Imaxe da rede de detección de raios de Galicia do día 26 de maio de 2017. Fonte: MeteoGalicia.

Imaxe da rede de detección de raios de Galicia do día 26 de maio de 2017. Fonte: MeteoGalicia.

O día dos 9.562 raios

O 26 de maio de 2017 rexistráronse o 20% do total de descargas do ano, segundo o informe publicado por MeteoGalicia

Nun só día de 2017 houbo sobre Galicia o 20% de todos os raios que se rexistraron nas outras 364 xornadas do ano. Foi o 26 de maio, con 9.562 lóstregos detectados polos sensores de MeteoGalicia, que este martes publicou o seu informe anual sobre raios, tal e como ven facendo desde 2009, cando puxo en marcha o seu sistema de detección de descargas eléctricas. E o 26 de maio de 2017 foi o día de maior intensidade de treboadas desde que se puxo en marcha a rede.

Aquel día chegaron a contabilizarse ata 1.094 raios entre as 4.00 e as 6.00 horas da madrugada. A coincidencia dunha masa de aire moi cálido sobre a península Ibérica xunto a unha valgada de aire frío que chegaba polo noroeste provocou unha situación de inestabilidade que desembocou na vaga de treboadas. A rede detectou 9.562 raios sobre Galicia – máis da metade, na provincia de Ourense-, pero amais destes, tamén localizou ata 18.271 descargas se sumamos os arredores do noso territorio, tal e como se pode ver na imaxe que encabeza a información.

Maio: mes de récord de raios nun ano de récord

O mes de maio superou moitos dos rexistros marcados ata o momento en canto ao número de lóstregos. En 15 dos 31 días do mes houbo treboadas en Galicia, cunha media de 1.574 diarios. Así, MeteoGalicia contabilizou 23.612, o 49% do total do ano (47.937), e case o dobre que o anterior mes que ostentaba o maior rexistro (xuño de 2014, con 13.288). Deste xeito, maio tamén tivo máis raios que o total dos anos 2016, 2015, 2013 e 2012, nos que apenas se superaron, por separado, os 20.000 relampos.

Maio de 2017 superou todos os rexistros mensuais de raios desde que se puxo en marcha o sistema de detección. Fonte: MeteoGalicia.

Maio de 2017 superou todos os rexistros mensuais de raios desde que se puxo en marcha o sistema de detección. Fonte: MeteoGalicia.

 

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.