdefensa en Marín.

Á defensa por terra, mar e aire súmaselle neste século XXI un novo escenario, o do ciberespazo, unha contorna intanxible a través da que gobernos e empresas están a sufrir ataques de grupos organizados. “Algúns expertos advirten de que a guerra no ciberespazo xa comezou”, salientou o almirante Juan Luis Sobrino, director da Escola Naval Militar, na inauguración do primeiro Seminario de Ciberdefensa neste centro adscrito á Universidade. Con estas xornadas búscase introducir ao alumnado do Centro Universitario da Defensa (CUD) nunha área que constitúe un “dos novos retos do coñecemento”, segundo o reitor, Salustiano Mato, coa idea de que poidan enfrontarse “a unha ameaza actual, real e en crecemento”, engadiu o comandante-director de Ensino Naval, Marcial Gamboa.

“O coñecemento do ciberespazo é un dos coñecementos que podemos denominar fronteira, porque rompe barreiras e nos sitúa dunha forma clara no século XXI”, subliñou Mato no acto inaugural deste seminario, no que opinou que a ciberdefensa “debe ter un lugar” na planificación dos estudos de posgrado que se proxecta implantar no CUD. Na mesma liña pronunciouse Marcial Gamboa, que salientou que a colaboración coa institución académica contribuirá a que no centro militar poidan desenvolverse investigacións en ámbitos como o que centraba o seminario. Non en van, “o ensino na Armada non pode ser alleo á crecente preocupación a escala global que supoñen os ataques cibernéticos”.

Publicidade

Dos hackers á ciberguerra

De afondar en como a Armada se prepara para facer fronte a esta ameaza responsabilizouse o coronel Francisco Javier Moreu, o primeiro dos relatores deste seminario dirixido ao alumnado de quinto curso da Escola Naval. Nunha conferencia titulada A armada fronte a ciberdefensa, Moreu incidiu en que os ataques a través da rede supoñen para quen os realiza uns “custos económicos irrelevantes”, producen danos de forma inmediata e “pódense levar a cabo desde moita distancia a través dunha contorna que proporciona anonimato ao atacante”. Neste senso, Moreu diferenciou entre cinco tipos de ataques que tiveron a rede como escenario nos últimos tempos. O primeiro deles sería o levado a cabo pola figura do hacker, que “por motivos intelectuais e de notoriedade accede a unha rede supostamente segura”.

Os oficiais prepáranse contra o espionaxe na rede e o ciberterrorismo

Tras estes expertos en informática chegou a ciberdelincuencia, a actividade que levan a cabo grupos organizados co obxectivo de obter un beneficio económico atacando, por exemplo, os portais de entidades bancarias. Por outra banda, a rede posibilitou tamén o desenvolvemento do ciberterrorismo, xa que internet é empregado por grupos terroristas para “publicitarse, instruír aos seus membros ou mesmo coordinar accións”, apuntou Moreu. Mais os ataques cibernéticos tamén poden proceder de países, capacitados para acometer accións de ciberespionaxe coas que extraer “información sensible” dos gobernos ou ter acceso aos proxectos de investigación que está a desenvolver unha determinada empresa.

Máis alá destas modalidades de ataque, existe xa un último chanzo no grao de ameazas que chegan a través da rede, un sistema hoxe fundamental para “o normal funcionamento da sociedade”, a ciberguerra. De feito, Moreu mesmo expuxo ao alumnado un caso real acontecido no ano 2007, cando “unha nación enmascarada, que todo fai pensar que foi Rusia”, atacou Estonia a través do ciberespazo. “Pecharon todas as páxinas gobernamentais e atacaron as webs bancarias, dun país no que o 95% da poboación ten conexión a internet e no que existe unha forte dependencia da rede”, explicou.

Por iso, a Armada leva máis de dez anos traballando no ámbito da ciberdefensa, como explicou Moreu na que foi a primeira das conferencias que os días 30 e 31 acolle a Escola Naval con relatores como Elvira Tejada, fiscal delegada para a loita contra a delincuencia informática; Carlos Gómez, xefe do Mando Conxunto de Ciberdefensa; ou os profesores do CUD Rafael Asorei e Pablo Sendín, que o venres se encargarán tamén dun taller práctico sobre seguridade en internet.

“O noso campus en Marín”

No acto inaugural deste seminario, o reitor fixo énfase na “enriquecedora experiencia” que está supor para a Universidade a súa vinculación coa Escola Naval, “o noso campus de Marín”, do que en 2015 sairá a primeira promoción de oficiais da Armada graduados en Enxeñería Mecánica. Por iso, Mato incidiu na importancia de pensar xa no “seguinte paso”, o deseño dunha oferta académica de posgrao no CUD. “Agardo que a final de ano poidamos ter identificada cal debe ser esa oferta”, afirmou o reitor, quen situou o campo no que se centra o seminario, a ciberdefensa, como un dos que debería terse en conta nesa planificación.

Os militares poden estudar en Marín o grao de Enxeñería Mecánica

De feito, este é un campo no que a Universidade pode achegar unha “colaboración moi clara e precisa”, como destacou o reitor, quen lembrou que a Escola de Enxeñaría en Telecomunicacións do campus de Vigo é “unha das máis prestixiosas de España” e destacou o labor que se desenvolve no centro de investigación AtlanTIC e no centro tecnolóxico Gradiant. Estes factores, unidos ao feito que a Universidade de Vigo “é a única de España que ten dous microsatélites no espazo funcionando” levaron ao reitor a incidir no valor dos elementos dos que dispón a Universidade para ofrecer ao CUD a súa colaboración neste eido. “Para nós, traballar coa Armada significa orientar as nosas capacidades para un mundo real, necesario e seguro”, engadiu.

Á importancia da colaboración entre a Escola Naval e a Universidade tamén fixo referencia o comandante Marcial Gamboa, para quen a Cátedra Almirante Álvarez-Ossorio é unha “mostra da simbiose” entre a institución académica e militar. Así mesmo, o director de Ensino Naval tamén fixo énfase, que trala consolidación do grao en Enxeñería Mecánica, no centro, esta colaboración podería traducirse en novas “posibilidades de enriquecemento mutuo” no campo da investigación, “en áreas tradicionais e tamén as novas disciplinas, como as relacionadas coa seguridade no ciberespazo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo de atlanTTic deseña antenas innovadoras para satélites xeoestacionarios

O proxecto da UVigo busca unha redución na masa e o volume da tecnoloxía, así como diminuír os custos

Un equipo da UVigo analiza en alta resolución o transporte de humidade no Atlántico norte

O grupo EphysLab investiga como se altera o ciclo hidrolóxico na rexión oceánica por procesos relacionados co cambio climático

Un algoritmo cuántico para optimizar redes de telecomunicacións

O operador galego R desenvolveu con CINFO e o seu socio tecnolóxico Kipu Quantum un proxecto para estudar a resiliencia da súa rede de fibra óptica

As cinzas dos lumes de 2017 poden causar alteracións no plancto costeiro da Vigo

O estudo realizado por investigadores do CIM da Universidade de Vigo centra a súa investigación na escorredura posterior ás queimas