Antonio Figueras, novo director do Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC

O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) nomeou a Antonio Figueras Huerta, profesor de investigación do CSIC e membro do grupo Inmunoloxía e Genómica, director do Instituto de Investigacións Mariñas ((IIM, Vigo).

Antonio Figueras.
Antonio Figueras.

Van acompañalo na dirección Ángel Francisco González González, investigador científico do CSIC e xefe do Grupo ECOBIOMAR, e Sonia Dios Vidal, científica do CSIC e membro do grupo Inmunoloxía e Genómica, como vicedirectores.
Antonio Figueras Huerta (Vigo, 1957) é licenciado en Bioloxía pola Universidade de Santiago de Compostela (1979) e doutor en Bioloxía pola citada universidade (1984). Científico do CSIC dende 1987, na actualidade é profesor de investigación.
Desenvolve o seu traballo no grupo de investigación “Inmunoloxía e Genómica do IIM“, que ten por obxectivos incrementar o coñecemento sobre a transcriptoma e proteómica da resposta inmune de peixes e moluscos fronte a patóxenos, identificar xenes que se poidan empregar como marcadores en procesos de selección xenética e mellorar a resposta inmune mediante o uso de inmunoestimulantes e vacinas. Dirixe tamén o Laboratorio Nacional de Referencia de Enfermidades de Moluscos Bivalvos. É autor de máis de 200 artigos científicos en revistas de impacto, 34 libros e capítulos de libros. Dirixiu 20 teses doutorais. Foi o coordinador do proxecto Consolider “Aquagenomics“, financiado con seis millóns de euros e no que participaron 18 grupos de investigación. Na actualidade é o investigador principal, entre outros proxectos, de “Mellora da produción en acuicultura mediante ferramentas de biotecnoloxía” e “Secuenciación do xenoma do mexillón galego”.

Figueras foi xa director do IIM e vicepresidente de Investigación do CSIC

No campo da cultura científica, é autor do blog Ciencia Mariña e outros asuntos, premio de comunicación científica na categoría de blogs. É tamén colaborador habitual de GCiencia, onde publica artigos de análise e divulgación, ao tempo que partipou na fundación do noso medio de comunicación e asesora en contidos científicos de toda índole.
En canto á súa experiencia no campo da xestión, foi director do propio IIM (2001-2005) e vicepresidente de Investigación Científica e Técnica (VICYT) do CSIC (2012-2014).
“Os cinco grandes obxectivos cos que afronto esta etapa son fortalecer a estrutura do IIM mediante unha renovación da organización interna e unha adecuación dos protocolos de funcionamento; manter e mellorar o seu nivel de produción científica e calidade na investigación para responder aos retos sociais; incrementar a aposta polo compromiso público-privado para contribuír ao liderado industrial; impulsar sinerxías e alianzas con outras institucións nacionais e internacionais e promover a cultura científica e tecnolóxica”, avanza Antonio Figueras Huerta.

Publicidade

Premiado como divulgador científico, Figueras é colaborador destacado de GCiencia

CSIC é a maior e máis importante institución pública dedicada á investigación en España e a terceira de Europa. Adscrita ao Ministerio de Economía e Competitividade, o seu obxectivo é desenvolver e promover investigacións en beneficio do progreso científico e tecnolóxico.
En Galicia, o CSIC conta cunha Delegación Institucional en Santiago de Compostela e cinco centros de investigación (Misión Biolóxica de Galicia, Instituto de Estudos Galegos “Padre Sarmiento”, Instituto de Investigacións Mariñas, Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia, Instituto de Ciencias de Patrimonio), e está presente noutras iniciativas e entidades.
O IIM é un centro propio do CSIC creado en 1951 como laboratorio costeiro dependente do Instituto de Investigacións Pesqueiras de Barcelona, do que se desvincula en 1978. Adopta a súa denominación actual en 1986. Antes de situarse na súa sede actual, en Bouzas, onde está dende 1973, estivo no antigo Colexio Alemán (1951-1960) e na avenida de Beiramar (1961-1973).
O centro estrutúrase en torno a catro departamentos: Oceanografía, Recursos e Ecoloxía Mariña, Biotecnoloxía e Acuicultura e Tecnoloxía de Alimentos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Doces de proteína de insecto e outros proxectos da UVigo xunto á Universidade do Minho

Un dos traballos da colaboración propón o uso de biosurfactantes prebióticos para aplicacións dérmicas

A fronteira con Portugal é a área de Galicia con maior presenza do mosquito da malaria

O insecto leva anos na comunidade pero o parasito non está en circulación, polo que o risco de transmisión autóctona é baixo

Un equipo logra producir serotonina a partir dun fermento do viño

O grupo de investigación elaborou a chamada 'hormona da felicidade' de forma máis barata e ecolóxica a partir dunha cepa vínica

Vigo lidera unha investigación que permitirá fabricar con biocomposites no sector náutico

A empresa viguesa Amura pon en marcha o primeiro Centro privado de Investigación e Desenvolvemento no que se construirá un prototipo de embarcación integramente en liño