O gas radon residencial provoca cancro de esófago

Microcarcicoma de esófago
Microcarcicoma de esófago. / Wikipedia

Investigadores do Laboratorio de Radon de Galicia da Universidade de Santiago de Compostela confirman nun estudo a relación entre maiores niveis de concentración de gas radon nos domicilios e o cancro de esófago. A revista International Journal of Radiaton Biology publica o estudo que consigue demostrar unha relación directa entre a acumulación de gas residencial e a mortalidade por esta enfermidade.

Para realizar este estudo, os investigadores do Laboratorio de Radon mediron a concentración deste gas en máis de 3.500 domicilios galegos e lugares de traballo, fundamentalmente de administracións públicas, e compararon os datos descubrindo que os municipios cunha maior concentración de radon residencial presentan tamén maior mortalidade por cancro de esófago entre os varóns non fumadores. O profesor Alberto Ruano da USC lidera esta investigación, na que tamén participaron expertos do Centro Nacional de Epidemiología del Instituto de Salud Carlos III.

Anos de investigacións

O Laboratorio de Radon da USC leva anos investigando a relación entre as concentracións de radon residencial e diferentes tipos de cancro, atopando probas que asocian a enfermidade e o gas. Este mesmo equipo publicou recentemente outro estudo que concluía que existe unha forte asociación entre radon residencial e cancro pulmonar e actualmente están a traballar nunha investigación que se centra en suxeitos nunca fumadores, e que tamén relaciona o radon residencial cun maior risco de padecer cancro de pulmón.

O gas radon é un carcinóxeno humano recoñecido pola Organización Mundial da Saúde que se acumula de xeito natural no interior dos domicilios e outros ambientes pechados. O radon residencial é a primeira causa de cancro de pulmón en suxeitos non fumadores e o segundo factor de risco desta enfermidade nos fumadores. Os mapas de radón residencial cos índices de concentración en diferentes zonas de Galicia poden atoparse na web do Laboratorio de Radon.

O Laboratorio de Radon de Galicia ven de acadar o financiamento preciso para a realización dun novo estudo que afonde no proceso biolóxico polo que o radon produce cancro de pulmón. A investigación, dirixida polo profesor Miguel Barros, analizará durante os vindeiros tres anos 1.400 suxeitos, grazas aos 120.000 euros captados do Fondo de Investigacións Sanitarias.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.