Xoves 25 Abril 2024

Un congreso internacional trata en Lugo a situación dos migrantes e refuxiados en Europa

A análise da situación actual dos emigrantes e refuxiados en Europa, o debate sobre a resposta política e socioeducativa que se está a dar para atender as singularidades que presentan estes colectivos vulnerables e a sensibilización sobre a necesidade de formación técnica para a atención de emigrantes e refuxiados, son tres dos obxectivos do I Congreso Internacional Migración e Refuxio en Europa. Este foro, organizado pola UNED e a USC e que botou a andar este mércores na Facultade de Humanidades de Lugo, busca asemade “dar voz e visibilidade” aos millóns de persoas que se viron obrigadas pola guerra a abandonar os seus países para salvar as súas vidas e agora transitan por Europa na procura de asilo ou refuxio para gozar dunha nova oportunidade.

As directoras deste congreso, que prolongará a súas sesións ata o 28 de outubro e no que formalizaron a súa inscrición 130 persoas, as profesoras da USC, María Dolores Fernández Tilve, e da UNED, María del Pilar Quicios García, salientaron no acto de o carácter académico do I Congreso Internacional Migración e Refuxio en Europa, un foro que se presenta como un espazo aberto de aprendizaxe, reflexión e análise da situación das migracións no vello continente e que pretende ser útil para a articulación de solucións a unha problemática internacional.

Publicidade

A catedrática de Traballo Social da Universidade de Castilla La Mancha, María José Aguilar, abriu a quenda de intervencións deste congreso, en cuxo programa tamén figuran como relatores Carlos Uriarte Sánchez, membro do Consello da Presidencia da Unión Paneuropea Internacional; o embaixador de Bosnia e Herzegovina en España, Darko Zelenika; a segunda secretaria de Asuntos Europeos da Embaixada de Hungría en España, Adrienn Nasz, e o refuxiado sirio e alumno da USC Mohamad Kamal Aldalati. Tamén Juan Iglesias Martínez, da Cátedra de Refuxiados do Instituto Universitario de Estudos sobre Migracións da Universidade Pontificia de Comillas; Carlos Aparicio de Santiago, do Grupo de Acción Sindical (GAS) que está a traballar con refuxiados en Alemaña, e o director do Secretariado da Comisión Episcopal de Migracións de España, José Luis Pinilla, entre outros dos relatores que tamén intervirán neste congreso.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Satélites e drones para vixiar a calidade da auga dos encoros

A spin off da USC 3edata desenvolve en colaboración coa UDC e UNED un sistema con sensores multiespectrais que publican na revista 'Remote Sensing'

A Universidade da Coruña ofrece bolsas para refuxiados

O programa permitiu xa a incorporación de dúas mozas venezolanas que veñen de iniciar os seus estudos na Universidade da Coruña

Mapas para combater o ébola desde Galicia

Un equipo de universitarios traballa desde Santiago na cartografía de campos de refuxiados e vilas afectadas pola epidemia entre Congo e Uganda

O exilio, drama e oportunidade para o talento científico

A xornada "Persoas Refuxiadas ConCiencia" recolleu en Santiago a experiencia de varios científicos que sufriron a represión nos seus países de orixe