Cortalume, unha nova serie para coñecer a experiencia de Firepoctep contra os incendios

GCiencia estrea un programa semanal de contidos audiovisuais para percorrer as innovadoras actividades dos investigadores da UVigo no proxecto europeo

Reproducir dixitalmente os bosques, vixiar con cámaras térmicas o monte, coñecer o uso do fogo prescrito en Portugal, guiar os bombeiros de noite nun incendio cun dron intelixente ou escoitar na biblioteca dunha escola rural os que loitan contra as chamas sobre o terreo.

Estas son só algunhas das experiencias científicas levadas a cabo por un equipo multidisciplinar da Universidade de Vigo do que forman parte enxeñeiros forestais, industriais, de aeronáutica e profesionais das Ciencias da Educación que traballan neste proxecto desde hai máis de dous anos na chamada “área piloto 4”, O Baixo Miño en Galicia, e o Alto Minho portugués.

Unha entrega semanal

Un equipo de GCiencia foi testemuña de excepción das súas actividades nos últimos meses e, ata abril, publicará cada semana unha entrega do seu proxecto Cortalume, consistente en reportaxes escritas e audiovisuais sobre o traballo que se leva a cabo nos campus de Vigo, Ourense e Pontevedra para fortalecer os sistemas de prevención e extinción de incendios forestais na zona fronteiriza da raia, entre España e Portugal. Os contidos tamén poderán seguirse nas redes sociais e plataformas de vídeo do portal da ciencia galega. 

O proxecto arrinca este xoves cunha reportaxe na que os líderes dos catro grupos científicos da UVigo explican e presentan Firepoctep, do que forman parte outros 20 socios dos dous países entre institucións, organismos e entidades baixo o liderado da Junta de Andalucía. 

O proxecto Firepoctec confórmano 21 socios de España e Portugal

O Club de Aeromodelismo de Ourense, a zona protexida de Corno do Bico no concello portugués de Paredes de Coura, o concello da Guarda e o taller da Escola de Enxeñaría Industrial da UVigo son algúns dos escenarios nos que se desenvolverán as próximas reportaxes con entrevistas, simulacións dixitais e vídeos didácticos que nos axudarán a entender que podemos facer a nivel individual na prevención do lume e, sobre todo, a saber como protexernos en caso de incendio forestal.

Firepoctep é un proxecto que se leva a cabo dentro do programa de cooperación Interreg da Unión Europea que axuda a facer realidade aquelas iniciativas que propoñen solucións aos retos de desenvolvemento das rexións no espazo comunitario en diferentes ámbitos como a urxente adaptación dos territorios ao cambio climático

A serie de reportaxes respectará o estilo divulgativo característico de GCiencia, considerado en 2019 o Mellor Novo Medio de Divulgación do Estado polo xurado dos premios Prismas, o máis importante dos que se reparte no campo da difusión da cultura científica en España. GCiencia é o primeiro dixital galego en redes sociais e conta con outros galardóns, como o Premio da Crítica de Galicia e o Rosalía de Castro da Deputación da Coruña.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.