Unha páxina na Wikipedia para as científicas pioneiras en Galicia

Cartel da exposición spbre as científicas pioneiras da USC, que percorrerá os institutos de Santiago de Compostela. Imaxe: USC.
Cartel da exposición spbre as científicas pioneiras da USC, que percorrerá os institutos de Santiago de Compostela. Imaxe: USC.

Nin unha soa das pioneiras da ciencia en Galicia sen a súa páxina de Wikipedia na súa versión galega. A enciclopedia máis famosa da rede é hoxe en día, coas súas limitacións, unha fonte de información clave para moitas persoas. E nisto se basean a Universidade de Santiago de Compostela e a Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas de Galicia (Amit-Gal) para impulsar o martes 20 de febreiro unha xornada que levará o nome de Editatona.

A organización seleccionou unha lista de 85 mulleres que estudaron na USC entre 1910 e 1960

A actividade, que terá lugar na Biblioteca Concepción Arenal – aínda que tamén se poderá participar de xeito virtual – celebrarase de 9 a 14 horas, no marco dos actos de conmemoración do Día Internacional das Mulleres e as Nenas na Ciencia. O obxectivo é editar e mellorar colectivamente as biografías das científicas pioneiras en Galicia, así como as súas achegas.

Para participar é preciso un rexistro previo e hai que seguir unha serie de requisitosque se poden consultar nesta ligazón – co obxectivo de facilitar o traballo e garantir a calidade dos contidos.

A organización da Editatona seleccionou unha lista de 85 mulleres que estudaron na USC entre 1910 e 1960, baseándose na tese de doutoramento realizada pola investigadora Xoana Pintos, doutora en Historia das Ciencias e das Técnicas, e presentada en 2015 baixo a dirección de Ricardo Gurriarán. Nesta lista hai algunhas biografías que xa existen pero das que se propón unha ampliación e/ou mellora (Ángeles Alvariño, Manuela Barreiro, Elisa e Jimena Fernández de la Vega, Antonia Ferrín, Inmaculada Paz Andrade e Olimpia Valencia), así como unha longa relación de científicas formadas na USC e que aínda non teñen a súa biografía publicada na Galipedia.

Outras actividades para homenaxear ás pioneiras

Alén da Editatona, a Oficina de Igualdade da USC e a Biblioteca Universitaria celebran varios actos para visibilizar o traballo das científicas. Desde este mes de febreiro, unha exposición itinerante impulsada coa colaboración do Concello de Santiago que percorrerá varios institutos de secundaria do municipio. A primeira delas rematará no IES Pontepedriña este xoves 15, e a mostra continuará no Xelmírez II (16-22 de febreiro), Antonio Fraguas (23 de febreiro-1 de marzo), Xelmírez I (2-8 de marzo), Eduardo Pondal (9-15 de marzo) e Fontiñas (16-22 de marzo).

Por outra banda, a celebración do Día da Muller na Ciencia tamén entrará no ciclo “Reactiva a túa química”, organizado pola Facultade de Química. Así, este mércores 14, a doutora Xoana Pintos pronunciará a conferencia “Non só Marie Curie” ás 13 horas na Aula Magna da Facultade.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.