Nina Epton, a aventureira inglesa que se namorou de Galicia nos anos 50

Percorreu a xeografía galega hai sete décadas e documentou no libro 'Uvas e granito' as nosas xentes, paisaxes e cultura

As uvas e o granito non teñen aparentemente nada en común. Nin a cor, nin a consistencia, nin sequera o tamaño. Pero a escritora e aventureira inglesa Nina Epton, que percorreu Galicia a comezos dos anos 50, considerou que eran as dúas palabras que mellor podían describir unha terra engaiolante, da que se namorou nunha viaxe de verán polas catro provincias galegas. Neste 2023 fanse 70 anos dende que Epton arribou ao porto de Vigo cargada de curiosidade e expectativas. Co seu afinado sentido da observación, e o atrevemento que xa a levara a percorrer soa parte de España e do Norte de África, chegou a Galicia por mar en 1953 para deixar testemuño escrito das nosas paisaxes, tradicións, monumentos, gastronomía e, tamén, das nosas xentes. Guiada en todo momento polo escritor Francisco Fernández del Riego, a súa viaxe quedou plasmada no libro Grapes and granite (en galego, Uvas e granito) que se publicou en 1956.

A súa obra saíu á luz en inglés e tardou case 30 anos en ser traducida ao galego. Foron os irmáns Fernández del Riego os que se ocuparon de cumprir o desexo expreso da autora, recollido nunha carta escrita o 11 de abril de 1956: “Gustaríame que algún día este libro fose editado na vosa fermosa fala. Dende logo, teño que voltar a Galicia. Non é un país que se poida esquecer”. Con estas palabras concluía Nina Epton unha misiva dirixida a Francisco Fernández del Riego, autor do limiar de Uvas e granito, editado por Ir Indo. Na súa introdución, o escritor pon en valor o tratamento do costumismo, da paisaxe e dunha observación tan detallada como acertada. “Os galegos debémoslle á escritora inglesa un obrigado agradecemento”, declara Fernández del Riego, enfatizando a capacidade de Epton de captar unha atinada visión de Galicia.

Publicidade

Unha muller sen fronteiras

Portada de Uvas e granito. Foto: Amazon

Dende o berce, Nina Epton tiña claro que era unha muller de mundo. Naceu en Hampstead, en Londres, en 1913. Filla dun escocés, o segundo nome de Nina, Consuelo, dá pistas do outro 50% do seu ADN: a súa nai era española. Cun control completo do castelán e do inglés, aventurouse a viaxar por diferentes recunchos do mundo, entre os que tamén engade Indonesia. Un dos que máis a engaiolou foi Galicia, a onde chegou con 40 anos e despois dunha carreira como escritora e produtora de radio na BBC e unha coidada educación en Francia, onde frecuentou a Sorbona. A través dos seus ollos experimentados, Epton deixou pegada en Galicia e naqueles que a coñeceron, legando un testemuño de indubidable valor daquela terra dos 50.

En Galicia, a aventureira inglesa visitou todas as provincias, incontables vilas e centos de persoas que se cruzaron no seu camiño: dende o círculo galeguista ata os anónimos. Nos sete capítulos dos que se compón o seu libro, dálle protagonismo á baía de Vigo, o primeiro lugar ao que chega; pero tamén aos mosteiros salpicados pola Ribeira Sacra, as festividades de Santiago, as montañas de Lugo e Ourense, a penedosa costa do norte e, como non podía ser doutra maneira, a maxia que acubillan as Rías Baixas. Epton tamén fai un repaso breve e conciso sobre a historia de Galicia e fai unha descrición das súas xentes cargada de poesía: “O carácter dun pobo é o daqueles que contemplan o océano implacable dunha terra de granito e toxo”. E malia dicir que o chan de Galicia é “pobre”, enfatiza a fermosura dunha terra que foi “inspiración para os trobadores”.

Dende o mar

Un dos aspectos que máis destaca da escrita de Epton é a súa capacidade para relacionar ideas; fiar metáforas. Unha das descricións máis fermosas que fai ao longo das 300 páxinas de Uvas e granito fai referencia ás rías, “fiordos latinos onde se dá o viñal”. Aínda que pon en valor a súa “luminosidade mediterránea”, as néboas que cobren habitualmente as rías galegas teñen máis que ver coa súa Inglaterra natal. Tratando de establecer vínculos coas illas británicas, enfatiza o pasado celta de Galicia, as gaitas, as muiñeiras, os coros e os cruceiros. Todos eles elementos que a vinculan emocionalmente a unha terra que, pese a estar a máis de 1.000 quilómetros de distancia do seu fogar, consegue manter vínculos inmateriais co decorrer dos séculos coas illas británicas.

Epton describe as rías galegas como “fiordos latinos onde se dá o viñal”

As semellanzas non son o único no que se detén Epton, que fai unha minuciosa análise das diferenzas. Un dos capítulos máis curiosos é, precisamente, o que adica ás Rías Baixas. A escritora buscaba un hotel na costa, nalgún lugar tranquilo. Vigo non a convencía polo balbordo da xente e os areais do norte considerábaos inhóspitos, con poucas opcións para os turistas, malia a súa beleza. A ría de Arousa e, en concreto, a illa da Toxa, alzáronse como alternativa, pero Epton recolle os consellos dos achegados: “O luxoso hotel e o casino eran os de máis de moda e estaban invadidos polos ricos mandamais de Madrid”. Fóra diso, a viaxe en autobús por Ponteveda engaiolou á aventureira británica, que asegura que nunca se cansaría do camiño ata chegar á Toxa. “Segue a liña dunha costa infinitamente máis variada e engaioladora que calquera das populares rivieras de Europa”, declara no libro.

As súas descricións desprenden un afinado sentido da observación, pero tamén da literatura. De ningunha outra maneira se pode entender que describa as dunas da praia da Lanzada “como unha miniatura do Sáhara á beira do mar”. Ou que critique o barullo dos turistas franceses e españois en Sanxenxo, fronte “ao pobo auténtico” que viven entre as casas brancas e os mercados do peixe. Ou que retrate con precisión o carácter de Dona Luisa, natural de Portonovo pero dona dunha fonda en Sanxenxo. O seu lugar de nacemento, en palabras da propietaria, “era notablemente sucio e máis atrasado”. E atribuía esta notable diferenza entre dous puntos situados a tan só uns quilómetros á falta de turismo. Como non había estranxeiros en Portonovo, o receo era habitual.

O camiño ata chegar á Toxa era “infinitamente máis variado e engaiolador” que calquera outro lugar semellante de Europa

Pero unha das anécdotas máis potentes e curiosas de todas as que retrata Nina Epton ten que ver coa lonxa. A súa minuciosa observación fixo que retese detalladamente os conflitos na poxa do peixe, con frecuentes berros entre as de Sanxenxo e Portonovo; outra mostra da aparente rivalidade entre as dúas vilas. A descrición da aventureira británica capta o momento cunha mirada que traspasa a barreira do antropolóxico: “Cando as mulleres de Sanxenxo comezaban a falar tan abafalladamente (fan iso polo común cando son vencidas na poxa do peixe do mercado polas de Portonovo) estas últimas bótanse sobre elas enrabechadas, agárranas polo cabelo e derrúbanas no po (Isto non quita, sen embargo, para que fagas as paces e volvan ser as mellores amigas pola noite”.

Ata o interior

Epton percorreu os recunchos máis icónicos de Galicia e non só se deteu na costa. Coñeceu a cidade de Ourense, as súas augas termais, e tamén a Ribeira Sacra. Quedou fascinada cos mosteiros de Santo Estevo de Ribas de Sil e de Oseira e criticou o estado de abandono e o roubo de pedras por parte dos veciños para usar nas súas propias casas. Sete décadas despois, os dous se atopan en moi bo estado de conservación e, de feito, o primeiro está dentro da rede de paradores nacionais. Pero isto non foi o único que salientou de Ourense: tamén enfatizou a superstición das súas xentes. “Durante as tronadas, invócase a Santa Bárbara, guíndanse ao aire pelotas de cera bendecidas contra nubeiros e acéndense velas especiais nos fogares dos aldeáns supersticiosos”, apunta no libro.

“O Piornedo era tan incómodo como unha trincheira da Primeira Guerra Mundial”

NINA EPTON, aventureira e escritora inglesa

Como non podía ser doutra maneira Epton tamén coñeceu Santiago de primeira man, baixo a guía de Francisco Fernández del Riego. Percorreu todo o seu centro histórico, descubriu a historia de Santiago Apóstolo, que tamén plasma no libro, e fai referencia ao histórico café Derby, hoxe desaparecido, no que tomou un almorzo de café e biscoitos. Viviu os festexos daquel Santiago de 1953 e visitou a tomba de Rosalía. De feito, deteuse a ler un libro xunto á estatua da Alameda, de onde refire a seguinte anécdota: “Rara vez fun amocada polos piropos dos galáns locais, e cando o fun abondoume baixar o libro, fitar aos ollos dos cabaleiros, e dicirlle friamente que eu viñera á alameda a desfrutar de paz, acougo e do meu libro”. Moitos deles, di Epton, responderon ofendidos.

Tampouco podía faltar a montaña luguesa, os Ancares, o Piornedo e as pallozas, onde tan mal o pasou Epton durante os días que conviviu cunha familia local. Faltaba a comida, o tempo era adverso, e a lama da entrada e o frío introducíanse devagar en cada recuncho do seu corpo. Tan desagradable foi a experiencia que chegou a describila desta maneira: “O Piornedo era tan incómodo como unha trincheira da Primeira Guerra Mundial”. Non podía entender, tal e como queda reflectido no seu libro, por que había xente que aínda vivía naquela Galicia tan inhóspita. Pese a todas as experiencias que viviu Epton en Galicia, o recordo desta terra quedou impregnado nela. O soño de que Grapes and granite se traducise ao galego cumpriuno o seu amigo Francisco. E hoxe, todos os galegos lle agradecen un testemuño cheo de agarimo pero, tamén, dun indubidable valor etnográfico. Aquela Galicia dos 50 quedou gravada a lume, e na tinta, daquela aventureira inglesa indómita, observadora e incisiva.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas