O virus respiratorio sinticial (VRS) é unha das catro causas principais de pneumonía nas persoas adultas. Con todo, a día de hoxe non existe ningún tratamento efectivo nin unha vacina para loitar contra el, algo que podería cambiar a curto prazo grazas ao estudo clínico que está desenvolvendo a farmacéutica GSK.
“Dispoñer dunha vacina para o VRS no adulto suporá un antes e un despois. É un problema importante nas persoas de idade avanzada, especialmente para aquelas que teñen comorbilidades”, sinala Federico Martinón, xefe de servizo de Pediatría no Hospital de Santiago, que participa na investigación.
Polo momento, o estudo continúa en marcha medindo a eficacia da vacina en diferentes rangos de idade e en diferentes estacións, debido á temporalidade do virus, así como a resposta dos pacientes a doses adicionais da vacina, mais todo apunta a unha revolución: “As análises interinas preliminares parece que cumpren con creces os obxectivos primarios de eficacia e iso é moi boa noticia. Funciona tanto nos adultos maiores de 60 como nos subgrupos específicos de maiores de 70 e para os dous tipos de VRS que hai, tanto o A como o B”, explica o pediatra.
O virus
O VRS é coñecido como ‘a covid dos nenos’, debido á elevada prevalencia e gravidade que supón esta patoloxía nos menores de dous anos e, especialmente, nos primeiros seis meses de vida. Por iso, ao contrario do que ocorre no caso das persoas maiores, si existe unha vacina utilizada en grandes prematuros, a franxa de idade onde está máis estudado o virus.
Ademais, tal e como aclara Martinón, “o índice de sospeita nos pacientes adultos era baixo”. “Hoxe hai estudos que demostran que é unha patoloxía moi importante. A mortalidade dun paciente que ingresa na UCI con VRS é similar á da gripe, entre o 20% e o 25%. Falamos de máis de 360.000 hospitalizacións ao ano e máis de 24.000 mortos a causa desta infección. Son números que poden parecer pequenos obviamente comparados cos que vivimos coa covid, pero son significativos e o feito de dispoñer dunha vacina marcará unha diferenza importante”, engade.
Ata o de agora, os únicos tratamentos que se aplican en pacientes de virus sinticial son para aliviar os síntomas
En canto ao tratamento en adultos, o pediatra é claro: “Non hai antivirais específicos que funcionen”. Así, a única vía terapéutica é a sintomática: aliviar os síntomas que aparecen e subsituír a respiración cando non a hai, xa que a principal afectación do VRS é a inflamación das vías respiratorias, causando bronquiolite e pneumonías.
Ademais, hai que ter en conta os riscos engadidos que provocan as comorbilidades. Martinón explica que, se ben os casos comezan a aumentar a partir dos 60 anos e este incremento é progresivo a medida que aumentan os grupos de idade, a enfermidade pulmonar obstrutiva crónica ou a inmunodepresión poden supoñer un perigo: “A mortalidade é similar á da gripe, pero hai estudos recentes que demostran que o VRS é máis frecuente en persoas con comorbilidades que a gripe”.
A vacina
Á hora de desenvolver unha vacina presentáronse varias dificultades, tanto polo tipo de virus como polo tipo de poboación á que ía destinarse: “Independentemente da idade é difícil atopar a formulación e o antíxeno que funcione ante unha determinada patoloxía. No caso do VRS, ao ser unha infección que podes padecer moitas veces ao longo da túa vida, non foi sinxelo de atopar. Por outra banda, as persoas maiores presentan un sistema inmunolóxico debilitado, ben sexa pola propia idade ou ben porlas enfermidades de base que ten”, manifesta Martinón.
Así, a solución foi combinar un antíxeno e un estimulador da resposta inmune. O primeiro é o punto de fixación do virus ao epitelio do pulmón humano, mentres que o segundo serve para aumentar a resposta ás vacinas. Ademais, no caso deste estimulador hai unha vantaxe: é o mesmo que se utiliza agora na vacina do herpes zóster, xa aprobada e efectiva en adultos.
“Das catro grandes causas de pneumonía, que son covid, gripe, pneumococo e VRS, só falta a vacina do virus sinticial”
FEDERICO MARTINÓN, pediatra
Por outra banda, ao descoñecer a carga real do virus na poboación adulta, non era posible delimitar a necesidade de desenvolver esta vacina: “A sospeita habitual de VRS no adulto é moito máis baixo que nas crianzas, pero a medida que se van facendo máis test na rutina práctica de clínica vemos que é unha causa importante de pneumonía, inclusive nos suxeitos que non teñen patoloxías de base“, sinala Martinón.
Se esta vacina chega a aprobarse tal e como prometen os seus resultados preliminares formaría parte do grupo xa existente para combatir as catro causas principais de penumonía: VRS, gripe, pneumococo e, máis recentemente, covid. A excepción do virus sinticial, nestes momentos as tres patoloxías restantes contan cunha vacina aprobada que manteñen, en maior ou menor medida, a situación controlada.
“No caso do pneumococo, actualmente utilizamos a vacina trecevalente conxugada, a mesma que en crianzas, pero no noso centro estivemos colaborando para poder sacar as de nova xeración: a quincevalente e a vintevalente, que pronto estarán dispoñibles. Non podemos esquecer que a pneumonía é unha das principais causas de mortalidade, especificamente nas persoas de idade avanzada, e dentro da súa prevención só faltaba a vacina do VRS. Dispoñer dela por fin, esperemos que a curto prazo, será revolucionario”, explica o pediatra.
Eses 24.000 doentes que morren ao ano en España… son falecidos co virus ou polo virus?
Moitas grazas.