Sábado 27 Abril 2024

O grupo AF4 busca como compaxinar os usos forestais e gandeiros nos montes

O aproveitamento dos montes como fonte de alimento para o gando pode contribuír tamén á prevención dos lumes forestais, ao reducir a cantidade de biomasa forestal susceptible de converterse en combustible para as lapas. Partindo desta idea, investigadores e investigadoras da Escola de Enxeñaría Forestal de Pontevedra, AF4, traballan na definición dunha serie de medidas que axuden a facer compatibles e sustentables os usos gandeiros e forestais dos montes da provincia. Fano como parte dun grupo operativo de innovación impulsado pola Asociación Agraria de Galicia, ao abeiro dunha liña de subvencións promovida pola Dirección Xeral de Ordenación e Produción Forestal da Xunta de Galicia.

“Valorización do aproveitamento silvopastícola en montes como ferramenta de prevención de incendios e de control” é o título do proxecto que esta asociación impulsou ao abeiro dunha liña de axudas para a creación e o desenvolvemento de proxectos piloto, no eido agroforestal, de grupos operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI). Para facelo, a asociación asinou un acordo de colaboración co grupo de investigación que coordina Enrique Varelo.

Publicidade

O obxectivo é “compatibilizar usos”, ver que medidas permitirían contribuír a unha xestión “sustentable e compatible” dos montes en materia de “extracción de madeira e o uso dos pastos para o alimento da gandería cabalar vacún e outros, algunha moi estendida nas áreas de estudo que estamos utilizando, pero pouco regulada de forma que se compaxinen os rendementos económicos, a prevención de incendios e a conservación dos valores ecolóxicos”, explica a investigadora Xana Álvarez. Xunto a ela participan tamén os investigadores Antonio de María, Fátima Otero, Juan Picos e Fran Abilleira.

Unha das medidas que poderían derivar deste traballo, como explica Álvarez, podería ser a definición de “peches gandeiros específicos”, que delimiten a zona de pastos. Mais tamén a concreción de que especies serían máis apropiadas para esa redución da biomasa forestal en cada zona. “Pode darse a situación de que nunha zona só haxa vacas e exista unha densidade de toxo considerable, entón unha das solucións podería ser introducir dúas mandas de cabalos, que se alimentan de toxos, para que se reducise esa biomasa e poder logo seguir manténdoa coas vacas”, apunta a investigadora. Nese senso, a participación do grupo abrangue tanto a avaliación das accións dirixidas a favorecer a rexeneración controlada dos pastos, como as rozas ou as queimas controladas como o estudo de infraestruturas de control do gando.

Outra parte do traballo estará centrada no establecemento de mecanismos para o saneamento e control do gando, así como a preparación de acordos e contratos entre gandeiros e comunidades de montes para compatibilizar o uso dos terreos.

O propósito deste grupo operativo é analizar tamén outra serie de situacións concretas que poidan detectarse noutros puntos da provincia de Pontevedra. Nese senso, un dos traballos doutro dos socios deste grupo é “identificar exactamente cales son as áreas potenciais”, que permitirían ao grupo AF4 ampliar o ámbito de estudo dun proxecto que ten como obxectivo final definir unha serie de medidas de manexo e xestión destes espazos en Galicia -comezando pola montaña oriental de Pontevedra-, así como a súa divulgación e difusión entre os colectivos das zonas nas que estas poidan implantarse.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Como caracterizar as masas forestais? As imaxes por satélite son a clave

A Escola de Enxeñaría Forestal da UVigo foi a encargada de amosar os datos, enmarcados na realización do primeiro inventario forestal continuo de Galicia

Zonas estratéxicas para cortar a expansión dos lumes no Baixo Miño

Un proxecto transfronteirizo implica a grupos de diversas disciplinas para conter un problema que acada nesta zona unha das súas meirandes magnitudes en Europa

Biomasa de árbores sen valor forestal para producir carbón e reducir emisións na gandería

A Escola de Enxeñaría Forestal participa nun proxecto para valorizar masas sen saída comercial, obtendo carbón cunha "tecnoloxía moi básica"

Os petróglifos que frearon o maior incendio de outubro de 2017, un modelo para o futuro

Un proxecto da Escola de Enxeñaría Forestal de Pontevedra abordará como a protección do patrimonio pode axudar a previr a propagación do lume