Vista do observatorio de Byurakan, en Armenia. Foto: Babak Tafreshi.

Vista do observatorio de Byurakan, en Armenia. Foto: Babak Tafreshi.

Astrónomos da USC, á procura de estrelas dobres en Armenia

Os doutorandos Jorge Gómez Crespo e Luca Piccotti realizan unha campaña de observación no Observatorio Astrofísico de Byurakan

Os doutorandos do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC (OARMA) Jorge Gómez Crespo e Luca Piccotti están realizando unha campaña de observación de estrelas dobres no Astrofísico de Byurakan (Armenia) no marco do proxecto ‘Estudo de binarias pechadas de especial interese astrofísico e dinámico na era Gaia’ que dirixe o profesor José Ángel Docobo e financia o Ministerio de Economía, Industria e Competitividade.

Gómez Crespo e Piccotti están facendo uso da cámara de interferometría speckle propia do OARMA acoplada ao telescopio armenio de 2,6 metros de apertura na procura de datos astrométricos e fotométricos de estrelas binarias. Grazas a esta técnica é posible desdobrar binarias cuxa separación angular se atopa preto do límite de resolución do telescopio.

Jorge Gómez e Luca Piccotti, en Armenia. Foto: USC.

Jorge Gómez e Luca Piccotti, en Armenia. Foto: USC.

As estrelas dobres son pares de estrelas asociadas pola mutua atracción gravitatoria, e como consecuencia diso ambas compoñentes describen órbitas en torno ao seu centro de masas común. Entre os diferentes puntos de interese do estudo das estrelas dobres destaca o feito de que a partir das súas órbitas é posible determinar as masas das compoñentes do sistema, sendo a masa dunha estrela á súa vez un parámetro esencial para definir o seu camiño evolutivo.

Aínda máis, desdobrando as chamadas binarias espectrocópicas mediante interferometría speckle conséguese non só determinar as masas por separado das compoñentes, senón tamén obter con precisión a distancia á binaria (paralaxe orbital) o que permite controlar as paralaxes medidas actualmente pola sonda espacial Gaia. “Mesmo finalmente se pode establecer a órbita tridimensional do sistema”, aclara Docobo.

Estas estrelas constitúen a principal liña de investigación do OARMA  xa desde que Ramón María Aller introducise o seu estudo en España. Nos últimos anos, o equipo do observatorio compostelán tivo a oportunidade de poder realizar campañas de interferometría speckle de binarias con grandes telescopios tanto de Europa como de América, que deron lugar a un amplísimo número de órbitas obtidas mediante o uso dun método orixinal de cálculo establecido no OARMA.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.